Skip to Content

Adenda da programación didáctica

A disposición transitoria cuarta da Orde do 25 de xaneiro de 2022 (publicada no DOG en data 11/2/2022), pola que se actualiza a normativa de avaliación nas ensinanzas de educación primaria, de educación secundaria obrigatoria e de bacharelato no sistema educativo de Galicia estabelece que se ha de adaptar a concreción curricular para a adecuar as mudanzas normativas na avaliación, na promoción e na titulación. E co fin de garantir o dereito do alumnado a que o seu rendemento se valore consonte criterios de plena obxectividade, os centros docentes adoptarán as medidas precisas para facer públicos e comunicar ás familias os criterios de promoción e, se for o caso, os criterios de titulación que resultarán de aplicación no curso 2021-2022.

 Atendendo á modificación da normativa o departamento acorda:

  • Manter os criterios xerais para a avaliación, e se for o caso, a promoción e a titulación.
  • Adoptar novos plans de reforzo ou de recuperación personalizados para o alumnado no período comprendido entre o remate da 3ª avaliación (6 de xuño) e a avaliación ordinaria (23 de xuño).

 Estes novos plans consisten en:

  • O alumnado que ten aprobada toda a materia realizará dunha serie de actividades de carácter máis lúdico ou que implican unha elaboración que non resulta doada (ou que non acae ben) no transcurso das diferentes avaliacións.

Por exemplo, gravar os vídeos que propuxeramos para o programa “Dígocho eu” e que non foron seleccionados, deste xeito aproveitamos o traballo feito e comprobamos a viabilidade do proxecto.
Por suposto, estas actividades terán o seu reflexo nas cualificacións finais pois poden tanto subir como baixar a nota do alumnado.

  • O alumnado que ten algunha parte da materia pendente realizará diferentes probas atendendo a cada un dos instrumentos de avaliación. Por exemplo, proporáselles a lectura dalgunha obra de interese, elaborar traballos de investigación, realizar exposicións orais na aula ou mesmo algunha proba escrita de carácter práctico.

Todas estas actividades estarán dirixidas polo docente para que o alumnado acade os mellores resultados e acade os obxectivos mínimos para a promoción ou a titulación.

A realización destas actividades queda en parte supeditada á reorganización do alumnado nas aulas ou á flexibilización do horario do profesorado no período antes citado do 6 ao 23 de xuño. Estas medidas han de ser adoptadas polo centro para unha adecuada organización dos espazos e tempos, o que favorecerá un mellor aproveitamento dos coñecementos por parte do alumnado.



story | by Dr. Radut