Gallego

Nova versión da aplicación eXeLearning: intef7

 

Acaba de ser presentada por parte do Instituto Nacional de Tecnoloxías Educativas e de Formación do Profesorado (INTEF) e do Centro Nacional de Desenvolvemento Curricular en Sistemas non Propietarios (CeDeC) a nova versión da ferramenta de autor eXeLearning. A ferramenta ofrece facilidade, sinxeleza, estabilidade e usabilidade para a creación e reutilización de contidos educativos dixitais.

A principal novidade que incorpora esta versión é independencia do navegador Firefox, podendo ser utilizada co navegador predeterminado do equipo. Ademais, melloráronse as opcións de exportación para a tradución de contidos a través de XLIFF e incluíuse a posibilidade de persoalizar a listaxe de iDevices. eXeLearning é Software Libre e sae totalmente traducida ao galego.

Para información máis detallada sobre a aplicación e as novidades desta versión 7, pulse aquí.

 

Gallego
eXeLearning

LOM Aplicación informática: 

Ampliación do prazo de solicitude para o Plan Navega con Rumbo

O Plan Navega con Rumbo é unha iniciativa promovida pola Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria en colaboración co Colexio Profesional de Enxeñaría en Informática de Galicia (CPEIG).

O programa ten como obxectivo formar ao alumnado nas boas prácticas no uso de internet, previndo o ciberacoso e a dependencia das novas tecnoloxías, e promovendo un uso responsable das redes sociais. Asi mesmo, pretende a implicación do profesorado e das familias neste proceso, facéndoos partícipes destas recomendacións.
No 3º trimestre do curso vanse impartir unhas 45 sesións da III edición do Plan Navega con Rumbo. Poden participar neste programa os centros públicos da rede Abalar que non recibisen ditas charlas este curso nin nalgunha das dúas edicións anteriores.

Os centros interesados deben enviar un correo electrónico ao enderezo:

abalar.navegaconrumbo@edu.xunta.es

Antes do sábado 16 de marzo indicando os datos da persoa de contacto (nome, cargo, teléfono, correo electrónico) e indicando o seu interese en participar neste programa. 

 

Gallego
Navega con Rumbo

Sección: 

Concurso “Te Toca!”: Ideas para mellorar o ambiente escolar

A Fundación Antena 3 convoca a segunda edición do concurso nacional online “Te Toca!” co obxectivo de promover a escoita e participación dos rapaces, así como mobilización para solucionar unha problemática que lles afecta. Este ano, a Fundación Antena 3 centra as súas actividades no ámbito da educación, e invita aos rapaces a presentar ideas para solucionar unha problemática relacionada con ela: “Como mellorar o ambiente escolar?”


As ideas poden presentarse en calquera das seguintes categorías:

  • Proposta de acción persoal: Que farías ti para mellorar o ambiente escolar?
  • Petición para o mundo adulto: Que deberían facer os adultos para mellorar o ambiente escolar?

Participantes:

  • Para rapaces de 12 a 17 anos de idade (incluíndo aqueles que cumpran 12 anos no 2013) con residencia en España.

A participación poderá ser:

  • Individual
  • En grupo, de máximo 3 membros, un dos cales actuará como PORTAVOZ

Presentación de candidaturas:
Do 4 de febreiro ao 14 de abril de 2013.


Premios:

  • Propostas de acción persoal:
    • Premios Samsung en especie: Galaxy Tablet 10.1 (Primeiro Premio), Galaxy Tab 7.0 (Segundo Premio), MP3 Galaxy Player (Terceiro Premio) ou produto similar.
    • Premio de recoñecemento: Apoio para poñer en marcha a proposta de acción persoal: capital semente (ata un máximo de 500 €), sesión presencial de formación e asesoramento de expertos para a posta en marcha do proxecto, supervisión e seguimento do proxecto.
  • Peticións para o mundo adulto:
    • Premios Samsung en especie: Galaxy Tablet 10.1 (Primeiro Premio), Galaxy Tab 7.0 (Segundo Premio), MP3 Galaxy Player (Terceiro Premio) ou produto similar.
    • Premio de recoñecemento:  Presentación do vídeo nun acto formal ante unha Autoridade de prestixio.
Gallego
Concurso "Te Toca!"

Sección: 

Exposición RSME-IMAGINARY-SANTIAGO na Igrexa da Universidade en Santiago do 15 de marzo ata o 16 de maio de 2013

A Facultade de Matemáticas organiza a exposición RSME-IMAGINARY-SANTIAGO que terá lugar na Igrexa da Universidade en Santiago de Compostela dende o 15 de marzo ata o 16 de maio de 2013.

