Skip to Content

Lingua galega

Latín en feminino

Neste curso o latín é cousa de mulleres: cinco alumnas e a profesora. Esta visión feminina posiblemente afectará ao xeito de impartir as clases.

Para achegarnos á materia partimos dunha pintada que se conserva en Pompeia e na que se pode ler: "Hic habitat felicitas". Decidimos facer unha enquisa entre todo o alumnado de secundaria (e algún profesorado que se quixo sumar) para saber onde pensan que habita a felicidade. O resultado reflectímolo nun mural que expuxemos no recibidor de Tecnoloxía.

Unha icona para Galicia

Para comezar o curso pedímoslle ao alumnado de 4º que buscase unha imaxe para representar a Galicia, é dicir, que puidese constituírse na súa icona.

O resultado é, cando menos, curioso:

  • cinco seleccionaron algún tipo de alimento (polbo á feira, 2; pementos de padrón, 1; cocido, 1; torta de Santiago, 1);
  • catro inclináronse polos hórreos e outros catro por animais (2 vacas e 2 cabras);
  • empatan a dous votos o baile galego, a cuncha de peregrino, a cervexa Estrella Galicia e varios monumentos ou lugares emblemáticos de Galicia (a Catedral de Santiago e a Torre de Hércules);
  • e, por último, só unha persoa mencionou a flor de toxo, unha fraga ou o escudo do Deportivo.

Ninguén se lembrou das características identitarias da nosa terra tales como a lingua galega ou os símbolos oficiais de Galicia (a bandeira, o escudo ou o himno).

As súas respostas semellan máis propias de calquera persoa allea, dun turista...

É esa a idea que ten de Galicia a nosa mocidade?

Quizais deberiamos pararnos a reflexionar sobre isto.

 

ÚLTIMAS TAREFAS

DÍA DE EUROPA (III)

Para rematar a mañá, tivo lugar un divertido concurso de baile baseado en Eurovisión.

Cada grupo seleccionou unha canción que participase en calquera das súas edicións en Eurovisión. A partir de aí o alumnado elaborou unha coreografía que defendeu diante de todas as persoas do centro.

grupo

país

título canción

intérprete/s

1ºA

Francia

Bim Bam Toi

Carla

1ºB

Italia

Soldi

Mahmood

2ºA

Suecia

Euphoria

Loreen

2ºB

Moldavia

Run away

Sustroke project & Olia Tira

3ºA

Grecia

Rise Up

Freaky Fortune feat. RiskyKidd

3ºB

República Checa

Lie to me

Micolas Josef

4ºA

España

Chiquilicuatre

El chiqui chiqui

4ºB

Chipre

Fuego

Eleni Fureira

 

Mediante os móbiles realizouse unha votación popular para designar ao país gañador, que resultou ser 4ºA representando a España coa canción “El chiqui chiqui” (de Chiquilicuatre).

DÍA DE EUROPA (II)

A continuación, para seguir conmemorando o Día de Europa, repartiuse o alumnado en dous grandes bloques que logo intercambiaron os seus roles: un competiu en actividades deportivas e outro participou nunha xincana sobre os distintos Camiños de Santiago. Nesta última existían dous niveis en función da dificultade.

Na xincana, ademais das 24 preguntas relacionadas cos camiños (tres preguntas por cada un dos oito camiños seleccionados), propuxéronselles varios retos:

  • Para os maiores: facerse unha foto cun enfoque picado, conseguir doce obxectos esféricos, signar o nome do camiño que corresponda, fotografarse con alguén chamado Mateo, localizar un libro escrito por algún autor chamado Francisco, cantar e bailar adaptando unha canción infantil, entre outros.
  • Para os pequenos: localizar un astronauta, debuxar unha persoa empregando só números, construír unha torre de naipes, fotografar seis pés á vez con calzado diferente, nadar en seco, atopar un compañeiro que teña un bocadillo elaborado con produtos derivados do porto, facer dez sentadiñas á vez, entre outros.

 

 

DÍA DE EUROPA (I)

O venres conmemoramos no centro o Día de Europa cunha serie de actividades do máis variadas e completas.

Comezamos o día co alumnado de 4ºESO, que percorreu as aulas para dar o coñecer os Camiños de Santiago.

Nos días previos esta rapazada elaborou uns vídeos para documentar os distintos camiños (francés, inglés, portugués, do Norte, primitivo, de inverno e a Vía da Prata) e creou unha serie de xogos interactivos en rede (kahoots) para poñer en práctica o coñecemento sobre o tema.

Así, armados con este material acudiron a todos os grupos de secundaria (e aos dous de 6º de EP) para compartir o seu traballo ao longo dunha sesión de cincuenta minutos.

Esta actividade implicou investigación, elaboración e exposición, polo que resultou moi enriquecedora para todos.

Unha visita europea

Como principio da fin do proxecto de Escolas Parlamentaria da UE hoxe recibimos unha visita moi especial: veu ao centro o eurodeputado do PSdG-PSOE Nicolás González Casares.
Contamos na mesma visita coa presenza do alcalde de Cerceda, Juan Manuel Rodríguez García, e da deputada autonómica Begoña Rodríguez Rumbo, co que o alumnado puido achegarse aos seus representantes en case todos os ámbitos da política: local, autonómica e europea (faltou a representación estatal).
O eurodeputado comentou algúns aspectos significativos do funcionamento da Unión Europea e contestou algunhas preguntas do alumnado.
Entre as súas respostas cómpre salientar a defensa que fixo dos políticos como profesionais ao servizo do pobo e da política como ben necesario para a nosa vida diaria (a educación, a sanidade, a economía...).
A súa intención era, sen dúbida, atraer á xuventude cara á política para espertar o seu interese e lograr unha maior implicación pola súa parte: o que eles queiran ser, facer ou ter no futuro deberán defendelo dende agora mesmo.
Para rematar, o alumnado non se esqueceu de sacar o tema da oficialidade do galego, catalán e éuscaro no Parlamento Europeo, ao que Nicolás González respondeu de forma diplomática, como non podía ser doutro modo, mostrando a súa simpatía cara á iniciativa pero indicando as dificultades organizativas que isto suporía na UE.
En definitiva, unha interesante visita que sen dúbida deixará unha impronta no alumado e que agradecemos profundamente, tanto a González Casares pola súa dispoñibilidade e o seu tempo, como a todos os que fixeron posible a súa presenza.
 
 
Distribuir contido


by Dr. Radut