Gallego

A Xunta pon en marcha a aplicación abalarMóbil, que permite ás familias seguir a actividade educativa dos seus fillos desde o móbil

Pais e nais poderán consultar as cualificacións, as faltas de asistencia ou solicitar unha titoría desde os seus dispositivos móbiles

Simplifica o acceso á información, xa que non se precisa dun certificado dixital ou do DNI electrónico e dun ordenador con lector de tarxetas

A implantación da aplicación arranca nunha primeira fase en once centros educativos das catro provincias galegas, o que implica a máis de 4.500 familias

Nos vindeiros meses ampliarase a todos os centros ata beneficiar a preto de 400.000 familias galegas

Está dispoñible para os sistemas operativos IOS e Android e traslada as funcionalidades do espazoAbalar aos smartphones e tablets

Gallego
A Xunta pon en marcha a aplicación abalarMóbil, que permite ás familias seguir a
A Xunta pon en marcha a aplicación abalarMóbil, que permite ás familias seguir a actividade educativa dos seus fillos desde o móbil

A Axencia para a Modernización Tecnolóxica de Galicia (Amtega), en colaboración coa Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria, pon en marcha a aplicación abalarMóbil, que permitirá ás familias seguir a actividade educativa dos seus fillos dende calquera lugar, dunha forma rápida e cómoda a través dos seus dispositivos móbiles.

A aplicación foi presentada esta mañá polo conselleiro de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria, Xesús Vázquez, e a directora da Amtega, Mar Pereira, no IES Eduardo Blanco Amor de Ourense, onde hai tres anos arrancaba o Proxecto Abalar. Ao acto asistiron ademais o delegado da Xunta na provincia, Rogelio Martínez; a directora do centro, María Soledad do Muíño; o director xeral de Educación, FP e Innovación Educativa, Manuel Corredoira; e o xefe de departamento da Área de Solucións Tecnolóxicas da Amtega, Ramiro Vázquez.

Segundo explicaron os responsables autonómicos, a entrada en funcionamento desta ferramenta é un paso máis na evolución do Proxecto Abalar. Unha iniciativa, que ademais de garantir a dotación e o mantemento da infraestrutura TIC en todos os centros educativos,  busca a participación de toda a comunidade educativa, facilitando ao profesorado, as familias e ao resto da comunidade educativa contidos e recursos educativos dixitais no espazoAbalar. A través desta web, que suma máis de 2 millóns de visitas desde 2010,  pais, nais, alumnos e profesores teñen un punto de encontro  e consulta na rede.

A implantación da aplicación arranca nunha primeira fase en once centros educativos das catro provincias galegas, o que implica a máis de 4.500 familias. O alcance da aplicación ampliarase paulatinamente ao resto dos centros educativos ata beneficiar a preto de 400.000 familias galegas. En concreto os centros que iniciarán a experiencia son o CEIP Fogar e IES Alfredo Brañas de Carballo, CEIP Ana Mª Diéguez e IES Feliz Muriel de Rianxo, IES Santiago Basanta Silva de Vilalba, CEP Santa Rita de Viveiro, IES Río Cabe de Monforte, CPI Tomás de Lemos de Ribadavia, IES Blanco Amor de Ourense, CPI Panxón de Nigrán, e IES Sánchez Cantón de Pontevedra.

Acceso máis sinxelo

AbalarMobil traslada ás tablets e aos smartphones os servizos que as familias teñen no espazoAbalar. A principal vantaxe da nova ferramenta é que simplifica o acceso a estas funcionalidades, xa que o único requirimento para acceder á información é descargar a aplicación. O acceso desde un ordenador precisa dispoñer dun certificado dixital ou do DNI electrónico, que verifique a identidade do usuario. Coa nova aplicación só é necesario dispor dun teléfono móbil con conexión de datos e descargar a aplicación para poder acceder aos servizos de abalarMóbil.

Funcionalidades

As familias que descarguen a aplicación poderán consultar desde o seu dispositivo móbil as cualificacións dos seus fillos, consultar e xustificar as faltas de asistencia, as faltas de conduta, os horarios e as materias, así como os avisos ou notificacións por parte do profesorado ou do centro educativo.

A aplicación está dispoñible para os sistemas operativos IOS, a través da Apple Store e Android, desde a Play Store. AbalarMóbil é a segunda aplicación que a Administración autonómica pon a disposición dos usuarios no espazo ‘Xunta’, onde se publicarán o resto de aplicacións do sector público galego nos dispositivos móbiles.

Cifras Abalar

A Xunta de Galicia continúa este ano co despregamento do Abalar, dotando de equipamento de aula, as aulas de 6º de primaria e 2º de ESO  dos centros que se incorporaron ao proxecto no curso 2012/2013. Isto suporá un total de 300 novas aulas e un total de 6.000 alumnos máis beneficiados.

Deste xeito está previsto que neste curso 2013/2014 o Abalar chegue a 2.300 aulas de 531 centros educativos, e que benefícianse deste programa máis de 49.000 estudantes.

Outro dos compromisos da Consellería de Cultura e Educación é continuar avanzando na cultura dixital, de forma aliñada co Ministerio de Cultura, Educación y Deporte. Neste sentido gustaríame salientar que a Consellería vén de ser aceptada como socia no programa europeo iTEC , o maior proxecto europeo en materia do uso da rede nas escolas, no que traballan conxuntamente ministerios, provedores de tecnoloxía e organizacións de investigación e estudo., O seu obxectivo é afondar na investigacións sobre as posibilidades que as novas tecnoloxías teñen para o proceso ensino-aprendizaxe.

O iTEC ten neste momento 27 socios, polo que a nosa incorporación a este proxecto é unha clara mostra do bo facer que se vén desenvolvendo nos últimos anos en materia de incorporación das TIC ao ensino.

Máis de 200 centros con 100 megas

No desenvolvemento de iniciativas como Abalar é fundamental dispoñer dunhas infraestruturas de telecomunicación adecuadas, para que todos os centros teñan acceso a unha conexión á rede de calidade. nos últimos tres anos, grazas ao Plan de Banda Larga, a Xunta cuadriplicou a velocidade media de conexión a internet dos centros educativos galegos. No 2009 o ancho de banda medio  situábase nos 5Mbps  fronte aos máis de 21 Mbps a día de hoxe

Ademais, o Plan permitiu que 219 colexios e institutos conten con redes de 100 Mbps de velocidade, dos cales 21 disporán desde esta semana con velocidades de 200 Mbps, entre eles o IES Eduardo Blanco Amor de Ourense, no que se presentou a aplicación abalarMóbil.

 

 

Os centros de ensino galegos expoñen as súas boas prácticas en materia de innovación educativa nunhas xornadas organizadas pola Consellería de Cultura e Educación

Máis de 300 docentes participan neste encontro, que remata este sábado en Santiago

Gallego
 Os centros de ensino galegos expoñen as súas boas prácticas en materia de innov
Os centros de ensino galegos expoñen as súas boas prácticas en materia de innovación educativa nunhas xornadas organizadas pola Consellería de Cultura e Educación

Máis de 300 docentes participan este venres e sábado nas Xornadas de Innovación Educativa organizadas pola Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria, e nos que os centros de ensino de Galicia expoñen as súas boas prácticas nesta materia. Non en balde, cómpre lembrar que algún dos centros participantes neste encontro foron avaladas polos premios recibidos a nivel nacional.

O director xeral de Educación, Formación Profesional e Innovación Educativa, Manuel Corredoira; representou á Consellería este venres na inauguración das xornadas, que  arrincaron coa conferencia do director do Instituto Nacional de Avaliación Educativa, Ismael Sanz Labrador, ‘Factores que poden contribuír a mellorar a educación’.

Durante a súa intervención o director xeral que subliñou a “importancia de organizar un espazo de encontro que sexa capaz de favorecer a reflexión e o debate en torno á innovación educativa e á mellora da calidade do ensino”. Ademais, engadiu que unha actividade formativa como esta convértese “nun espazo “para e por” os docentes, recoñecendo o seu traballo e dándolle visibilidade a prácticas educativas innovadoras que se están a desenvolver nos centros da nosa Comunidade Autónoma”.

O programa de hoxe pecharase cun panel de expertos no que se debaterá sobre a influencia da autonomía dos centros na mellora da calidade do ensino. Esta liña de actuación, que a Consellería de Cultura e Educación está a impulsar a través de iniciativas como os contratos-programa, os plans de formación en centros ou o Proxecto COMBAS; volverá ser abordada na clausura do encontro o sábado, coa participación de diferentes axentes da comunidade educativa, desde membros da inspeccións ata responsables de centros de formación –do profesorado- e recursos, entre outros.

Prácticas de aula innovadoras

Nesta mesma xornada presentaranse as devanditas boas prácticas de centros educativos, como é o caso do proxecto ‘San Xoán de película: unha escola inclusiva a través do cine’, que lle valeu ao CEIP San Xoán de Filgueira (Ferrol) o premio especial á Acción Maxistral; ou o do musical ‘O Eslavón do IES Plurilingües de Ames’, finalista destes mesmos galardóns outorgados pola Fundación de Axuda contra a Drogadicción (FAD), a Comisión Nacional Española de Cooperación coa la UNESCO e BBVA. ‘Aturuxo Films’, proxecto de creación audiovisual do IES de Cacheiras (Teo) mención nos Premios de Alfabetización do Ministerio de Educación, Cultura e Deporte, será outro dos expostos no encontro.

Así mesmo presentaranse as iniciativas desenvolvidas polo IES Plurilingüe Fontem Albei (A Fonsagrada) no marco do proxecto COMBAS e do Plan Proxecta; e ‘Impruxiño, construción dunha impresora 3D’, traballo do CPI Alcalde Xosé Pichel (Coristanco).

A finalidade destas Xornadas é crear un espazo de encontro que favoreza a reflexión e o debate sobre a innovación educativa, recoñecendo e difundindo experiencias innovadoras que se están a desenvolver nos nosos centros educativos co fin de que sexan un exemplo de boas prácticas, susceptibles de ser experimentadas de forma contextualizada por outros profesores e profesoras.

Tema: 

Colectivo: 

Sección: 

Presentación de Arbax. Contra o acoso escolar

A Consellería de Cultura, Educación e O.U presentou o 8 de novembro de 2013 o videoxogo Arbax.

Trátase dun videoxogo que inclúe un xogo de rol elaborado en 3D, interactivo e lúdico, ideado para combater o acoso escolar – bullying na súa acepción inglesa- en colexios e institutos da U.E.
Un dos produtos do grupo de traballo é un videoxogo de rol. Trátase dunha ferramenta escolar para ser utilizada polo profesorado xunto cos seus alumnos no tratamento e prevención do acoso escolar. Elaborouse para ser utilizado co alumnado de entre 12 e 16 anos.
Con obxecto de informar ao profesorado sobre a utilización e o desenvolvemento educativo da ferramenta Arbax celebrouse o sábado 9 de novembro unha xornada educativa. Pode atopar máis información sobre o curso na aula virtual do CAFI no Departamento de Formación e Innovación:
http://www.edu.xunta.gal/centros/cafi/aulavirtual/index.php

Gallego
arbax

Colectivo: 

Cultura e Educación presenta aos docentes ‘Combas’, a exitosa iniciativa en prol da mellora da calidade educativa que implica este curso a 114 centros educativos

No encontro exponse aos centros participantes no proxecto as competencias educativas clave a estimular no alumnado, así como experiencias xa desenvolvidas neste eido

A iniciativa da Consellería enmárcase na política de fomento da autonomía dos centros á hora de analizar as súas eivas e fortalezas, na mesma liña que os contratos-programa e os plans de formación en centros

Trátase de un novidoso plan de formación do profesorado que integra algunhas accións que viñan desenvolvendo os centros a través do plan anual de formación de docentes

Gallego
O director xeral de Educación, Formación Profesional e Innovación Educativa, Man
O director xeral de Educación, Formación Profesional e Innovación Educativa, Manuel Corredoira, na presentación do proxecto

A Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria presentou hoxe a preto de 200 docentes o Proxecto Combas, un novidoso plan de formación do profesorado que integra algunhas accións que viñan desenvolvendo os centros educativos a través do Plan Anual de Formación do Profesorado. O director xeral de Educación, Formación Profesional e Innovación Educativa, Manuel Corredoira, inaugurou na Escola Galega de Administración Pública a xornada, na que se exporán aos 114 centros participantes no proxecto as competencias educativas clave a estimular no alumnado, así como experiencias xa desenvolvidas neste eido.

‘Combas’ é a nova iniciativa do departamento educativo da Xunta de Galicia para impulsar os programas de mellora da calidade educativa potenciando a autonomía dos centros á hora de analizar as súas eivas e fortalezas, na mesma liña que os contratos-programa e os plans de formación en centros. Trátase dun paso máis do departamento dirixido por Xesús Vázquez Abad na procura de mellores resultados educativos, en estreita colaboración cos centros e coas familias. O obxectivo do proxecto é apoiar a integración das competencias básicas (CCBB) no currículo na programación que se imparte básicas en cada centro de ensino, a través de concrecións curriculares para cada centro educativo participante, incidindo de forma especial na adecuación metodolóxica e na avaliación.

Unha tendencia supranacional

Durante a súa intervención o director xeral Corredoira explicou que as Competencias Básicas, “que mobilizan destrezas, actitudes e coñecementos co obxecto de lograr dar unha resposta adecuada a un problema contextualizado, son unha tendencia educativa supranacional que se inscribe no aprendizaxe ao longo da vida”. Neste sentido salientou a importancia deste proxecto para o deseño da concreción curricular en prol da mellora do rendemento do alumnado, así como para determinar “cales son as competencias profesionais necesarias para face fronte ás demandas da sociedade do século XXI”.

Corredoira enmarcou o Combas na aposta que pola formación nos propios centros fixo a Consellería o curso pasado coa implantación dos Plans de Formación en centros. “Preténdese pois ampliar a cultura competencial dos axentes educativos, apoiar a tarefa profesional dos docentes sobre as posibilidades do novo deseño curricular e, de forma especial, desenvolver unha proposta que permita avaliar a adquisición e desenvolvemento das competencias mediante o uso de procedementos e criterios obxectivos e transparentes”.

O director xeral felicitou aos centros participantes no programa polo traballo desenvolvido, e fixo referencia ás experiencias do CEIP Nº 1 (Tui), o IES Fontem Albei (Fonsagrada) e ao IES As Telleiras (Narón), as dúas primeiras recollidas a nivel nacional na ‘Guía para la formación en centros sobre las competencias básicas’, mentres que a terceira será presentada o próximo día 29 na sede do Consejo Escolar del Estado.

Recoñecemento ao labor do profesorado

O Proxecto Combas é unha iniciativa máis dentro da aposta da Consellería de Cultura e Educación pola formación do profesorado galego como piar fundamental no avance cara á excelencia no ensino. Por iso, os docentes participantes recibirán unha certificación de 30 horas de formación por cada curso escolar no que formen parte do equipo que leva a cabo o programa no centro. De xeito complementario, as persoas coordinadoras recibirán unha certificación de Innovación Educativa con equivalencia en 20 horas de formación.

Asemade, os centros participantes terán prioridade para o desenvolvemento de actividades de formación en centros nas próximas convocatorias. Cómpre lembrar que a Consellería puxo en marcha no curso 2012/2013 o proxecto piloto dos plans de formación en centros, unha iniciativa moi demandada polos docentes. No seu primeiro ano de funcionamento participaron xa 68 centros.

Cultura e Educación dá co Proxecto Combas un novo impulso aos programas para a mellora da calidade educativa en cada centro a partires da súas necesidades particulares

A iniciativa da Consellería enmárcase na política de fomento da autonomía dos centros á hora de analizar as súas eivas e fortalezas, na mesma liña que os contratos-programa e os plans de formación en centros

Tema: 

Colectivo: 

A Xunta presenta a terceira nova xornada de formación inicial do Plan Proxecta relativa a actividade física e destinados a máis de 24.000 escolares galegos

A esta xornada formativa asistiron máis de 100 profesoras e profesores de toda Galicia

Cultura e Educación desenvolve este plan coa colaboración do resto das Consellerías da Xunta de Galicia co obxectivo de fomentar a innovación educativa nos centros e a educación en valores a través de estratexias metodolóxicas activas e cooperativas

No curso 2013-2014 “Proxecta” chega a máis de 84.000 estudantes de 433 centros que desenvolven máis de oitocentos proxectos

Gallego
Xesús Vázquez e José Ramón Lete na inauguración da xornada
Xesús Vázquez e José Ramón Lete na inauguración da xornada

O conselleiro de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria, Xesús Vázquez Abad e o secretario xeral para o Deporte, José Ramón Lete Lasa, presentaron hoxe pola mañá en Santiago a terceira xornada de formación inicial do Plan Proxecta. Nesta ocasión centrada nos programadas desenvolvidos a través do departamento de deportes da Xunta e que están englobados en Xogade, Deportivo do Centro, e Máis e Mellor Actividade Física. A actividade formativa, dirixida a máis de 100 profesores de toda Galicia desenvolveuse no CIFP Politécnico de Santiago, e nela tamén estivo presente o directo xeral de Educación, Formación Profesional e Innovación Educativa, Manuel Corredoira.

Durante a inauguración o conselleiro destacou a importancia desta acción xa que, tal e como dixo “trátase de conseguir unha mellora nas dinámicas educativas nos centros, que supoñan un avance e unha motivación a través da que o alumnado poida adquirir as competencias e coñecementos que o leven a unha posición crítica e autónoma”. Ademais Vázquez Abad agradeceu o traballo desenvolvido desde os centros e polos docentes sinalando que “nas cifras deste curso teñen moito que ver os docentes, aos que nunca me cansarei de agradecer o seu traballo, esforzo e implicación. Pero aos que queremos dar algo máis que palabras, mellorando a súa formación, o seu recoñecemento social e recuperando o prestixio dunha das profesións máis importantes, xa que afecta ao futuro da nosa sociedade”.

Sobre o programa deportivo da xornada de hoxe sinalou que “son temas fundamentais para o desenvolvemento do noso alumnado, xa que a creación de hábitos saudables en idades temperás vai ser determinante no seu mantemento ao longo da xuventude e a vida adulta. A chama da creatividade –fonte necesaria da innovación educativa- prende nos proxectosque o profesorado pon en marcha nos seus centros. E aliméntase de iniciativa, inventiva, orixinalidade, cambio, risco, adaptación..., pero, sobre todo, de cooperación e valores comúns, imprescindibles neste proceso de mellora. Na práctica educativa nas aulas, a innovación está ligada, como dicimos, á creatividade, transformando as prácticas educativas para adecualas aos requirimentos persoais e sociais de formación humana, científica, cultural e profesional. Indagando novas ideas, propostas e achegas para a solución de problemas”.

Programa deportivo

O secretario xeral para o Deporte quixo comezar agradecendo á Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria, e moi especialmente ó seu titular, Xesús Vázquez, o seu decidido impulso por incorporar no marco do PROXECTA as tres iniciativas de fomento da actividade física e o deporte: XOGADE, Máis e Mellor Actividade Física e o Proxecto Deportivo de Centro.

Tamén quixo agradecer á comunidade educativa, e en especial ao profesorado que está desenvolvendo estes programas, o seu traballo e dedicación. Unha dedicación que, seguindo cos resultados da pasada edición, terá por froito que más de 200 centros educativos, participen nesta iniciativa conxunta de Educación e Deportes, xerando outras tantas actuacións.

Os resultados son esperanzadores: os programas deportivos de PROXECTA, e os demais postos en marcha no ámbito educativo pola secretaría xeral para o Deporte, veñen de posibilitar que, en cada curso escolar, máis de 50.000 nenos e nenas de Galicia realicen unha actividade física saudable, obxectivo final destes programas e do xenérico do Plan Galicia Saudable, actuación da administración autonómica destinada a xeneralizar a práctica de actividade física como ferramenta de saúde e de calidade de vida en tódalas idades. 

Cómpre sinalar, que en concreto o Plan Proxecta desenvolvido conxuntamente entre Cultura e Educación e Deportes chega a 15.976 estudantes de primaria e ESO e 690 docentes no programa “Xogade”; mentres que no “Deportivo de Centro” participan 7.295 alumnas e alumnos de todos os cursos e 150 profesores. Ademais no programa “Máis e Mellor Actividade Física” para 1.050 nenas e nenos de primaria e 103 docentes.

Estes programas teñen como obxectivo que os estudantes, grazas á colaboración e traballo realizado polos docentes participen en actividades de carácter lúdico e transversal para o fomento de actividade física. Ademais créanse unidades de promoción de actividade física saudables nos colexios e desenvólvense horas lectivas de Coñecemento do Medio en colaboración co profesorado de Educación Física.

A xornada formativa

Así na xornada de hoxe os docentes asistentes tiveron dúas comunicacións centradas na ‘Elaboración de proxectos interdisciplinarios e cooperativos dentro do Plan Proxecta’ e nas ‘Ferramentas dixitais para o desenvolvemento dos proxectos’. Ademais, contou con dúas seccións enfocadas tanto as características específicas e as dinámicas de cada programa, como en exemplos de programas desenvolvidos en aulas de centros educativos, e dadas a coñecer por responsables de ditos programas nestes colexios. Estas experiencias de proxectos xa realizados servirán como modelos para o desenvolvemento das actividades a levar a cabo en cada centro.

Fomento da innovación educativa nos centros escolares

O Plan Proxecta é unha iniciativa da Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria en colaboración co resto de Consellerías da Xunta de Galicia que busca fomentar a innovación educativa nos centros a través de 25 programas que desenvolverán de xeito paralelo ás competencias básicas e á educación en valores a través de estratexias metodolóxicas activas e cooperativas cristalizadas nun proxecto interdisciplinario.

Así no curso 2013-2014 desenvólvense en total 876 proxectos que implican a máis de 5.000 profesoras e profesores de 433 centros educativos, chegando a 84.873 alumnas e alumnos.

Proxecta parte dos contidos curriculares e céntrase en crear novas dinámicas nas aulas. Dinámicas innovadoras que supoñen a cooperación entre o alumnado, entre o profesorado e, incluso, entre o centro e a súa comunidade educativa e o seu contorno más próximo. Dinámicas que desenvolvan de xeito máis globalizado e transversal as competencias básicas e a educación en valores mediante proxectos motivadores que acaben creando unha rede de colaboración mediante ferramentas como Redeiras, a rede social do profesorado galego.

O obxectivo deste tipo de proxectos é que o alumnado sexa quen de adquirir unha actitude proactiva motivada polos valores a desenvolver transversalmente e que supoñan o desenvolvemento da súa capacidade para traballar en equipo, aportando iniciativa persoal e propostas positivas para a sociedade.

Colectivo: 

Sección: 

A Xunta ofrece unha nova xornada de formación inicial do Plan Proxecta centrada nos programas Aliménta-T Ben, O Monte Vivo, Montentérate e Salvavidas, destinados a máis de 28.000 escolares galegos

A esta xornada formativa asistiron máis de 200 profesoras e profesores de toda Galicia

Cultura e Educación desenvolve este plan coa colaboración do resto das Consellerías da Xunta de Galicia co obxectivo de fomentar a innovación educativa nos centros e a educación en valores a través de estratexias metodolóxicas activas e cooperativas

Gallego
O director xeral de Educación, Formación Profesional e Innovación Educativa
O director xeral de Educación, Formación Profesional e Innovación Educativa, Manuel Corredoira, na presentación do Plan Proxecta

A Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria, en colaboración coas Consellerías de Medio Rural e do Mar e a Consellería de Sanidade, organiza a segunda Xornada de Formación Inicial do Plan Proxecta: Programas Aliménta-T Ben, O Monte Vivo, Montentérate e Salvavidas. O director xeral de Educación, Formación Profesional e Innovación Educativa, Manuel Corredoira, presentou esta mañá no CIFP Politécnico de Santiago esta actividade formativa dirixida a máis de 200 profesoras e profesores de toda Galicia.

A xornada ofreceu un bloque común centrado na ‘Elaboración de proxectos interdisciplinarios e cooperativos dentro do Plan Proxecta’ e nas ‘Ferramentas dixitais para o desenvolvemento dos proxectos’. Ademais, contou con dúas seccións centradas tanto nas características específicas e nas dinámicas de cada programa, como en exemplos de boas prácticas realizadas nas aulas. Estas experiencias de proxectos xa realizados servirán como modelos para o desenvolvemento das actividades a levar a cabo en cada centro.

Fomento da innovación educativa nos centros escolares

O Plan Proxecta é unha iniciativa da Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria en colaboración co resto de Consellerías da Xunta de Galicia que busca fomentar a innovación educativa nos centros a través de 25 programas que desenvolverán de xeito paralelo ás competencias básicas e á educación en valores a través de estratexias metodolóxicas activas e cooperativas cristalizadas nun proxecto interdisciplinario.

Proxecta parte dos contidos curriculares e céntrase en crear novas dinámicas nas aulas. Dinámicas innovadoras que supoñen a cooperación entre o alumnado, entre o profesorado e, incluso, entre o centro e a súa comunidade educativa e o seu contorno más próximo. Dinámicas que desenvolvan de xeito máis globalizado e transversal as competencias básicas e a educación en valores mediante proxectos motivadores que acaben creando unha rede de colaboración mediante ferramentas como Redeiras, a rede social do profesorado galego.

Trátase dunha idea xurdida da colaboración da Consellería de Cultura e Educación con diferentes organismos da Administración autonómica que facilita a organización a principios de curso dos 25 programas e que permite integralos na Programación Xeral Anual dos centros e nas programacións específicas dos centros participantes. Deste xeito, ao tempo que se crea unha rede de traballo cooperativo, dáselle visibilidade ao traballo innovador realizado nos centros e recoñécese o traballo e o esforzo realizado polo profesorado, os centros e o seu alumnado.

O obxectivo deste tipo de proxectos é que o alumnado sexa quen de adquirir unha actitude proactiva motivada polos valores a desenvolver transversalmente e que supoñan o desenvolvemento da súa capacidade para traballar en equipo, aportando iniciativa persoal e propostas positivas para a sociedade.

Tema: 

Colectivo: 

Sección: 

A Consellería de Cultura e Educación convoca por primeira vez premios a proxectos de innovación tecnolóxica desenvolvidos polos centros que imparten Formación Profesional en Galicia

Estes galardóns, dotados cada un deles con 10.000 euros, súmanse aos xa convocados para recoñecer as boas prácticas de innovación educativa en centros públicos dependentes da Consellería durante o curso escolar 2012/2013

Deste xeito búscase poñer en valor o traballo dos centros e estimular as iniciativas dos estudantes, que servirán na súa vida profesional como xermolo do progreso e da competitividade das empresas galegas

O prazo de presentación de candidaturas remata o vindeiro 8 de novembro

Gallego
A Consellería de Cultura e Educación convoca por primeira vez premios a proxecto
A Consellería de Cultura e Educación convoca por primeira vez premios a proxectos de innovación tecnolóxica desenvolvidos polos centros que imparten Formación Profesional en Galicia

A Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria acaba de publicar a primeira convocatoria de premios a proxectos de innovación tecnolóxica desenvolvidos durante o curso escolar 2012-2013 en centros públicos dependentes da Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria, onde se impartan ensinanzas de Formación Profesional. Trátase dunha nova aposta do departamento educativo da Xunta de Galicia pola FP de calidade, unha estratexia cuxo éxito quedou demostrado cos últimos datos de matriculación nestas ensinanzas; así como para poñer en valor o traballo que están desenvolvendo os centros educativos en materia de innovación. Cómpre lembrar que o incremento do número de matriculados nestes estudos nos últimos cinco anos foi do 44,12%. Este curso estudarán FP un total de 50.076 alumnas e alumnos, 15.530 máis ca no 2008/2009 e 2.235 máis (4,67%) ca no 2012/2013.  

O prazo para a presentación de candidaturas estará aberto ata o vindeiro día 8 de novembro. Os pormenores da convocatoria poden consultarse no portal educativo da Xunta de Galicia, no enlace web /portal/node/10955 .

Ámbitos

Entre as candidaturas presentadas valoraranse especialmente os proxectos nos que se fomente a colaboración dos centros con empresas e institucións do seu entorno, os que prevén un impacto na transferencia das tecnoloxías máis avanzadas que propicien o desenvolvemento e mellora de procesos produtivos, así como os que impliquen unha mellora na proxección e inserción laboral do alumnado.

Os galardóns, dotados cada un deles con 10.000 euros, convócanse en 9 eidos, en concreto o Agroalimentario, o da Automoción, o das Enerxías renovables e eficiencia enerxética, o Forestal e da madeira, o dos Procesos industriais, o da Química, o dos Servizos sociais e sanitarios, o das Telecomunicacións e tecnoloxías da información, e o do Turismo e termalismo.

Cada centro poderá presentar tantos proxectos como desexe, sempre que cada un se axuste a un único ámbito. Para poder optar aos premios os centros educativos deberán xuntar á instancia de participación unha memoria descritiva do proxecto así como materiais en formato dixital (imaxes, vídeos, ligazóns web, etc) que se consideren ilustrativos sobre o mesmo.

Obxectivo

Esta nova liña de premios conecta coa “Estratexia Europa 2020”, proposta pola Comisión Europea, que ten entre os seus obxectivos o impulso dunha Formación Profesional que propicie novas experiencias no campo da innovación, da calidade, da creatividade e do espírito emprendedor. Neste sentido, a Consellería busca poñer en valor o traballo dos centros e estimular as iniciativas innovadoras dos estudantes, que servirán na súa vida profesional como xermolo do progreso, favorecendo a transformación do coñecemento e da creatividade en produtos e servizos que se integren no mercado, á vez que favorece unha formación de calidade, na que galegos e galegas vexan melloradas as súas posibilidades de proxección e inserción profesional e se incremente a competitividade das nosas empresas.

Cómpre lembrar ademais que as consellerías de Cultura e Educación e de Economía e Industria veñen de asinar un novo protocolo de colaboración para a promoción e implantación da cultura emprendedora, a creación de empresas e a mellora da empregabilidade entre o alumnado a través do Plan de emprendemento no sistema educativo de Galicia ‘Eduemprende’, reiterando a aposta da Xunta de Galicia polo espírito emprendedor como ferramenta para que as mozas e mozos de Galicia poidan acceder a un posto de traballo nestes momentos de dificultades económicas.

Outras convocatorias

Esta nova convocatoria de galardóns súmase á xa publicada o pasado mes de setembro – tamén por primeira vez- para recoñecer as boas prácticas de innovación educativa desenvolvidas durante o curso escolar 2012/2013 en centros públicos dependentes da Consellería, un paso máis no seu impulso ás iniciativas desenvolvidas polos centros educativos galegos públicos en prol da mellora da calidade educativa.

Colectivo: 

Sección: 

Continuidade dos centros educativos para o curso 2013/2014 que forman parte da convocatoria de plans de formación permanente do profesorado para implantar en centros públicos no curso 2012/2013

Gallego

A Resolución do 22 de maio de 2012, da dirección xeral de educación, formación profesional e innovación educativa pola que se convoca a selección de plans de formación permanente do profesorado  a implantar en centros educativos públicos dependentes da consellería de cultura, educación e ordenación universitaria no curso 2012-2013 contemplaba, nos apartados 4.3 e 14.3, que os plans presentados tiveran unha planificación mínima de dous cursos escolares e máxima de catro  así como que os centros da rede de formación realizaran un informe de cada plan que sería elevado á Comisión de selección a efectos de validar a súa continuidade.

Reunida a citada comisión de selección, revisados os informes e as solicitudes dos centros educativos para a continuidade  dos plans de formación durante o curso 2013-2014, cómpre publicar a resolución cos centros educativos seleccionados. A listaxe vai ordenada por provincias e concellos respectivamente.

Colectivo: 

Sección: 

Aldeas Infantís SOS: Recursos e Programas Pedagóxicos

Aldeas Infantís SOS é unha organización internacional, privada, de axuda á infancia, sen ánimo de lucro, interconfesional e independente de toda orientación política, fundada en 1949 en IMST (Austria) e con presenza en 133 países.

Como cada ano, esta organización, ofrece aos centros educativos programas de educación en valores. Con esta iniciativa preténdese a axudar aos nenos e nenas a reflexionar sobre valores esenciais, contribuíndo á súa formación como cidadáns responsables.
Este curso ofrecen varias novidades: a adaptación de todos os contidos aos encerados dixitais, con máis materiais audiovisuais para traballar nas aulas e a renuncia ao material impreso en beneficio dun programa “a la carta”, onde cada profesor pode decidir o que máis lle interesa e imprimir só aquelas fichas que se utilicen na aula. Ademais, cada quince días, os docentes recibirán un correo electrónico con diferentes actividades para realizar co alumnado.
Tamén este curso ofrecen novo temario, os programa “Abraza tus valores” (infantil e primaria) e “Párate a Pensar” (secundaria).
 

Gallego
Aldeas Infantiles SOS España

Resolución definitiva dos centros seleccionados para a súa participación no Plan Proxecta durante o curso 2013/2014

Gallego

Xúntase a listaxe definitiva dos centros seleccionados para a súa participación no Plan Proxecta durante o curso 2013/2014 tal e como se establece no artigo 10 da Resolución de 24 de maio de 2013 que regula o Plan Proxecta.

Contra esta resolución poderán interpoñer recurso de alzada ante a persoa titular da Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria, no prazo dun mes contado a partir do día seguinte ao da publicación no Diario Oficial de Galicia, de acordo co disposto nos artigos 107.1, 114 e 115 da Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común, ou, directamente, recurso contencioso-administrativo, no prazo de dous meses, ante o Tribunal Superior de Xustiza de Galicia, conforme os artigos 10, 14 e 46.1º da Lei 29/1998, do 13 de xullo, reguladora da xurisdición contencioso-administrativa.

Tema: