Gallego

A Xunta destaca na entrega dos premios ‘Consumópolis’ o papel do ensino no fomento do consumo responsable

A presidenta do Instituto Galego de Consumo, Sol Vázquez, e o director xeral de Educación, Manuel Corredoira, entregaron hoxe os premios deste concurso escolar, coordinada polo IGC

Máis de 1.200 estudantes galegos participaron no certame, que na súa oitava edición leva por lema “Adéstrate ben para un consumo responsable”.

O CEIP Lourido de Poio, o IES Francisco Daviña Rey de Monforte e o IES Manuel García Barros da Estrada foron os primeiros clasificados nas tres categorías establecidas, todos eles participantes no Plan Proxecta

Os gañadores en cada unha das categorías representarán a Galicia na fase nacional do certame, organizada polo Instituto Nacional de Consumo

A iniciativa forma parte do proxecto educativo da Escola Galega de Consumo, que proporcionou formación de forma directa a máis de 12.000 persoas

Gallego
A Xunta destaca na entrega dos premios ‘Consumópolis’ o papel do ensino no fomen
A Xunta destaca na entrega dos premios ‘Consumópolis’ o papel do ensino no fomento do consumo responsable

A presidenta do Instituto Galego de Consumo, Sol Vázquez, e o director xeral de Educación, Formación Profesional e Innovación Educativa, Manuel Corredoira, entregaron hoxe os premios da fase autonómica do certame escolar de consumo responsable Consumópolis. No acto, ambos salientaron a importancia do ensino e da formación para a protección dos dereitos dos consumidores e usuarios, e apuntaron que iniciativas coma esta permiten avanzar de forma efectiva na educación para o consumo, convidando aos escolares á reflexión utilizando como medio a creatividade e as TIC.

Así mesmo, Sol Vázquez, presidenta do IGC e directora xeral de Comercio, apuntou a aposta decidida da Xunta de Galicia polo proxecto educativo que está a desenvolver a Escola Galega de Consumo, que proporcionou formación directa a máis de 12.000 persoas en 2012 a través dos distintos programas que pon en marcha ao longo do ano.

Máis de 1.200 escolares galegos de primaria e secundaria participaron este ano en Consumópolis, coordinado en Galicia polo Instituto Galego de Consumo, dependente da Consellería de Economía e Industria, en colaboración coa Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria, o que supón duplicar a participación da anterior edición. Este ano a participación fíxose principalmente, de xeito coordinado, a través do Plan Proxecta. Polo tanto, e tal e como salientou o director xeral, os oito centro premiados son participantes neste plan coordinado pola Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria.

Tras completar a primeira etapa, consistente nun percorrido dun xogo on-line sobre consumo responsable e calidade de vida, preto de 190 equipos de toda a comunidade traballaron na segunda fase do certame, que este ano chega a súa oitava edición baixo o lema “Adéstrate ben para un consumo responsable”.

Cada un dos equipos elaborou un traballo en grupos de cinco coordinados por un docente, relacionando consumo e deporte, con temas como a compra de materiais deportivos ou os valores do deporte e o consumo responsable. No caso do alumnado de primaria, o proxecto consistiu nun calendario escolar, mentres que o alumnado de secundaria elaborou un cartel con viñetas.

Na fase autonómica establecéronse tres categorías por idades, concedéndose premios para os 3 mellores traballos de cada categoría dotados con 1.000, 600 e 300 euros, que poderán empregar para actividades ou material pedagóxico. Os gañadores representarán a Galicia na fase nacional, organizada polo Instituto Nacional de Consumo. Na categoría de 3º ciclo de primaria clasificouse en primeiro lugar o CEIP Lourido, de Poio (Pontevedra), seguido polo CEIP Santa Rita de Galdo (Viveiro, Lugo), e o CEIP Froebel de Pontevedra. No que respecta á categoría de 1º e 2º curso de ESO, o primeiro clasificado foi o IES Francisco Daviña Rey de Monforte de Lemos, e o IES Carlos Casares de Vigo e o CPI Ramón Piñeiro de Láncara (Lugo) recibiron o segundo e o terceiro premio, respectivamente.

Na categoría de 3º e 4º da ESO, clasificouse en primeiro lugar o IES Manuel García Barros, da Estrada, mentres que o CPR Plurilingüe Abrente de Portonovo quedou segundo e o IES As Barxas de Moaña se clasificou en terceiro lugar.

Os escolares galegos son dos que en máis ocasións foron gañadores dos premios nacionais en distintas categorías, o que amosa a gran preparación do alumnado galego e a gran labor desenvolvida neste ámbito desde o Instituto Galego de Consumo, que forma parte desde o seu inicio do equipo de traballo a nivel nacional que desenvolve a estrutura pedagóxica do certame. Coa posta en marcha desta iniciativa a Xunta continúa a traballar na mellora da formación dos máis novos en consumo, co obxectivo de aumentar o coñecemento e a defensa dos seus dereitos neste eido.

Colectivo: 

Sección: 

A Consellería de Cultura e Educación converte as webs dos centros da rede de formación do profesorado galego en referentes na materia, coa introdución de novos contidos

En colaboración coa Axencia para a Modernización Tecnolóxica de Galicia, os espazos en internet destes centros veñen de incorporar novidades que lles permiten aos docentes un acceso máis rápido á información para desenvolver o seu labor

Gallego
A Consellería de Cultura e Educación converte as webs dos centros da rede de for
A Consellería de Cultura e Educación converte as webs dos centros da rede de formación do profesorado galego en referentes na materia, coa introdución de novos contidos

A Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria vén de dar un forte impulso ás webs do Centro Autonómico de Formación e Innovación (CAFI) e mais dos Centros de Formación e Recursos (CFR) da Coruña, Ferrol, Lugo, Ourense, Pontevedra e Vigo, coa introdución de novos contidos e funcionalidades, tarefa desenvolvida en colaboración coa Axencia para a Modernización Tecnolóxica de Galicia (AMTEGA). Coa incorporación destas novidades o departamento educativo da Xunta de Galicia converte os espazos en internet destes centros en referentes da formación do profesorado galego, webs que lles permiten aos docentes un acceso máis rápido á información para desenvolver o seu labor educativo.

Tras os cambios realizados, as páxinas do CAFI e CFR  facilitan aínda máis o acceso á información, tanto no relativo a novas relacionadas coa formación do profesorado, como aos centros nos que se imparte e aos plans de formación nas súas diferentes modalidades. Ademais faise máis sinxelo o acceso ás aulas virtuais, aos contidos orientados a cada área ou departamento, así como ao apartado no que se recolle unha análise de diferentes ferramentas online ou de descarga gratuíta que poden axudar aos docentes no seu labor educativo.

Así mesmo, na páxina de inicio móstranse as últimas cinco novas publicadas, un bloque de destaques con acceso a diferentes webs relacionadas co ámbito da formación e unha axenda actualizada dos cursos que se están a levar a cabo actualmente.

Formación e áreas

No bloque dedicado á “Formación” pódese acceder á oferta formativa en todas as súas modalidades e variantes, ás convocatorias, á relación das listaxes das actividades formativas que se van levar a cabo ao longo do curso escolar, etc. Ademais, na páxina web de cada CFR ofrécese información esencial de cada centro de formación: horario, localización, mapa de asesoría de centros delimitada por concellos, organigrama estrutural ou vídeos das instalacións, etc.

Por outra parte, no espazo “Áreas” e “Departamentos” o profesorado pode atopar información agrupada por temas: novas, recursos, actividades formativas ou destaques especializados.

Ferramentas

Dentro do apartado “Ferramentas” os docentes poden escoller, dentro dunha selección detallada, unha serie de recursos tanto online como instalables e ordenados segundo a súa funcionalidade.

Este banco irá medrando gradualmente, respondendo así aos intereses e necesidades de toda a comunidade educativa. Desta forma, búscase ofrecer non só a descrición da ferramenta, senón tamén o seu emprego didáctico, é dicir, orientar ao profesorado sobre o seu uso para integralo ao seu labor docente.

