Mestura de cores

O alumnado de 4º de Ed. Infantil comprobou de forma experimental unha das propiedades físicas da auga: a capilaridade, grazas á cal a auga móvese por pequenas canles. Este experimento científico axúdalles a comprender moito mellor este concepto e tamén nos serviu para explicar como se forman as cores secundarias (neste caso violeta, laranxa e verde).

Os materiais que empregaron foron os seguintes son: vasos con auga, vasos baleiros, colorante alimentario vermello, amarelo e azul e papel de cociña.

Pasárono xenial sentíndose científicos!!

 

Semana da ciencia no CEIPP Manuel Sueiro

Ao longo da última semana de marzo celebramos no cole a semana da ciencia que organizou o EDL do centro en colaboración co equipo de biblioteca. Os experimentos son un recurso marabilloso para que os nenos e nenas aprendan xogando, se sorprendan, descubran, teñan curiosidade, pensen, usen o razoamento, sigan investigando, sirvan de base para futuros coñecementos químicos... Son super!,,, ao tempo que promovemos e facilitamos o uso da palabra a través do diálogo, a reflexión, o debate, a exposición, a lectura en voz alta. Estas propostas son oportunidade para que o alumnado "tome a palabra" e avance no dominio da linguaxe e da lingua que lle é propia.

Nas seguintes ligazóns podedes observar parte dos traballos realizados nas aulas:

Semana da ciencia: Aula de apoio

Ao longo da semana da ciencia na aula de apoio realizamos diversos experimentos:

Con este sinxelo experimento conseguimos romper a tensión superficial. Que é a tensión superficial? É unha propiedade da auga que fai que as moléculas da superficie se xunten para formar unha "pel" que axuda a que determinados obxectos floten sobre ela.

O leite que contén graxa garante que os colorantes non se disolvan e permanezan concentrados.

O efecto prodúcese cando o xabón entra en contacto co leite, rompendo así a tensión superficial e separando rapidamente as cores e disolvéndoas. Por unha banda, o xabón é un repelente de graxas e, por outra, disólvese en auga, xa que os colorantes adoitan conter graxas animais, repelea unha e outra vez.

O funcionamento dos pulmóns

O alumnado de 3º comprobou de forma experimental como é o funcionamento dos pulmóns.

Galería de imaxes do experimento

Realizamos o lapbook sobre o experimento para a exposición da biblioteca

Exposición de instrumentos musicais

Na área de música, o alumnado de 3º, 4º, 5º e  6º de Educación Primaria construíu ao longo do mes de marzo instrumentos musicais, elaborados todos eles con material de reciclaxe, dentro das actividades previstas no PDI deste curso.

Cos traballos presentados, realizaron unha exposición permanente na biblioteca do centro á que pode acceder toda a comunidade educativa.

Día da Poesía 2022

O Día Mundial da Poesía, celebrado cada ano o 21 de marzo, conmemora unha das formas máis prezadas da expresión e identidade lingüística da humanidade. A poesía, practicada ao longo da historia en todas as culturas e en todos os continentes, fala da nosa humanidade común e dos nosos valores compartidos, transformando o poema máis simple nun poderoso catalizador do diálogo e a paz.

O noso alumnado participou do impulso dialogante da poesía participando un recital de poesía que se realizou simultaneamente en todas as aulas do centro na Hora de ler coas poesías elaboradas ao longo dos días previos nos diferentes obradoiros desenvolvidos nas aulas.

As súas obras quedaron expostas no corredor do centro nun gran mural:

Asemade, o equipo de biblioteca realizou unha exposición dos fondos bibliográficos de poesía para que o alumnado que quixese,  os levase en préstamo para ler nas súas casas ou momentos de lecer.

Alumnado de Ed. Infantil

 Alumnado de 3º de Ed. Primaria

Ecopercusión e sistemas dixitais

O 16 de marzo visitou o noso centro o produtor musical Didier para realizar un obradoiro musical, no que o alumnado de 6 de Ed. Primaria, experimentou como realizar mesturas musicais con diversas ferramentas tecnolóxicas.

A través dunha app e un panel de control foron que de crear uns ritmos moi pegadizos!

Os nenos e nenas do Manuel Sueiro sentíronse auténticos Djs por un intre.

O Segredo dos Franciscanos

O 15 de marzo, o alumnado de 5º e 6º de Educación Primaria, chegou a  praza do Trigo, situada enfronte da Catedral de Ourense, para realizar a actividade que leva por título “O segredo dos franciscanos”.

A actividade comenzou cunha visita inesperada, na que Xoana a lavandeira, contounos que estaba a punto de casar con Manolo, o carniceiro, o cal tiña a súa tenda na rúa Dos Fornos, pero precisaba arranxar co franciscano para casar. Ao pouco apareceu o franciscano Frei Xan o Farrapeiro o arquiveiro do convento dos Franciscanos.

Frei Xan e Xoana conducíronnos a través das diferentes lugares da cidade na que tiveron influencia os franciscanos como son a Praza do Correxidor e a actual Praza da Estrela para rematar chegando ao actual arquivo histórico antigo convento franciscano.

A ultima das actividades consistiu nunha busca do tesouro na que os capiteis e as columnas do claustro de San Francisco foron o eixo central.

A folla azul

O alumnado de 6º curso de Ed. Primaria participou no Concurso de animación á lectura, actividade baseada na gamificación que nos axudou a comprobar os resultados finais de todo o traballado desde o club de lectura nos meses de decembro e xaneiro sobre o libro "A folla azul” de Andrea Maceiras. A súa lectura tiña como finalidade principal provocar no lector unha reflexión sobre o futuro da Amazonia, que no fondo sobre é o futuro de todas e todos, sen esquecer a relevancia do concepto da eco-diversidade que este ano estamos a traballar no PDI do noso centro.

A folla azul conta a historia de Husu, unha nena pertencente a unha tribo amazónica non contactada e voluntariamente illada da sociedade. Un día, os membros da tribo vense afectados por unha estraña enfermidade que provén do mundo civilizado. Husu, a nena dos ollos de luz, sálvase grazas ás premonicións da súa avoa. Só ela pode conseguir a cura para a doenza dos seus irmáns e irmás que precisamente é a folla azul que dá título á historia. Deste modo, emprende un longo camiño cheo de aventuras no que toma conciencia do perigo que corre o seu fogar, a selva.

Os lectores e lectoras demostraron o seu coñecemento das vivencias de Hasu, protagonista da historia, respostando directamente ás diferentes preguntas que os moderadores lles ían facendo ou acertando por rebote as que os seus compañeiros non eran quen de adiviñar. Varios grupos demostraron que prepararan moi ben a lectura do libro. Ao final resultou gañador o equipo que máis preguntas acertou: o equipo C Levaron como premio un exemplar do novo libro que traballaremos no Club de lectura, titulado: “Palabras de auga” de Marcos Calveiro.