Equipo DLG

Mandados do Meco

17/02/2020 09:45
21/02/2020 14:00

 Rapaces e rapazas,

o Entroido vai comezar,

e aquí os mandados

que o Meco vai ordenar.

 

E ordenar, ordenou

coma todos estes anos

que estes mandados 

sexan encadeados!

Botamos un baile?

Este curso volvemos á carga con "Botamos un baile?" e xa estamos montando unha nova "danza das fitas" para as Letras Galegas. E ti, apúntaste?

 

QUE BEN O PASAMOS CON MAMÁ CABRA!

Chegou o día! Pola nosa biblioteca pasou Gloria e Tomi "Mamá Cabra". Interpretaron temas do seu libro CD "A fraga do meu avó", ademais dalgún outro, como o tan coñecido "Glu glu glu plas plas plas navegando polo mar", do que nos contou que naceu nunha aula de Infantil do noso cole. Divertímonos un montón e soubemos que as fragas están cheas de vida e de moitas curiosidades. Falounos do peto, da pega marza, da píntega, das augas dos ríos ou das fontes, das prantas que curan... E para rematar agasallámolas cunha árbore autóctona para que levasen á súa fraga, unha faia. Queremos que medre moito e que cando a miren lembren ao CEIP de Sigüeiro. GRAZAS por visitarnos!

 

 

 

NADAL 2019

Decembro 2019

Este venres, día 20 de decembro, despedimos o primeiro trimestre do curso con moitas actividades!

O alumnado de primaria gozou dun Festival cunha actuación teatral, danzas, cancións e música na que participaron os alumnos e as alumnas do centro.

            

             

 

Ademais, tamén tiveron unha sesión de maquillaxe e peiteados divertidos para celebrar este día no centro.

    

Ó mesmo tempo, o alumnado de Infantil contou coa visita de Melgasar, que recolleu as cartas dos nenos e das nenas coas súas peticións e desexos.

      

Para rematar a xornada, haberá roscón nas aulas para comezar con forzas as vacacións!

 

Dende o CEIP PLURILINGÜE DE SIGÜEIRO desexámosvos un

Feliz 2020!

PRESENTACIÓN DO LIBRO: OS NOSOS BOSQUES

Cada día imos coñecendo máis os nosos bosques, sobre todo os que temos máis preto. Grazas a este libro podemos identificar as árbores e animais que habitan nas nosas fragas, na devesa, na carballeira e no souto.

Todo se aprende mellor cunha exposición divertida e amena. Ademais aprendemos algo moi importante:

"Non se pode defender o que non se ama

e non se pode amar o que non se coñece"

 

A RAG concédenos un diploma!

No CEIP Plurilingüe de Sigüeiro estamos de noraboa. A Real Academia Galega (RAG) vén de concedernos un ano máis un diploma en recoñecemento ao noso traballo durante o curso pasado arredor da vida e obra de Antonio Fraguas, autor homenaxeado no Día das Letras Galegas de 2019.

Parabéns alumnado e profesorado!

LECTURAS DE SAMAÍN

O BOSQUE ENFEITIZADO

O noso alumnado é moi creativo e ideas non lles faltan. Velaquí tedes un exemplo dos contos que prepararon para festexar o Samaín na escola. Aínda que a data xa pasou, continuamos animando os recreos coas lecturas na biblioteca de Nica, para seguir pasando un pouco de medo.....

Unha árbore, unha historia

Onte tamén tivo lugar a entrega de premios do concurso literario de relato curto "Unha árbore, unha historia" no que participaba alumnado de 5º e 6º do noso centro. O acto, promovido pola empresa Vegalsa, tivo lugar nas instalacións do supermercado Familia da nosa vila. Tras unhas palabras dos responsables do proxecto e dos directores dos dous centros educativos de Sigüeiro, procedeuse a coñecer os gañadores en cada categoría. Polo noso colexio, resultaron gañadoras Nerea Barcala de 5ºA e Julia Otero de 6ºA polos seus relatos con árbores como protagonistas. 

Despois, desprazámonos a un terreo contiguo ao supermercado para realizar a plantación de árbores autóctonas. 

Álbum: Curso 2018 - 2019 -> Unha árbore, unha historia (Vegalsa)