Título node Learning object

Exposición RSME-IMAGINARY-SANTIAGO na Igrexa da Universidade en Santiago do 15 de marzo ata o 16 de maio de 2013
Xov, 07/03/2013 - 13:54
Exposición  RSME-IMAGINARY-SANTIAGO

A Facultade de Matemáticas organiza a exposición RSME-IMAGINARY-SANTIAGO que terá lugar na Igrexa da Universidade en Santiago de Compostela dende o 15 de marzo ata o 16 de maio de 2013.

Trátase dunha exposición visual e interactiva, na que se poden atopar imaxes, pantallas táctiles, esculturas e obxectos de natureza matemática. A mostra ten un dobre carácter: cultural e divulgativo; nela pódese apreciar que Matemáticas e Realidade, Matemáticas e Arte, están en estreita conexión.

RSME-IMAGINARY ten unha marcada vocación didáctica que en todas as súas edicións se quixo coidar especialmente. Por iso, as visitas guiadas e titorizadas de grupos de alumnado de Bacharelato e dos últimos cursos da ESO, así como de estudantes universitarios, percíbense como a forma óptima de visitar RSME-IMAGINARY-SANTIAGO. Trátase dunha exposición interactiva na que o visitante pode xogar coas figuras, modificalas, rotalas... feito que reforza notablemente tanto o carácter lúdico como o didáctico.

Os centros interesados poden solicitar unha visita guiada cubrindo o formulario que se pode atopar na páxina web http://www.usc.es/mate/imaginary

enviándoo ao correo rsme.imaginary.santiago@gmail.com antes do 12 de marzo ou ata o momento en que todas as datas sexan cubertas.
A mellor forma de que un centro educativo goce e aproveite a visita é co/a profesor/a actuando como guía para a exposición. Ninguén mellor que el ou ela coñece os seu alumnado, polo que, é recomendable que o profesorado (ou os/as responsables da visita) que o desexen, participen da xornada de preparación que poremos a súa disposición, o que facilitará a comprensión da exposición. No caso de non ser posible a asistencia a esta xornada de preparación, a organización ofrece un servizo de monitorización que fará posible o total goce da exposición.

Dende a Facultade de Matemáticas, cóntase coa inestimable colaboración da Vicerreitoría de Estudantes, Cultura e Formación Continua e coa Secretaría Xeral de Cultura da Xunta de Galicia.

Tamén participan o Instituto de Matemáticas da USC, a rede IEMath-Galicia e as asociacións AGAPEMA e ENCIGA, que acollen ao profesorado de ensino secundario. Outras entidades colaboradoras son SGAPEIO (Sociedade Galega para a Promoción da Estatística e a Investigación de Operacións), o ITMATI (Instituto Tecnolóxico de Matemática Industrial), a OMG (Olimpíada Matemática Galega) e ESTALMAT-Galicia.

Menús Learning object node R