Trátase dunha exposición visual e interactiva, na que se poden atopar imaxes, pantallas táctiles, esculturas e obxectos de natureza matemática. A mostra ten un dobre carácter: cultural e divulgativo; nela pódese apreciar que Matemáticas e Realidade, Matemáticas e Arte, están en estreita conexión.

RSME-IMAGINARY ten unha marcada vocación didáctica que en todas as súas edicións se quixo coidar especialmente. Por iso, as visitas guiadas e titorizadas de grupos de alumnado de Bacharelato e dos últimos cursos da ESO, así como de estudantes universitarios, percíbense como a forma óptima de visitar RSME-IMAGINARY-SANTIAGO. Trátase dunha exposición interactiva na que o visitante pode xogar coas figuras, modificalas, rotalas... feito que reforza notablemente tanto o carácter lúdico como o didáctico.

Os centros interesados poden solicitar unha visita guiada cubrindo o formulario que se pode atopar na páxina web http://www.usc.es/mate/imaginary

enviándoo ao correo rsme.imaginary.santiago@gmail.com antes do 12 de marzo ou ata o momento en que todas as datas sexan cubertas.
A mellor forma de que un centro educativo goce e aproveite a visita é co/a profesor/a actuando como guía para a exposición. Ninguén mellor que el ou ela coñece os seu alumnado, polo que, é recomendable que o profesorado (ou os/as responsables da visita) que o desexen, participen da xornada de preparación que poremos a súa disposición, o que facilitará a comprensión da exposición. No caso de non ser posible a asistencia a esta xornada de preparación, a organización ofrece un servizo de monitorización que fará posible o total goce da exposición.

Dende a Facultade de Matemáticas, cóntase coa inestimable colaboración da Vicerreitoría de Estudantes, Cultura e Formación Continua e coa Secretaría Xeral de Cultura da Xunta de Galicia.

Tamén participan o Instituto de Matemáticas da USC, a rede IEMath-Galicia e as asociacións AGAPEMA e ENCIGA, que acollen ao profesorado de ensino secundario. Outras entidades colaboradoras son SGAPEIO (Sociedade Galega para a Promoción da Estatística e a Investigación de Operacións), o ITMATI (Instituto Tecnolóxico de Matemática Industrial), a OMG (Olimpíada Matemática Galega) e ESTALMAT-Galicia.

Gallego
Exposición  RSME-IMAGINARY-SANTIAGO

Sección: 

Ciclo de conferencias: "Produto seguro, mercado seguro"

Co gallo da celebración o 15 de marzo do Día Mundial dos Dereitos da Persoas Consumidoras 2013, o Instituto Galego de Consumo (IGC) convoca un ciclo de conferencias nas 7 cidades galegas sobre: "Produto seguro, Mercado seguro".

Datas e lugares de celebración:

11 de marzo de 2013 na Coruña

  • Lugar: Sala multiusos do centro sociocultural Novacaixagalicia (Rúa Cantón Grande, nº 21)
  • Hora: de 11:00 h. a 12:30 h.
  • Relatora: Natalia Crespo González, Directora-Coordinadora do LGC

12 de marzo de 2013 en Ferrol

  • Lugar: Salón de actos do edificio administrativo da Xunta de Galicia (Praza Camilo José Cela, s/n)
  • Hora: de 18:00 h. a 19:30 h.
  • Relatora: Natalia Crespo González, Directora-Coordinadora do LGC

13 de marzo de 2013 en Lugo

  • Lugar: Salón de actos do edificio administrativo da Xunta de Galicia (Ronda da Muralla, nº 70)
  • Hora: de 19:00 h. a 20:30 h.
  • Relator: Manuel Ángel Barros González, xefe do servizo provincial de consumo de Lugo

13 de marzo de 2013 en Vigo

  • Lugar: Sala multiusos da sede en Vigo da Deputación Provincial de Pontevedra (Rúa Oporto, nº 3)
  • Hora: de 19:00 h. a 20:30 h.
  • Relator: Alfonso Diéguez García, xefe de servizo de inspección, vixilancia do mercado e seguridade dos produtos

14 de marzo de 2013 en Ourense

  • Lugar: Salón de actos do edificio administrativo da Xunta de Galicia (Avda. da Habana, 79)
  • Hora: de 18:30 h. a 20:00 h.
  • Relator: Manuel Ángel Barros González, xefe de servizo provincial de consumo de Lugo