As webs son as seguintes:

CAFI: /portal/cafi

CFR Coruña: /portal/cfrcoruna

CFR Ferrol: /portal/cfrferrol

CFR Lugo: /portal/cfrlugo

CFR Ourense: /portal/cfrourense

CFR Pontevedra: /portal/cfrpontevedra

CFR Vigo: /portal/cfrvigo

Tema: 

Colectivo: 

A Consellería de Cultura e Educación fomenta a formación dos docentes en novas tecnoloxías, coa organización da I Xornada de Coordinadores do proxecto Abalar

Máis de 300 profesores reúnense hoxe no Pazo de Congresos de Santiago para abordar os retos que as TIC plantexan no eido educativo

O Abalar supón unha aposta da Consellería pola mellora do ensino a través da introdución das TIC, impulsando a igualdade de oportunidades dos escolares no acceso a estas tecnoloxías

Gallego
O director xeral de Educación, Formación Profesional e Innovación Educativa, na
O director xeral de Educación, Formación Profesional e Innovación Educativa, na inauguración da xornada

A Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria volve dar un impulso á formación dos docentes galegos no uso e posibilidades didácticas das novas tecnoloxías da información e comunicación a través da I Xornada de Coordinadores e Coordinadores do proxecto Abalar. Este encontro, organizado polo Centro Autonómico de Formación e Innovación (CAFI) reúne hoxe no Pazo de Congresos de Santiago de Compostela a máis de 300 profesoras e profesores. O obxectivo é avanzar nas posibilidades deste proxecto, unha aposta da Consellería pola mellora do ensino a través da introdución das novas tecnoloxías da información e a comunicación (TIC), conforme aos novos tempos. o Abalar contribúe, ademais, a impulsar a igualdade de oportunidades dos escolares no acceso a estas tecnoloxías, con especial atención á introdución das mesmas nas zonas rurais.

O director xeral de Educación, Formación Profesional e Innovación Educativa, Manuel Corredoira, inaugurou esta xornada salientando que o Proxecto Abalar - impulsado pola Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria e a Axencia para a Modernización Tecnolóxica de Galicia (Amtega)-  procura “a integración plena das TIC na práctica educativa en Galicia para acadar unha resposta integral e de futuro aos retos que presenta a educación do noso alumnado na sociedade dixital do século XXI, coordinando e impulsando un cambio de modelo educativo en Galicia apoiado na formación do profesorado e na modernización do ensino”.

A este respecto recordou que o proxecto busca “mellorar as competencias da comunidade educativa a través dunha estratexia global e integradora que contempla a modernización do ensino, a formación do profesorado, a dotación de equipamento nos centros educativos e o desenvolvemento e utilización de contidos e recursos dixitais”. Para iso, a Consellería está a dotar ao profesorado de contidos e recursos educativos dixitais, “facilitando o desenvolvemento de novos modelos pedagóxicos e a incorporación dos últimos avances tecnolóxicos na educación”, dixo. A través de xornadas como a celebrada hoxe, “queremos –engadiu-  aproveitar as mellores prácticas desenvolvidas nos centros, pondo en valor todo o traballo e coñecemento do profesorado galego, fomentando o espírito colaborativo e participativo dos docentes”.

O encontro forma parte do Plan Anual de Formación do Profesorado co que a Consellería favorece a actualización continua dos coñecementos e competencias dos docentes, buscando a máxima calidade do ensino en Galicia. Neste sentido o director xeral agradeceu aos asistentes “o esforzo, o interese e o compromiso que amosan tanto co seu traballo diario como coa súa implicación na formación e actualización constante”.

O Abalar en cifras

O Proxecto Abalar, que se puxo en marcha en 2010, beneficia xa a máis de 44.000 alumnas e alumnos de 533 centros escolares, o que significa que xa está implantado no 50% dos centros educativos galegos con educación primaria e secundaria obrigatoria. Estas alumnas e alumnos desenvolven a súa formación en aulas completamente dixitais, nas que empregan dispositivos tecnolóxicos na aprendizaxe.

