Equipo DLG

1º e 2º visitamos o Melga

O venres 14 de decembro os nenos/as de 1º e 2º foron ao Museo Etnolúdico de Galicia, coñecido como Melga, que está en Ponteceso.

 

Ricardo, o dono do museo, explicounos moitas cousas sobre os xogos e deportes tradicionais de Galicia, España e o mundo, expostos na sala. Xogamos á silla da reina (agora sabemos colocar ben os brazos), á ra, ao varapau, ao tirafungueiro... Tocamos a trécola, máis coñecida como a carraca ou o tastarabán. Tamén nos ensinou o roncollo, que fai un ruído moi parecido ás rás.

   

O tempo pasou moi rápido pero pasámolo moi ben. Os nosos pais e avós non tiñan xoguetes coma nós, pero pasábano en grande con todos estes xogos. 

Álbum: Curso 2018 - 2019 -> 1º e 2º en Melga

Extra, extra! Hortocoliña xa está aquí...

Estamos de estrea. Nace a publicación escolar "Hortocoliña", unha revista informativa con todas as novas do colexio elaborada polo noso alumnado (redacción, fotografía, maquetación). Aínda que cun pouco de retraso, xa temos dispoñible o primeiro número, correspondente ao mes de outubro. E axiña sairán máis... Estade atentos/as!

Contos de Samaín para ti e para min!

Hoxe os rapaces de 6º compartiron as súas historias de medo cos compañeiros e compañeiras de 1º, 2º e 4º de Primaria na biblioteca. Ata Nica estaba asustada. 

Mañá máis contos de Samaín. O terror está servido, veremos se es atrevido!

María Canosa visita o noso cole

No día de hoxe tivemos unha visita moi especial no noso colexio. Trátase de María Canosa, autora da obra Muriel que lemos os alumnos e alumnas de 5º curso este ano, e coa que se fixo merecedora do prestixioso Premio Merlín en 2017, despois de quedar finalista ata en 3 ocasións segundo nos relatou ela mesma.

Ela contounos, coa súa voz tenra, como comezou a escribir as historias que estaban na súa cabeza de xeito que non as esquecera. Ata a publicación do seu primeiro libro, escribía para sí mesma; despois comezou a escribir para nós, para os lectores. Nós tiñamos unha morea de preguntas sobre Muriel, en quen se inspirara para definir as personaxes, se ía ter unha 2ª parte, que pasou coa avoa Belinda... María contestounos algunhas, outras dixo, eramos nós quen as tiñamos que responder pois non tiñan unha única resposta senon tantas coma lectores. Antes de marchar, asinounos os nosos libros e ata nos estampou un bico de bolboreta! 

Que visita máis agaradable! Volve cando queiras!

Álbum: Curso 2017 - 2018 -> María Canosa

Letras Galegas 2018: Romaría das Letras

A véspera do Día das Letras Galegas celebrámola ao grande con exposicións e obradoiros de traxe galego e instrumentos da música tradicional galega e cunha romaría final na que non faltou de nada, sen esquecernos iso sí da homenaxeada desta edición Mª Victoria Moreno.

Ás 10h comezaban as visitas ás exposicións e obradoiros. Asun, explicábanos no salón de actos as diferentes prendas que conforman o traxe tradicional galego de muller e de home, dende a cabeza ata os pés. Que saias tan fermosas, que mantelos, que zocos...! Algúns ata se atreveron a probar algunha prenda!

  

No patio 2, coñeciamos a catro grandes músicos do noso concello: Miguel, Laura, Carlos e David que tocan no grupo "Néboas no Cumio". Eles mostráronnos un montón de instrumentos da música tradicional galega dende o bombo, o tambor ou a pandeireta ata o clarinete, o acordeón ou a gaita. Aprendemos un montón de cousas sobre eles, escoitamos como soaban e ata puidemos tocar e bailar con eles. Que ben tocan e bailan estes rapaces!

  

Ao mesmo tempo, na biblioteca proxectábanse videos sobre a nosa lingua e tamén sobre Mª Victoria Moreno e a súa obra. 

Tralo recreo, comezaba a romaría. E coma en toda romaría, a música e o baile non podían faltar. O alumnado, dende 4º de infantil ata 6º de Primaria bailou a muiñeira "Buxos Verdes" que levaban ensaiando semanas antes nas clases de E.F. con Andrea e Marcos e tamén con Asun en Infantil. A continuación, soou o himno galego ao violín, guitarra e piano interpretado por alumnado do centro baixo as ordes de Begoña. Despois tería lugar a entrega de premios do concurso das Letras Galegas 2018 organizado polo EDLG. Para clausurar o acto, cantariamos todos xuntos a "Rumbaliza", un canto á nosa lingua do grupo Tanto Nos Ten. Pero a festa non rematou aí, pois os músicos de Néboas, mestres e alumnado continuariamos tocando e bailando para celebrar a saúde das nosas letras.

"As persoas estamos feitas para levar adiante os proxectos máis fermosos"

(Mª Victoria Moreno)

FELIZ DÍA DAS LETRAS GALEGAS!

Álbum: Curso 2017 - 2018 -> Letras Galegas 2018: Obradoiros e Romaría

Letras Galegas 2018: teatro e obradoiro de alfareiría

Seguimos coas actividades das Letras Galegas. Hoxe o alumnado de 5º de primaria representou no salón de actos as obras Brétema e A festa no faiado de Mª Victoria Moreno para os seus compañeiros/as. Máis fotos picando na foto.

E no patio 2, estiveron dous alfareiros de Buño levando a cabo un obradoiro co alumnado de 6º de Infantil e 4º e 6º de Primaria.

As fotos no seguinte álbum:

Álbum: Curso 2017 - 2018 -> Obradoiro "Alfareiro de Buño"

Actividade interxeracional: costureiras

Coa chegada da celebración do Día das Letras Galegas, o alumnado de infantil e 1º ciclo de primaria, tivemos unha visita moi especial no cole... Coñecedes a Uxía? A boneca protagonista da obra de Mª Victoria Moreno "A festa no faiado"? Pois con Uxía coñecemos o faiado da súa casa e todas aquelas "cousiñas" que nel estaban gardadas e que estaban relacionadas cun oficio moi tradicional: "AS COSTUREIRAS"

Coas personaxes desta obra, gato, rato, Teodosia e Uxía, percorremos unha chea de xogos que nos acercaron aínda máis a este oficio. Cal foi a nosa sorpresa cando, para rematar a xincana de xogos, a mesma Mª Victoria Moreno, nos adicou un diploma personalizado na nosa biblioteca.

Moitas grazas a todos os que fixestes posible esta actividade, disfrutamos moitísimo con todos vós.

  

  

Todas as fotos no seguinte álbum

Álbum: Curso 2017 - 2018 -> Actividade interxeracional: costureiras

Contando a Mª Victoria Moreno

Comezamos as actividades arredor das Letras Galegas e da súa homenaxeada Mª Victoria Moreno, con contacontos das obras "Brétema", "A festa no faiado" e "Mar adiante" polas aulas a cargo do alumnado de 5º.

Os contos pódense ver na aula virtual, as fotos no seguinte álbum:

Álbum: Curso 2017 - 2018 -> Letras Galegas: Contando a Mª Victoria Moreno