EDUinnova

Miami, see you soon!

O mércores 8 de maio puxemos punto e final ao proxecto "Dos Orillas". Conectámonos por videochamada cos nosos socios americanos do colexio Royal Palm Elementary en Miami para despedirnos, pois eles rematan xa o curso e van disfrutar dun merecido descanso. Pero non pensedes que teñen máis vacacións ca nós, pois en agosto tócalles comezar de novo!

 

Despois duns videos de despedida e agradecemento, preparamos uns bailes tradicionais e unha pequena merenda. Nós fixemos unha coreografía country coa música de Cotton Eye Joe e probamos os típicos sandwiches de manteiga de cacahuete e marmelada. Pola súa banda, en Miami bailaron a Macarena e degustaron tortilla. 

 

A valoración do proxecto por parte de alumnado e profesorado foi moi positiva. Acadáronse todos os obxectivos propostos xa que aprendemos un montón de cousas sobre a cultura, a xeografía, a historia, as tradicións e, sobre todo, as linguas do outro lado do Atlántico. Pero o máis importante é que fixemos amigos/as a máis de 6.500 Qm de distancia. Así que, quen sabe? Igual o punto e final se converte nun punto e... seguido!

Miami and Sigüeiro, from a big city to a small village

Continuamos o proxecto "Dos Orillas" converténdonos en embaixadores da nosa terra e mostrándolles aos nosos compañeiros americanos como é Galicia e, en concreto, a nosa vila Sigüeiro. Para iso, elaboramos presentacións e gravamos videos nos que lles explicamos non só o que poden ver e facer en Galicia, senon tamén que poden comer e como teñen que viaxar e moverse por aquí.

E hoxe, conectámonos por videoconferencia con eles e, en directo, mostrámoslles os lugares máis representativos da nosa terra. Eles ensináronnos a grandiosa Miami. Despois competimos nun Quizizz.

 

Que se celebra en febreiro do outro lado do Atlántico?

Hoxe, 27 de febreiro, volvemos conectarnos cos nosos socios americanos do proxecto "Dos Orillas". Desta volta, falamos das celebracións do mes de febreiro dun e doutro lado do Atlántico que estivemos recopilando nun padlet: o Groundhog Day ou Día da Marmota, San Valentín, o Entroido e o Día de Rosalía. Despois competimos nun Kahoot a ver quen sabía máis de todas as celebracións comentadas. E sabedes quen quedou no podio? Pois Rita conseguiu a primeira posición e Héctor quedou no segundo lugar. O terceiro posto foi para Domingo de Miami.

 

 

What's a school in the USA like?

Tralo Entroido, retomamos as videoconferencias cos nosos socios americanos do colexio Royal Palm Elementary School de Miami. Nesta ocasión quixemos coñecer como son os nosos centros educativos así que visualizamos uns videos que prepararan as nosas mestras mostrando as instalacións e explicando como é o noso día a día no centro. Despois fixemos un concurso online de preguntas sobre os dous coles e sabedes quen quedou no podio? Pois Emma no 2º lugar e Elisa e Thiago na 4ª e 5ª posición. Parabéns a Flavio e Jason de Miami por acadar o 1º e 3º postos.

 

 

Christmas videoconference

Despedimos o primeiro trimestre cunha nova conexión mediante videoconferencia cos nosos socios americanos do proxecto "Dos Orillas". Desta volta o alumnado de 5ºB foi o que se conectou dende cadanseu equipo cos alumnos/as do Royal Palm Elementary School de Miami. Como vedes, todos levabamos algún accesorio de Nadal nas nosas cabezas!

Primeiramente, compartimos algunhas tradicións típicas do Nadal en Galicia e Miami. Despois, cantamos panxoliñas. Nós eleximos a cantiga do Apalpador e ata a acompañamos con pandeiretas. E case sen darnos conta, o tempo esgotouse e tivemos que despedirnos. Ata a próxima amigos!

º

Connecting with... Miami

Este curso retomamos o proxecto de intercambio virtual "Dos Orillas" co colexio Royal Palm Elementary School de Miami, en Florida, ao sureste dos Estados Unidos. Comezamos gravando e intercambiando uns videos de presentación e, esta semana, o alumnado de 5ºA realizou a primeira videoconferencia. 

Ás 2 en punto hora española (ou, o que é o mesmo, ás 8 da mañá en Miami) conectámonos por Zoom e coñecemos a Miss Alicia Ulloa, mestra de español en Estados Unidos, e aos seus alumnos de 4º e 5º grado. Para eles era a primeira clase da mañá, mentres que para nós era a última antes de ir xantar e/ou marchar para a casa.

Despois do saúdo e benvida das directoras de ambos centros, reproducimos algúns dos videos de presentación. Chamounos a atención que moitos dos rapaces norteamericanos tiñan orixe hispana. 

 

 

A continuación, compartimos unha presentación con imaxes e videos das celebracións de outono nos dous centros (a Hispanidade e o Halloween en Miami e o Samaín e o Magosto en Galicia). 

Encantounos ver como é unha clase en Estados Unidos, ensinarlles a nosa clase e, sobre todo, falar con eles polo micrófono e polo chat.