Skip to Content

Lingua galega

Aproximación ao (de)sexo

O 6 de febreiro o alumnado de 3º e 4º da ESO participou nunha actividade consistente nun teatro-foro co título de “A pornografía na adolescencia”, da man da compañía Talía Teatro.

Tratábase dun programa de investigación teatral que terá como finalidade a montaxe dunha peza dramática titulada “Desexo”.

O punto de partida era unha serie de escenas inconclusas para as que o alumnado debía facer propostas coas distintas formas de continuar e os finais posibles.

Para levar a cabo a actividade contamos cunha parella de actores, Marta Ríos e Daniel Trillo, que interpretaban todas as escenas; Bárbara Penas, a sexóloga que asesoraba o programa; e Diego Rey, coordinador do programa e director da obra resultante.

Un interesante programa que pon de manifesto o traballo que aínda queda por facer coa mocidade.

Coñecendo as nosas institucións

Hoxe o alumnado de 2ºESO participou no programa “Coñece as túas institucións” promovido polo Parlamento de Galicia.

Para levar a cabo esta actividade o alumnado previamente traballou algúns aspectos relacionados con esta temática como a Constitución Española, o Estatuto de Autonomía de Galicia, os símbolos de Galicia e as nosas institucións.

No programa inclúese a visita á Xunta de Galicia e ao Parlamento de Galicia, onde puideron acceder, entre outras dependencias, á biblioteca Nós, ao salón dos pasos perdidos ou Salón da Letras Galegas e ao propio Hemiciclo.

Para completar o día acudimos ao CC As Cancelas para realizar un traballo de sociolingüística, que consistía na comprobación da lingua de uso do persoal traballador do centro tanto en conversas de carácter privado como de atención ao público. Así mesmo, o alumnado debía facerlles unha pequena enquisa sobre o seu coñecemento da realidade do galego.

Agardando a neve

Seguimos coas entregas de Meteoescolas en Latín. Desta volta o tema é a neve.

Estes días son moi fríos e os meteorólogos anunciaban grandes nevadas, pero ao final só nos quedamos cun frío intenso.

Así, para poder realizar este traballo, tivemos que tomar prestado de youtube parte dun vídeo subido por Ana García, no ano 2018, no que se pode ver como nevaba na Silva.

Podedes visionar o resultado premendo no seguinte enlace: Nix.

Agardamos que vos guste.

Feliz Nadal

O alumnado de lingua latina deséxavos unhas boas festas e un feliz ano novo 2024.

Podedes ver o vídeo da felicitación pulsando no seguinte enlace: Felicitación

Conmemorando o 25N

Con motivo do Día Internacional para a Eliminación da Violencia de Xénero, pedímoslle ao alumnado de secundaria que participase nalgún dos concursos organizados polo Equipo de Dinamización da Lingua Galega (concurso de lemas) e pola Equipo de Biblioteca (concurso de microrrelatos).

Os resultados foron moi interesantes como se pode comprobar nas fotos que se achegan.

As gañadoras no concurso de lemas foron:

  • na primeira categoría (1º e2º ESO): Gemma Cameán Suárez
  • na segunda categoría (3º e 4º ESO): Andriely Katily Guedes Matias e Liana Miranda Sousa

Nova entrega da meteoroloxía en Latín

O alumnado de 4ºESO continúa traballando a meteoroloxía en Latín dentro do proxecto Meteoescolas.

Despois de abordar a chuvia (pluvia), o fenómeno máis común polas nosas terras, atrévese coa sarabia (grando). Neste enlace podedes acceder a esta segunda entrega: Grandinat.

Quentando motores para o Correlingua

O alumnado de 3º ESO deu os primeiros pasos do Correlingua 2024 participando no obradoiro "Desata a lingua", de mans da poeta Lucía Aldao.

A finalidade desta actividade era a elaboración de lemas en defensa da lingua, partindo dunha serie de textos actuais referidos ao uso, vixencia e prestixio do galego: os premios nacionais de poesía e teatro para Yolanda Castaño e Paula Carballeira; o emprego das linguas cooficiais, e polo tanto do galego, no Congreso dos deputados, a difusión da música en galego a raíz da participación das Tanxugueiras na preselección de Eurovisión, o aumento de tiktokers, youtubers e demais influencers na nosa lingua, etc.

Velaquí un exemplo do resultado deste traballo:

 

Distribuir contido


by Dr. Radut