Ademais, 15.000 alumnas e alumnos doutros 643 centros contan con kits de aula dixital que permiten a introdución e aproveitamento da tecnoloxía nos procesos de aprendizaxe.

Relatorios e obradoiros de experiencias

A xornada estrutúrase en relatorios e obradoiros de experiencias. Tras a inauguración, o programa da mañá continuou coa conferencia de Daniel Seseña arredor do uso das redes sociais e as posibilidades de internet no xornalismo, especialmente no caso da canle 24 horas de Televisión Española. O propio proxecto Abalar será o protagonista da ponencia do subdirector xeral de Ordenación e Innovación Educativa e Formación do Profesorado, Manuel Vila, e mais do director de Área de Solucións Tecnolóxicas Sectoriais da Axencia para a Modernización Tecnolóxica de Galicia, Carlos Vázquez; así como da posterior conferencia de Pablo Nimo, quen abordará a infraestrutura técnica e o uso do software libre nesta iniciativa. A mañá pecharase cunha mesa redonda sobre o presente e o futuro das ferramentas de autor e contidos dixitais.

O programa da tarde comezará coa celebración de tres sesións con tres obradoiros  de experiencias cada unha. Nelas, Feliciano José Couro, do colexio de educación especial Nosa Señora de Lourdes, afondará nas posibilidades das TIC para o alumnado con necesidades especiais de atención educativa; e Agapito Muñiz, do IES Sabón , abordará o uso do código QR. Pola súa parte, Elena Esperanza, do IES Poeta Díaz Castro, impartirá un taller de radio, mentres que José Manuel Durán e Luz María Beloso, do IES As Barxas, darán conta da súa experiencia no eido das TIC, que os levou a obter o premio de mellor iniciativa 2012 outorgado polo Instituto Nacional de Tecnologías Educativas y de Formación del Profesorado (INTEF).

Xa arredor do programa Abalar, Ramón Noche, do IES Xograr Afonso Gómez, presentará a súa experiencia de traballo coas novas tecnoloxías no eido das ciencias sociais; mentres que Eduardo Rafael Rodríguez e Juan José Varela, co CEIP Raquel Camacho, exporán a súa experiencia co Edmodo como ferramenta de integración das TIC na aula Abalar. Pola súa parte, Mª Jesús Casado, do IES Francisco Daviña Rey, tratará o valor engadido do libro de texto dixital, ao tempo que Luís Gómez, do CPI dos Dices, analizará as posibilidades dos vídeos educativos. Ademais, os asesores Abalar Alejandro González, Juan Menéndez, José Antonio Vicente e Manuel Ángel García debullarán nun obradoiro e nun relatorio os pormenores da rede social do profesorado Redeiras e mais do espazoAbalar, a plataforma web do proxecto.

A xornada rematará coa conferencia do xefe de servizo do Centro Nacional de Desenvolvemento Curricular en Sistemas non Propietarios (CeDeC), Miguel Ángel Pereira, tras a que se celebrará o acto de clausura.

Tema: 

Colectivo: 

Sección: 

Convocatoria de premio Selo Europeo para as iniciativas innovadoras na ensinanza e a aprendizaxe das linguas 2013

O Selo Europeo para as iniciativas innovadoras na ensinanza e a aprendizaxe das linguas é unha iniciativa da Comisión Europea para incentivar a aprendizaxe de linguas como medio para unha auténtica integración europea.

Este premio quere destacar as experiencias innovadoras no eido da ensinanza e a aprendizaxe das linguas (incluída a linguaxe de signos) estranxeiras, nacionais, e as propias de comunidades emigrantes.

Nesta convocatoria, a Comisión Europea marcou dous prioridades: a aprendizaxe de linguas baseado nas novas tecnoloxías e as clases multilingües. Esta iniciativa xurdiu en 1998 e lévase a cabo grazas á participación de cada un dos Ministerios de Educación dos países membros da Unión Europea, a través dos cales distínguense as mellores prácticas no campo da ensinanza e aprendizaxe das linguas.

Vén outorgándose no Estado español mediante convocatoria pública desde 1998, e desde 2005 conta con dúas modalidades:

  • Modalidade A: Selo Europeo para as mellores actividades innovadoras na ensinanza e a aprendizaxe das linguas
  • Modalidade B: Selo Europeo para o profesor/a de linguas que teña destacado pola súa dedicación e profesionalidade na ensinanza de linguas

As solicitudes para as dúas modalidades poderán presentarse ata o 6 de maio de 2013. As bases e condicións que rexen a convocatoria pódese consultar na Resolución do 25 de marzo de 2013 da Presidencia do Organismo Autónomo Programas Educativos Europeos publicada no BOE de 12 de abril de 2012 e na páxina web do OAPEE: www.oapee.es
 

Gallego
Organismo Autónomo Programas Educativos Europeos

Colectivo: 

A ONCE fai públicas as bases do XXVII Concurso de investigación educativa sobre experiencias escolares e as do VI Concurso sobre materiais didácticos

Mediante o oficio-circular 13/2013, a Dirección Xeral de Educación, Emprego e Promoción Cultural da ONCE fai públicas as bases do XXVII Concurso de investigación educativa sobre experiencias escolares e as do VI Concurso sobre materiais didácticos, ambos destinados aos profesionais relacionados coa educación do alumnado con cegueira ou con deficiencia visual grave.
No XXVII Concurso de investigación educativa sobre experiencias escolares valoraranse de forma especial as experiencias realizadas na ESO en relación coa inclusión escolar e social do alumnado con cegueira ou con deficiencia visual grave.
O VI Concurso sobre materiais didácticos contempla dúas modalidades: a de materiais didácticos adaptados e a de materiais didácticos en soporte informático.
Tanto no XXVII Concurso de investigación educativa sobre experiencias escolares como en cada unda das modalidades do VI Concurso sobre materiais didácticos outorgaranse dous premios: un primeiro, de 2.000€, e un segundo, de 1.000€.
O prazo para a admisión dos traballos na Dirección Xeral da ONCE pecharase o 15 de setembro de 2013.

 

Gallego
Logo Concursos ONCE

Sección: 

"Soñador@s Solidari@s", material didáctico dixital para tratar a igualdade de xénero, a solidariedade e a cooperación

Contido didáctico interactivo creado para a campaña "Mulleres soñadoras" da Fundación "Taller de Solidaridad", ONG de ámbito estatal, independente e sen ánimo de lucro.

Este material didáctico componse de tres unidades didácticas independentes, unha para ciclo de Educación Primaria, para aplicar sobre lousa dixital. Preténdese transmitir ao alumnado de primaria valores de solidariedade, igualdade, cooperación, dereitos humanos, tolerancia e colaboración.

Cada unidade componse de catro actividades interactivas sinxelas, e diferéncianse entre si pola dificultade dos exercicios a realizar de menor a maior en función do ciclo ou unidade e, polo tanto, da idade do alumnado.

As actividades están formuladas a xeito de xogos que o alumnado irá realizando por orde para conseguir un diploma final que o acreditará como "Soñad@r Solidari@". O obxectivo é motivar ao alumnado (por separado ou en grupo) a realizar os exercicios e superarse a si mesmos para conseguir a acreditación.

Ademais, nas tres unidades o alumnado poderá consultar un mapamundi interactivo (común ás tres unidades) no que figuran algunhas accións que Taller de Solidariedade desenvolve no mundo, que teñen como protagonistas ás mulleres, destacadas por puntos "quentes" nos que se mostran fotografías e/ou vídeos daqueles proxectos, así como unha breve explicación destes.

O docente atopará en cada actividade os obxectivos pedagóxicos e indicacións para o desenvolvemento da mesma nun só botón.

