O 9 e o 16 de outubro tivemos os nosos programas de inaguración deste curso na Radio Escolar. Estes programas realizáronos o grupo de 6º de primaria e entrevistaron os profesores que están por primeira vez no colexio.
O 31 de xaneiro, con motivo do día da Paz, o alumnado de 3º preparamos un programa na clase de relixión. Nel reflexionamos sobre que é a paz, quen a constrúe e porque é tan importante.
O 24 de xaneiro o alumnado de 6º emitimos un programa sobre o noso padriño de aula: Xosé Neira Vilas. Nel repasamos algúns datos interesantes sobre a súa vida e obra e lemos algún fragmento que de seguro vos é coñecido.
O 17 de xaneiro o alumnado de 4º curso inauguramos a rolda de programas de Radio Saltamontes que este trimestre versarán sobre os nosos padriños e madriñas de aula. Neste caso, o noso padriño de aula é Agustín Fernández Paz.
Non perdades detalle sobre as curiosidades máis interesantes da súa vida e obra!
Desde Radio Saltamontesdesexámosvos un Bo Nadal e próspero ano 2020. Desfrutade moito destas datas cos vosos seres queridos e... escoitámosnos á volta!
Bo día! O pasado 22 de novembro, o alumnado de 1º curso estreámonos en Radio Saltamontes,nunha cita que esperábamos con moitísima ilusión!
Para tal ansiada data preparamos con moito cariño un programa moi divertido que porá a proba todo o voso coñecemento sobre a gastronomía galega.O programa chámase Pasagalego, sóavos familiar? Escoitade con moita atención para non perder pista sobre as palabras que se agochan tras cada definición!
A pasada semana, o alumnado de 2º curso emitimos un programa ben completiño desde Radio Saltamontes!
Este xirou arredor do Magosto e da castaña, para aprender un pouquiño sobre esta festa tradicional que tanto nos gusta. Pero ademais, tamén aprendemos datos ben interesantes sobre a historia da castaña e algunha que outra curiosidade, repasamos o refraneiro, cantamos cantigas e até partillamos unha receita ben suculenta das filloas de castaña. Só de volver a escoitala xa se nos fai a boca auga...
Collede lapis e papel que este programa éche do máis interesante!
Unha semana máis, vimos cunha nova edición de Radio Saltamontes. O pasado mércores 6 de novembro, o alumnado de 3º, con axuda da nosa mestra Susana,elaboramos un conto ben fandangueiro con motivo do Magosto. O seu protagonista é Antón, que desexa ser castañeiro coma súa nai. Un bo día, Antón atópase unha castaña dourada e... ata aquí lemos! Deberedes escoitar con moita atención para seguir as aventuras de Antón e a preciada castaña.
O pasado xoves24 de outubro, desde Radio Saltamontes transmitimos un programa moi especial, acompañados do alumnado procedente de Cividale del Friuli e Rovinj (Istria), co que partillamos unha semana chea de momentos inesquecibles.
Neste programa, explicamos entre outras cousas, en que consiste o Proxecto RUSH e porque é tan importante para nós. Tamén preparamos algunhas preguntiñas para coñecer un pouco mellor aos nosos convidados e convidadas.
Estade ben atentos porque traemos algunha que outra sorpresiña para despedir o programa tal e como se merece!
Aproveitamos para agradecer ás familias acolledoras e a todo o alumnado pola súa xenerosidade e boa disposición e así converter ao noso centro nun espazo de encontro internacional!