14 de marzo de 2013 en Pontevedra

  • Lugar: Salón de actos do Padroado de Turismo Rías Baixas (Praza de Santa María, s/n)
  • Hora: de 18:00 h. a 19:30 h.
  • Relator: Alfonso Diéguez García, xefe de servizo de inspección, vixilancia do mercado e seguridade dos produtos

14 de marzo de 2013 en Santiago de Compostela

  • Lugar: Salón de actos do edificio municipal Cersia (Rúa Alcalde Raimundo López, s/n)
  • Hora: de 18:00 h. a 19:30 h.
  • Relatora: Natalia Crespo González, Directora-Coordinadora do LGC
Gallego
Ciclo de conferencias: "Produto seguro, mercado seguro"

Sección: 

O curso Moodle "Planeta Auga" xa está accesible na Aula Virtual do CAFI

Dentro da convocatoria de licenzas de formación deste curso 2012/13 e durante o primeiro trimestre o docente Alberto Abadín Cid, do IES Aquis Celenis de Caldas de Reis, elaborou os materiais para a área de Ciencias Naturais para 1º da ESO. O título do recurso é “Planeta auga” e pode visitarse na aula virtual aberta do CAFI (pulsar aquí para acceder).

Ao final da mesma pódese descargar o curso para instalalo na Aula Virtual Moodle do propio centro, de maneira que se poidan xestionar os diferentes módulos é adaptalos ao alumnado propio. O recurso será aloxado dentro do repositorio do espazoAbalar na vindeira actualización.

Preténdese, igualmente, animar ao profesorado para compartir cursos simulares aloxados nas Aulas Virtuais Moodle dos centros que consideren interesantes para a Comunidade Educativa.

En caso de ter algún recurso interesante para compartir mediante a posibilidade de restaurar un curso, a vía de contacto é:

Gallego
Planeta Auga

Colectivo: 

Sección: 

Publicación do Catálogo das Visitas de Estudo para o curso 2013/2014

As Visitas de Estudo forman parte do Programa Transversal do PAP e teñen como obxectivos específicos a promoción da cooperación europea, o intercambio de información e experiencias entre especialistas educativos e de formación profesional, en áreas de interese común. Permiten que os participantes coñezan os enfoques adoptados noutros países e poder adquirir unha información mellor e máis actualizada da educación en Europa.

Este programa de Visitas de estudo veuse desenvolvendo pola Comisión Europea desde 1978 (desde 1985 as Visitas de Formación Profesional) para favorecer os intercambios e a cooperación en materia de educación e formación. Cada visita de estudo está composta por un grupo de entre 8 e 15 participantes de diferentes países que nunha estadía de entre 3 e 5 días terán a oportunidade de debater, observar e intercambiar perspectivas e ideas sobre un determinado tema educativo ou de formación nun contexto europeo.

Cada ano o programa de visitas de estudo organízase arredor dunha serie de temas seleccionados. A Comisión Europea presta especial atención á vinculación dos temas das Visitas de Estudo coas Estratexias de Lisboa e a Estratexia 2020.

Gallego
Catálogo 2013/2014 das Visitas de Estudo

Colectivo: 

Sección: 

Cultura e Educación convocará 140 prazas para que o profesorado realice itinerarios formativos no estranxeiro para a mellora das súas competencias lingüísticas

Canadá, Reino Unido, Francia, Portugal, Alemaña e EEUU son os destinos aos que poderán optar os docentes, cunha duración das estadías de ata 4 semanas, dependendo da modalidade

Deste xeito, e malia á crise económica, a Consellería reafirma o seu compromiso coa formación dos docentes, convocando as mesmas prazas que o ano pasado

As profesoras e profesores que realicen este programa deberán elaborar, cos seus coñecemento, materiais didácticos para o seu uso nos centros de ensino

Gallego
Cultura e Educación convocará 140 prazas para que o profesorado realice itinerar
Cultura e Educación convocará 140 prazas para que o profesorado realice itinerarios formativos no estranxeiro para a mellora das súas competencias lingüísticas

A Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria convocará 140 prazas para a realización de itinerarios formativos para a mellora da competencias lingüísticas e comunicativa do profesorado. Así o recolle a convocatoria presentada esta mañá na mesa sectorial do ensino non universitario celebrada na Escola Galega de Administración Pública (EGAP), unha xuntanza na que ademais se abordou a orde pola que se convoca concurso de méritos para a selección e o nomeamento da dirección dos centros docentes públicos. Deste xeito, e malia á crise económica, a Consellería reafirma o seu compromiso coa formación dos docentes, convocando as mesmas prazas para estadías no estranxeiro que o ano pasado.