Gallego
Soñador@s Solidari@s

XXVII edición das Xornadas Pedagóxicas "Lumière sur L'imagin-ère en classe de francais: la magie de L'image" en Santiago o 19 e 20 de abril de 2013

A Asociación de Profesores de Francés de Galicia (APFG), coa colaboración da Embaixada de Francia en España anuncia a celebración da XXVII edición das Xornadas Pedagóxicas "Lumière sur L'imagin-ère en classe de francais: la magie de L'image", que terán lugar os vindeiros días venres 19 (de 16:45 a 21:00) e sabado 20 de abril de 2013 (de 10:00 a 20:30) no IES As Fontiñas en Santiago de Compostela.

Sobre o eixo das conferencias e de diversos obradoiros de experiencias pedagóxicas, o programa dará a coñecer as oportunidades do audiovisual na aula de Francés Lingua Estranxeira e os beneficios da imaxe e do son para a mellora da competencia lingüística en francés. Dedicarase un lugar especial á aplicación pedagóxica do cine na aula de français. 

As intervencións correrán a cargo de relatores do Cavilam de Vichy, do CLA de Besançon, da Universidade de Valencia e de docentes de Galicia, doutras Comunidades e de Portugal.

Están convidados a asistir tanto os profesores especialistas como todos os colegas de DNL e os asistentes de conversa en lingua francesa.

Como novidade desta edición haberá actividades “audiovisuais” e intervencións artísticas “en français” por parte do alumnado.

Tamén terá lugar a exposición de traballos elaborados polo alumnado de francés de toda Galicia no marco do concurso “Affiche ton français! 2013”.  Trátase de elaborar uns pósters en formato A3 sobre a temática do cine. Os tres mellores traballos de cada centro docente participante serán expostos.

Inscricións, información detallada e bases do Concurso a través do enderezo web da APFG: www.galigalia.eu
 

Gallego
XXVII edición das Xornadas Pedagóxicas "Lumière sur L'imagin-ère en classe de fr

Colectivo: 

Sección: 

"¡Con la comida sí se juega!, xogo educativo interactivo para previr a obesidade infantil

A Asociación General de Consumidores presenta esta web a modo de xogo educativo interactivo para contribuír á prevención da obesidade infantil.

A través de múltiples opcións, o xogo vai informando aos nenos e nenas sobre a importancia que teñen os alimentos que comen para a súa saúde, crecemento e desenvolvemento. Dentro do xogo, creáronse dúas guías, unha para os pais e outra para os nenos e nenas, nas que se repasan os principais conceptos sobre dieta saudable e actividade física: importancia de realizar 5 comidas diarias, composición máis adecuada das comidas e repaso da pirámide alimentaria.
Esta proposta está dirixida a nenos e nenas de entre 8 e 13 anos de idade.

 

Gallego
"¡Con la comida sí se juega!"

"Divulga na escola": listado dos principais divulgadores de ciencia e tecnoloxía de Galicia

A Asociación Galega de Cultura Científica e Tecnolóxica (AGCCT) presenta o programa "Divulga na Escola", a través do cal achega aos centros unha completo listaxe dos principais divulgadores de ciencia e tecnoloxía de Galicia. Esta listaxe creouse coa finalidade de pór en contacto a divulgadores cos centros de ensino e facilitar así a busca de conferenciantes e actividades á medida de cada centro.

Nesta listaxe pódese atopar:

  • Nome e contacto do divulgador.
  • Unha descrición da actividade.
  • Os materiais necesarios.
  • Se está condicionado ou se ten custos económicos.

 

Gallego
Divulga na escola

Colectivo: 

Cultura e Educación reúne a preto de 300 docentes nas I Xornadas de desenvolvemento dos contratos-programa, unha nova iniciativa a prol da mellora da calidade e a loita contra o fracaso escolar

A EGAP acolle hoxe esta xornada, onde o profesorado dos 289 centros que asinaron este curso contratos-programa poderá afondar en diferentes metodoloxías para o éxito escolar

Gallego
O director xeral de Educación, Formación Profesional e Innovación Educativa, Man
O director xeral de Educación, Formación Profesional e Innovación Educativa, Manuel Corredoira, inaugurou as I Xornadas de Desenvolvemento dos Contratos-programa

A Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria reúne hoxe na Escola Galega de Administración Pública (EGAP) a preto de 300 docentes nas I Xornadas de Desenvolvemento dos Contratos- Programa, organizadas polo Centro Autonómico de Formación e Innovación (CAFI), unha nova iniciativa no marco da política da Consellería a prol da mellora da calidade educativa e da loita contra o fracaso escolar. O obxectivo desta xornada é que as profesoras e profesores dos 289 centros educativos de Galicia que este curso asinaron contratos-programa poidan afondar nas diferentes metodoloxías para acadar o éxito escolar, grazas a un completo programa de relatorios e obradoiros simultáneos arredor de cada unha das 5 liñas desta iniciativa, que foi impulsada o curso pasado por primeira vez pola Consellería.

A xornada, que foi inaugurada polo director xeral de Educación, Formación Profesional e Innovación Educativa, Manuel Corredoira, comezou co relatorio do profesor de Bioquímica e Bioloxía Molecular da USC Germán Sierra, Neurociencia e aprendizaxe. O programa da mañá complétase cun relatorio do pedagogo e orientador Joan Vaello arredor dos beneficios dun bo clima de aula para a motivación do alumnado.

Pola tarde as xornadas organizaranse en tres sesións consecutivas con catro obradoiros simultáneos en cada unha delas. Así, na primeira sesión abordarase a experiencia do IES Poeta Díaz Castro (Guitiriz) coa exposición oral como instrumento de coordinación nun centro educativo, da man do docente Antonio Frade. Ademais, Laura Álvarez e Inés Ares, do CEIP Príncipe Felipe (Pontevedra), presentarán as posibilidades da expresión artística como canle para a resolución de conflitos; mentres que Javier García, do IES Fin do Camiño (Fisterra), abordará a mediación no seu relatorio.

Na segunda sesión impartiranse dous obradoiros relacionados coa convivencia: A educación emocional e o acompañamento escolar, impartido por Silvia Folgueira (CEIP Pilar Maestu Sierra, da Pobra do Caramiñal); e A xestión da convivencia no IES Isidro Parga Pondal, da man de Mª Jesús Pérez e Lourdes Otero, do devandito centro carballés. Ademais, Javier Méndez, do CPI Plurilingüe dos Dices (Rois) será o responsable do obradoiro A robótica educativa, e Miguel Ángel Vidal (IES Pedro Floriani, de Redondela) serao de “Doblando las mates”: achegándonos ás matemáticas a través do origami.

A última das sesións será a quenda de Mª Begoña Muñoz e Aurora Ramilo, do CEIP de Leirado (Salvaterra de Miño), con Aprender facendo, e de Eva Garea, do IES Plurilingüe de Ames, que abordará a interdisciplinariedade do traballo por proxectos. Ademais Covandonga Rodríguez, do IES de Mugardos, afondará nos medios para procurar a mellora na calidade dos centros educativos; e Blandina Peña e Rosa Blanco, do CEIP Plurilingüe A Pedra (Bueu) tratarán a motivación como principio de integración e aprendizaxe.

Éxito da segunda convocatoria

A Consellería de Cultura e Educación asinou contratos-programa cun total de 289 centros educativos. Deste xeito quedou confirmado o éxito da segunda convocatoria desta iniciativa, á que se presentaron 314 centros, con propostas para o desenvolvemento de 527 actuacións, o que supuxo duplicar o número de solicitudes do ano anterior, mostra do interese da comunidade educativa.

Os centros participantes no curso 2012/2013 desenvolven un total de 417 actuacións, 256 delas para o reforzo, orientación e apoio; 91 de mellora da lectura, escritura e cálculo; 34 para a mellora da convivencia; 6 dirixidas á redución do abandono escolar; e 30 para favorecer a excelencia educativa. Un total de 99 colexios e institutos asinaron contratos-programa con 2 ou máis liñas de actuación.

O obxectivo é que se beneficien destes contratos-programa preto de 35.800 alumnas e alumnos de toda Galicia, grazas á implicación de 2.950 docentes. Pola súa parte, a Consellería inviste nesta iniciativa máis de 3,27 millóns de euros.

Colectivo: 

Sección: