A Consellería de Cultura e Educación convoca por primeira vez premios a proxectos de innovación tecnolóxica desenvolvidos polos centros que imparten Formación Profesional en Galicia

Estes galardóns, dotados cada un deles con 10.000 euros, súmanse aos xa convocados para recoñecer as boas prácticas de innovación educativa en centros públicos dependentes da Consellería durante o curso escolar 2012/2013

Deste xeito búscase poñer en valor o traballo dos centros e estimular as iniciativas dos estudantes, que servirán na súa vida profesional como xermolo do progreso e da competitividade das empresas galegas

O prazo de presentación de candidaturas remata o vindeiro 8 de novembro

Ven, 01/11/2013 - 10:00
A Consellería de Cultura e Educación convoca por primeira vez premios a proxecto
A Consellería de Cultura e Educación convoca por primeira vez premios a proxectos de innovación tecnolóxica desenvolvidos polos centros que imparten Formación Profesional en Galicia

A Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria acaba de publicar a primeira convocatoria de premios a proxectos de innovación tecnolóxica desenvolvidos durante o curso escolar 2012-2013 en centros públicos dependentes da Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria, onde se impartan ensinanzas de Formación Profesional. Trátase dunha nova aposta do departamento educativo da Xunta de Galicia pola FP de calidade, unha estratexia cuxo éxito quedou demostrado cos últimos datos de matriculación nestas ensinanzas; así como para poñer en valor o traballo que están desenvolvendo os centros educativos en materia de innovación. Cómpre lembrar que o incremento do número de matriculados nestes estudos nos últimos cinco anos foi do 44,12%. Este curso estudarán FP un total de 50.076 alumnas e alumnos, 15.530 máis ca no 2008/2009 e 2.235 máis (4,67%) ca no 2012/2013.  

O prazo para a presentación de candidaturas estará aberto ata o vindeiro día 8 de novembro. Os pormenores da convocatoria poden consultarse no portal educativo da Xunta de Galicia, no enlace web /portal/node/10955 .

Ámbitos

Entre as candidaturas presentadas valoraranse especialmente os proxectos nos que se fomente a colaboración dos centros con empresas e institucións do seu entorno, os que prevén un impacto na transferencia das tecnoloxías máis avanzadas que propicien o desenvolvemento e mellora de procesos produtivos, así como os que impliquen unha mellora na proxección e inserción laboral do alumnado.

Os galardóns, dotados cada un deles con 10.000 euros, convócanse en 9 eidos, en concreto o Agroalimentario, o da Automoción, o das Enerxías renovables e eficiencia enerxética, o Forestal e da madeira, o dos Procesos industriais, o da Química, o dos Servizos sociais e sanitarios, o das Telecomunicacións e tecnoloxías da información, e o do Turismo e termalismo.

Cada centro poderá presentar tantos proxectos como desexe, sempre que cada un se axuste a un único ámbito. Para poder optar aos premios os centros educativos deberán xuntar á instancia de participación unha memoria descritiva do proxecto así como materiais en formato dixital (imaxes, vídeos, ligazóns web, etc) que se consideren ilustrativos sobre o mesmo.

Obxectivo

Esta nova liña de premios conecta coa “Estratexia Europa 2020”, proposta pola Comisión Europea, que ten entre os seus obxectivos o impulso dunha Formación Profesional que propicie novas experiencias no campo da innovación, da calidade, da creatividade e do espírito emprendedor. Neste sentido, a Consellería busca poñer en valor o traballo dos centros e estimular as iniciativas innovadoras dos estudantes, que servirán na súa vida profesional como xermolo do progreso, favorecendo a transformación do coñecemento e da creatividade en produtos e servizos que se integren no mercado, á vez que favorece unha formación de calidade, na que galegos e galegas vexan melloradas as súas posibilidades de proxección e inserción profesional e se incremente a competitividade das nosas empresas.

Cómpre lembrar ademais que as consellerías de Cultura e Educación e de Economía e Industria veñen de asinar un novo protocolo de colaboración para a promoción e implantación da cultura emprendedora, a creación de empresas e a mellora da empregabilidade entre o alumnado a través do Plan de emprendemento no sistema educativo de Galicia ‘Eduemprende’, reiterando a aposta da Xunta de Galicia polo espírito emprendedor como ferramenta para que as mozas e mozos de Galicia poidan acceder a un posto de traballo nestes momentos de dificultades económicas.

Outras convocatorias

Esta nova convocatoria de galardóns súmase á xa publicada o pasado mes de setembro – tamén por primeira vez- para recoñecer as boas prácticas de innovación educativa desenvolvidas durante o curso escolar 2012/2013 en centros públicos dependentes da Consellería, un paso máis no seu impulso ás iniciativas desenvolvidas polos centros educativos galegos públicos en prol da mellora da calidade educativa.