Ao abeiro do Programa Integral de Aprendizaxe de Linguas Estranxeiras (PIALE) a Consellería oferta itinerarios intensivos para potencias a consolidación e adquisición de niveis de competencia lingüística, dando a oportunidade aos participantes nos mesmos de poñer en práctica os seus coñecementos no contexto dunha país no que se fala a lingua en cuestión. O obxectivo é formar profesionais debidamente cualificados para impartir clases na rede de 2.373 seccións bilingües e 148 centros plurilingües do sistema educativo de Galicia. Cómpre salientar que ao longo da lexislatura pasada beneficiáronse deste programa preto de 1.500 profesores, cun incremento do 73% respecto á lexislatura anterior.

Destinatarios

A convocatoria irá dirixida ao profesorado especialista en inglés que estea a impartir ensinanzas de lingua estranxeira en educación infantil e primaria; a profesorado especialista de francés e inglés; e a profesorado AICLE/CLIL (de áreas, materias ou módulos non lingüísticos impartidos en inglés) de educación primaria, secundaria obrigatoria, de bacharelato ou de formación profesional, que estea a participar nos programas de seccións bilingües e/ou centros plurilingües.

Así mesmo, poderán participar os docentes non especialistas que impartan ensinanzas establecidas na Lei Orgánica de Educación, en centros públicos dependentes da Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria e a Inspección Educativa. Neste último caso deberán facer a proba que se determine ao finalizar a fase de inmersión ou integración, que poderá acreditar a competencia do nivel B2 segundo o Marco común europeo de referencia para as linguas. Tamén poderán optar ás prazas das actividades o profesorado que teña previsto participar no programa de seccións bilingües ou o de centros plurilingües a partir do curso 2013-2014.

Modalidades

Os itinerarios formativos realizaranse en 3 modalidades diferentes.A primeira delas constará dunha primeira fase dun curso de formación en inglés en Galicia, seguido dun período de inmersión no país falante da lingua estranxeira de ensino e aprendizaxe, cunha duración de tres semanas que se realizará no mes de xullo de 2013 en Reino Unido, Canadá ou Estados Unidos. A segunda modalidade consistirá nun programa de inmersión total en inglés, con integración na vida escolar en centros escolares de Canadá, acompañados por un docente da súa mesma área ou materia durante catro semanas no primeiro trimestre do curso 2013-2014. A terceira modalidade consistirá en cursos de dúas semanas no Reino Unido, Francia, Alemaña ou Portugal.

En todos os casos os beneficiarios deberán realizar unha fase final de elaboración de materiais para a sociedade da información para o seu uso didáctico, no primeiro trimestre do curso 2013-2014.

Dirección dos centros docentes

Outro dos asuntos abordados na mesa sectorial foi a convocatoria do concurso de méritos para a selección e o nomeamento da Dirección dos centros docentes públicos. En total serán 206 os centros de ensino que renoven os seus directores e directoras a través dun concurso que se realizará de conformidade cos principios de igualdade, publicidade, mérito e capacidade.

Colectivo: 

“Luces Alén Mar. As escolas de americanos en Galicia”: nova exposición temporal no MUPEGA

Luces de Alén Mar é unha exposición temática a modo de metáfora sobre a intervención escolar dos emigrantes galegos de finais do XIX e principios do XX nos seus lugares de procedencia, nas súas parroquias de orixe.
Preséntase no MUPEGA con motivo do centenario que se está conmemorando da constitución destas sociedades de emigrantes e de moitas das escolas que foron creando. A primeira destas sociedades foi a Alianza Aresana (Ares- Ferrol) no 1904 na Habana.
Comisariada polo profesor da USC, D. Vicente Peña Saavedra e documentada por Carolina García Borrazás e Mª Teresa García Domínguez, estruturase en torno a 15 eixes ou núcleos expositivos que se desagregan en 41 grandes paneis profusamente ilustrados, con 10 expositores de variado formato que conteñen documentación orixinal e aos que acompaña a recreación dunha aula de americanos con todo o seu enxoval escolar, que emprazada en lugar relevante forma parte da exposición permanente do MUPEGA.
O Museo Pedagóxico de Galicia-MUPEGA-, acolle esta exposición temporal no seu primeiro andar dende este mesmo mes ata o 28 de xuño próximo. Pódese visitar gratuitamente dentro do horario normal de apertura do noso centro que figura na súa páxina web: www.edu.xunta/mupega

Gallego
"Luces de Alén Mar": nova exposición temporal no MUPEGA

Sección: 

Cultura e Educación reúne a 140 docentes nas 'V Xornadas de lingua e literatura. Comunicación e Linguaxe’

O encontro ofrece ao profesorado das áreas de lingua e literatura galega e castelá un espazo de reflexión e diálogo arredor de diversas focalizacións teóricas e metodolóxicas

Gallego
Manuel Corredoira nas xornadas de Lingua e Literatura. Comunicación e Linguaxe
Manuel Corredoira nas xornadas de Lingua e Literatura. Comunicación e Linguaxe

A Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria reúne a 140 docentes nas ‘V Xornadas de Lingua e Literatura. Comunicación e Linguaxe’, que se celebran hoxe e mañá na Escola Galega de Administración Pública baixo a organización do Centro Autonómico de Formación e Innovación (CAFI). A actividade, dirixida ao profesorado das áreas de lingua e literatura galega e castelá, forma parte das organizadas polo departamento educativo da Xunta de Galicia no marco da súa aposta pola formación permanente dos docentes como peza fundamental da calidade do ensino.

O director xeral de Educación, Formación Profesional e Innovación Educativa, Manuel Corredoira; inaugurou hoxe o encontro, que arrincou cun relatorio do profesor e xornalista Xosé Ramón Pousa Estévez arredor das técnicas para conseguir unha comunicación docente eficaz. O programa desta primeira xornada complétase coa celebración de obradoiros simultáneos entre os cales os asistentes poderán escoller o do seu maior interese.

O sábado pola mañá será a quenda da exposición de boas prácticas, un achegamento á experiencia concreta do IES Poeta Díaz Castro (Guitiriz, Lugo)arredor da exposición oral. Nesta actividade o director do instituto, Antonio Frade, explicará como no seu centro se puxo en marcha un sistema de traballo e avaliación para impulsar o dominio da lingua oral, cuestión fundamental para afrontar con éxito o acceso ao mercado laboral. O resto da xornada dedicarase, de novo, á celebración de obradoiros simultáneos ata o peche da actividade.

Con este encontro a Consellería ofrece aos docentes un espazo de reflexión e diálogo arredor de diversas focalizacións teóricas e metodolóxicas, co fin de desenvolver as súas competencias no tocante ao lingüístico-comunicativo, fundamentais no eido social-relacional, convivencial intre e interpersoal.

Obradoiros

As ‘V Xornadas de Lingua e Literatura. Comunicación e Linguaxe’ ofrecen aos docentes 7 obradoiros diferentes nos que poderán participar ao longo da tarde do venres e de toda a xornada do sábado. Impartido por Antonio Cabanas, do Ximnasio Ritmos, ‘O baile como vehículo de expresión’ contribuirá a que os participantes tomen conciencia da posibilidade expresiva do movemento rítmico, aprendendo a recoñecer e interpretar os xestos codificados e expresións habitualmente utilizados. A música tamén estará presente como vehículo de comunicación no taller impartido por Clara Pino, do IES Arcebispo Xelmírez I, quen fará un percorrido sobre a música como linguaxe comunicativa universal ao longo das distintas etapas históricas, así como no cine e na publicidade.
En ‘Necesitamos presentación creativas’, Xosé M. Dopazo - IES Plurilingüe Maruxa Mallo- explicará domo diferenciar os distintos niveis de xeneralización da información importante para acadar unha narración simple, concreta e comunicativa á par que interesante. Pola súa parte, Cristina Puga e Ana Mª Mariño, do CFR de Vigo, amosarán as posibilidades das redes sociais como recurso didáctico en ‘enREDando cos libros e as TIC’.

A oferta de actividades complétase cun obradoiro de iniciación á lingua de signos e achegamentos ás persoas xordas impartido por Ana Miguéns e David Fernández - Galensigna-; outro arredor de exercicios de coidado da voz, prevención e tratamento das disfonías, da man de Mª José Fiuza (USC); e con ‘Comunicación non verbal: impacto persoal, empatía e xestos delatores na aula’, no que Begoña Jamardo (Escola de Negocios Novacaixagalicia) explicará como observar e interpretar adecuadamente os sinais non verbais na aula para reconducir a estratexia de comunicación.

Tema: 

Colectivo: 

Sección: