Equipo DLG

Aquí está o MAIO FERMOSO E FLORIDO!

E se comezamos o mes de maio coa colocación dun ramilliño de xesta nas nosas portas, chegou agora, que o tempo nolo permitiu, o momento da elaboración de dous MAIOS, un por etapa, Infantil e Primaria. Comezamos colocando as ramas verdes e rematamos coas flores. Quedaron moi chulos!

  

Trasladámolos a pista de deportes e bailamos arredor deles cantando as nosas coplas. Foi moi divertido!

  

 

TEATRO PARA AS FAMILIAS!

O noso Club de Teatro do colexio quere amosar ás familias o seu traballo. E para iso puxéronse en acción, distribuíron o tempo e... que mellor que os martes pola tarde, que é cando hai titorías, para representar as obras para as familias que o desexen! Pois logo 3 martes do mes de maio: día 7, Club de Teatro de 5º nivel; día 14, Club de Teatro de 4º nivel e día 21, Club de teatro de 3º nivel. 

E se é solidario mellor que mellor! Así que postos en contacto con Servizos Sociais do Concello, farase ao mesmo tempo, recollida de alimentos para as persoas necesitadas do Oroso.

 COMEZAMOOOOS! Primeira obra do Club de Teatro de 5º: "Unha clase imposible"

 

 

 

BENVIDO MAIO!!!

Despedimos o inverno, damos a benvida á primavera e celebramos o esplendor da natureza. As mil cores da primavera! Paisaxes verdes intensos, prados tinguidos de amarelo e branco das margaridas, froiteiras en flor, amarelo das xestas, rosa, violeta...

Comeza o mes de MAIO! Temos que celebrar que a primavera xa está no seu apoxeo, temos moitas horas de luz e foise a escuridade do inverno. Veñen as bolboretas e canta o cuco!

No CEIP Plurilingüe de Sigüeiro lembramos unha tradición moi arraigada en certas zonas de Galicia, todo o alumnado levará un ramalliño de xesta para a casa para afastar o mal de ollo, a mala sorte e o meigallo.

    

  

 

OS NENOS E NENAS DE 4º A INFANTIL ESCRIBEN UN CONTO PARA O DÍA DE ROSALÍA.

" A FLOR", así se titula o conto que escribiron os nenos e nenas de 4º A de Infantil, todo feito por eles e a súas mestras, eles foron

inventando a historia e despois ilustrárona. Clicade na imaxe para velo. Parabéns!

HORTOCOLIÑA FEBREIRO-MARZO

Clicade na imaxe para ver o contido da revista.

 

AS CAMELIAS DE ROSALÍA

Por fin hoxe puidemos rematar coas actividades previstas para a celebración do Día de Rosalía. Despois de tantos días de chuvia sen poder case saír ao patio, hoxe loceu o sol e fíxose realidade a nosa PLANTACIÓN DE CAMELIAS DE ROSALÍA. Foi un acto emotivo no que participou o alumnado de Infantil, 1º, 2º e 3º de Primaria. Houbo recitado de poemas, a canción de "Rosalía Pequeniña"  e o plantado de tres camelias por parte do alumnado de 3, 4 e 5 anos respectivamente.

  

  

VISITA Á TORRE DE HÉRCULES E AO MUNCYT

 

Este mércores o alumnado de 5º e 6º viaxou a cidade da Coruña para visitar a Torre de Hércules e o Museo Nacional da Ciencia e Tecnoloxía

(MUNCYT). Neste último puideron ver, entre outras cousas, parte do avión que trouxo o Guernica a España, o Jumbo  Lope de Vega. Para

rematar fixeron un taller de Biodiversidade e Bioluminiscencia. Foi unha mañá moi aproveitada. 

  

 

23 DE FEBREIRO, DÍA DE ROSALÍA

Hoxe é un día importante para todos os galegos e sobre todo para as mulleres. Lembramos, no aniversario do seu nacemento en 1837, a unha muller grande; loitadora, precursora, pioneira; unha adiantada aos tempos. No colexio levamos a cabo múltiples actividades para recoñecer e aportar o noso graíño de area para manter viva a figura de ROSALÍA DE CASTRO e o seu labor. 

 

 

Algúns de nós saímos por Sigüeiro para ofrecer o noso marcapáxinas que recollía o código QR que nos achegaba aos videos de recitados de poemas dalgúns dos nosos nenos e nenas. Que bonita experiencia, fomos polos diferentes comercios e polas rúas. Atopamos con xente encantadora.

    

  

As nosas particulares Rosalías acompañadas da figura do emigrante pasaron polas clases para recitar algún dos seus poemas.   Adios ríos, adios fontes, adios regatos pequenos...

  

E aínda hai máis, queda pendente o plantado das camelias de Rosalía, que por mor do mal tempo tivemos que suspender no día de hoxe, así como a visita á residencia de maiores de Porto Avieira para facelos partícipes das nosas actividades sobre Rosalía.

 

A NOSA ESCRITORA!

Hoxe estivo no colexio Andrea García Martínez, autora do libro "Animais fantásticos de aldea". Fíxonos moita ilusión porque ademais de gustarnos moito o seu libro, que ela mesma ilustrou, é de Sigüeiro e de nena foi alumna do noso colexio. Explicounos que é posible conseguir o que nos propoñemos se o perseguimos con empeño, ela conseguiu que lle publicasen as súas fántasticas historias ainda sendo moi noviña. Gracias a Andrea pola súa amabilidade e a Xerais.