Skip to Content

Lingua galega

ÉRASE UNHA VEZ EN RIANXO

Hoxe o alumnado de 4º ESO desprazouse a Rianxo para realizar o roteiro de Castelao e visitar a Casa-Museo de Manuel Antonio.

Tiveron a sorte de contar cun día fantástico e así poder aproveitar mellor o tempo para coñecer os espazos  vitais de dous dos autores máis fundamentais da literatura galega.

Aberta a temporada de saídas do Departamento de Galego no curso 2022/2023

Nesta ocasión co alumnado de 4º ESO viaxamos a Cambados (Pontevedra) para coñecer de primeira man os espazos vitais do “poeta da raza”, Ramón Cabanillas.

Pola mañá percorremos a vila visitando as diferentes casas do autor (a casa natal, os diferentes domicilios familiares ou a derradeira vivenda, na que falece), algunhas prazas relacionadas con el (a Praza de Fefiñáns, a Praza Asorey,  a Praza de Alfredo Brañas e a Praza Cabanillas), igrexas significativas na súa biografía (de San Bieito, de San Francisco e a Ermida da Pastora), pazos de especial interese (o Pazo de Ulloa, o Pazo de Montesacro, o Pazo Torrado e a Casa dos Fraga) ou aqueles lugares imprescindibles de Cambados (Ruínas Santa Mariña, Torre San Sadurniño, Casa do Concello, Paseo da Calzada) e, finalmente, o cemiterio.

Pola tarde rematamos a actividade no Museo de Cabanillas. Un broche perfecto para esta xornada.

PROGRAMACIÓN LOMCE 2º E 4º ESO

Este curso 2022/2023 presenta unha particularidade: á vez que se abre un novo camiño educativo ao entrar e vigor a LOMLOE para os cursos impares da Educación Secundaria Obrigatoria (1º e 3º ESO), continúa vixente a LOMCE nos cursos pares (2º e 4º ESO). 

Achegamos nesta entrada as programacións de Galego para estes dous últimos niveis, ademais da que corresponde á materia de Latín, asignada ao noso departamento.

Adenda da programación didáctica

A disposición transitoria cuarta da Orde do 25 de xaneiro de 2022 (publicada no DOG en data 11/2/2022), pola que se actualiza a normativa de avaliación nas ensinanzas de educación primaria, de educación secundaria obrigatoria e de bacharelato no sistema educativo de Galicia estabelece que se ha de adaptar a concreción curricular para a adecuar as mudanzas normativas na avaliación, na promoción e na titulación. E co fin de garantir o dereito do alumnado a que o seu rendemento se valore consonte criterios de plena obxectividade, os centros docentes adoptarán as medidas precisas para facer públicos e comunicar ás familias os criterios de promoción e, se for o caso, os criterios de titulación que resultarán de aplicación no curso 2021-2022.

 Atendendo á modificación da normativa o departamento acorda:

  • Manter os criterios xerais para a avaliación, e se for o caso, a promoción e a titulación.
  • Adoptar novos plans de reforzo ou de recuperación personalizados para o alumnado no período comprendido entre o remate da 3ª avaliación (6 de xuño) e a avaliación ordinaria (23 de xuño).

 Estes novos plans consisten en:

  • O alumnado que ten aprobada toda a materia realizará dunha serie de actividades de carácter máis lúdico ou que implican unha elaboración que non resulta doada (ou que non acae ben) no transcurso das diferentes avaliacións.

Por exemplo, gravar os vídeos que propuxeramos para o programa “Dígocho eu” e que non foron seleccionados, deste xeito aproveitamos o traballo feito e comprobamos a viabilidade do proxecto.
Por suposto, estas actividades terán o seu reflexo nas cualificacións finais pois poden tanto subir como baixar a nota do alumnado.

  • O alumnado que ten algunha parte da materia pendente realizará diferentes probas atendendo a cada un dos instrumentos de avaliación. Por exemplo, proporáselles a lectura dalgunha obra de interese, elaborar traballos de investigación, realizar exposicións orais na aula ou mesmo algunha proba escrita de carácter práctico.

Todas estas actividades estarán dirixidas polo docente para que o alumnado acade os mellores resultados e acade os obxectivos mínimos para a promoción ou a titulación.

A realización destas actividades queda en parte supeditada á reorganización do alumnado nas aulas ou á flexibilización do horario do profesorado no período antes citado do 6 ao 23 de xuño. Estas medidas han de ser adoptadas polo centro para unha adecuada organización dos espazos e tempos, o que favorecerá un mellor aproveitamento dos coñecementos por parte do alumnado.

XOGANDO COAS PALABRAS

Xogando cos tipos de palabras o alumnado de 2ºESO B fixo algúns poemas moi interesantes, a ver que vos parecen...

Programación de Latín

Programación do Departamento de Lingua Galega e Literatura 2021/2022

Distribuir contido


by Dr. Radut