Benvida da Conselleira

Carmen Pomar TojoComo conselleira de Educación, Universidade e Formación Profesional doulles a benvida a este espazo web do portal corporativo da Xunta de Galicia.

Afrontamos a responsabilidade de acometer a xestión da educación de Galicia case na terceira década do século XXI. Somos conscientes de que o proceso educativo, na súa máis ampla extensión, é un dos piares básicos do desenvolvemento dun país. Desde calquera perspectiva, os cambios sociais, económicos, tecnolóxicos e culturais van transformando os parámetros fundamentais do sistema educativo. Debemos estar preparados para anticipar e acometer as consecuencias dos devanditos cambios e para sacar o mellor deles.

Galicia presenta un carácter especial que a fai plural, aberta e diversa. Desde esta particularidade debemos traballar por unha educación inclusiva, plurilingüe e enriquecida, que faga énfase na excelencia e o respecto ás diferenzas e contribúa ao aproveitamento do talento en todos e cada un dos niveis do ensino, sen esquecer os marcos de educación non formal que axudan a reforzar as aprendizaxes das aulas.

Atopámonos ante o reto dun marco europeo de competencias que incide en obxectivos relacionados coa reflexión crítica, a solución de problemas e o pensamento diverxente, pero que, á vez, ten que responder ás demandas laborais que impulsan un desenvolvemento profesional áxil e actualizado. Por iso, debemos ter moi en conta a educación obrigatoria, como cimento sólido da traxectoria persoal e académica de cada persoa; así como a posobrigatoria, incidindo na calidade tanto da educación universitaria, como da formación profesional, revisando de forma continua a opción de titulacións e de itinerarios formativos.

É un gran privilexio para min estar á fronte da Consellería de Educación, Universidade e Formación Profesional, pero é, tamén, unha gran responsabilidade que agardo desempeñar con esforzo, compromiso, perseveranza e entusiasmo.

Coa seguridade e coa confianza de que estamos nun gran proxecto colectivo, envíolles o meu saúdo máis cordial.

 

Carmen Pomar Tojo
Conselleira de Educación, Universidade e Formación Profesional