Connecting with... Miami

Este curso retomamos o proxecto de intercambio virtual "Dos Orillas" co colexio Royal Palm Elementary School de Miami, en Florida, ao sureste dos Estados Unidos. Comezamos gravando e intercambiando uns videos de presentación e, esta semana, o alumnado de 5ºA realizou a primeira videoconferencia. 

Ás 2 en punto hora española (ou, o que é o mesmo, ás 8 da mañá en Miami) conectámonos por Zoom e coñecemos a Miss Alicia Ulloa, mestra de español en Estados Unidos, e aos seus alumnos de 4º e 5º grado. Para eles era a primeira clase da mañá, mentres que para nós era a última antes de ir xantar e/ou marchar para a casa.

Despois do saúdo e benvida das directoras de ambos centros, reproducimos algúns dos videos de presentación. Chamounos a atención que moitos dos rapaces norteamericanos tiñan orixe hispana. 

 

 

A continuación, compartimos unha presentación con imaxes e videos das celebracións de outono nos dous centros (a Hispanidade e o Halloween en Miami e o Samaín e o Magosto en Galicia). 

Encantounos ver como é unha clase en Estados Unidos, ensinarlles a nosa clase e, sobre todo, falar con eles polo micrófono e polo chat.