Gallego

A Consellería de Cultura e Educación asinará contratos- programa cun total de 334 centros educativos, un 15,6 % máis que o curso pasado

O obxectivo desta iniciativa é conseguir que preto de 44.000 alumnas e alumnos de toda Galicia se beneficien grazas á implicación de 4.200 docentes e ao esforzo da consellería, que nesta ocasión inviste máis 4,1 millóns de euros.

Nesta terceira convocatoria, os contratos-programa consolídanse como unha iniciativa eficiente a prol da mellora da calidade, da convivencia e excelencia do sistema educativo galego e contra o abandono escolar.

Gallego
A Consellería de Cultura e Educación asinará contratos- programa cun total de 33
A Consellería de Cultura e Educación asinará contratos- programa cun total de 334 centros educativos, un 15,6 % máis que o curso pasado

A Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria informa de que este curso 2013/14 está previsto asinar contratos-programa cun total de 334 centros educativos de toda Galicia, o que supón un incremento de 45 centros fronte aos 289 do curso pasado, un 15,6% máis. O obxectivo desta iniciativa é conseguir que preto de 44.000 alumnas e alumnos de toda a Comunidade se beneficien destes contratos-programa, feito que se consegue grazas á implicación de 4.200 docentes e ao esforzo da Consellería, que nesta ocasión inviste arredor de 4,1 millóns de euros, un 28% máis que no curso pasado.

Deste xeito, quedou confirmado o éxito da terceira convocatoria desta iniciativa que se consolida como un programa eficiente contra o abandono escolar e a prol da mellora da calidade, da convivencia e a excelencia do sistema educativo galego, e que este curso introduce unha actuación nova dirixida a favorecer a mellora da calidade na xestión dos centros, na que participan un total de 13 centros. O feito de incrementarse o número de solicitudes nun 12,69 % mostra o interese da comunidade educativa tanto na continuidade dos contratos-programa coma nas novas actuacións educativas a prol do alumnado.

Estas cifras supoñen que máis de 1 de cada 3 centros públicos de ensino obrigatorio de Galicia participan nesta iniciativa. O alumnado beneficiado incrementouse este curso nun 23%, o que supón que 3 de cada 10 alumnos galegos en ensino obrigatorio participan nos contratos-programa. Así mesmo, o alto grado de implicación dos docentes queda reflectido en que un 14% do total do profesorado galego intervén directamente no desenvolvemento dos contratos-programa, 1.250 profesores máis ca no curso pasado.

Liñas de actuación

Os centros participantes no curso 2013/2014 desenvolverán un total de 541 actuacións (un 29,7% máis que no 12/13). Delas, 294 serán para o reforzo, orientación e apoio – no curso anterior foron 256-; 123 de mellora da lectura, escritura e cálculo – fronte ás 91 do 12/13-; 50 para a mellora da convivencia (no ano académico anterior foron 34); 11 dirixidas á redución do abandono escolar – case o dobre ca no 12/13, cando foron 6 as actuacións desta liña-; 50 para favorecer a excelencia educativa –o ano anterior foron 30 -; e 13para mellorar a calidade na xestión dos centros, a nova liña da convocatoria.

O 56% dos centros beneficiarios desta terceira convocatoria de contrato-programa son de primaria e o 44 % son de secundaria.

Investimento

Respecto ao investimento, a Consellería destina un total de 4,1 millóns de euros neste curso 2013/14 fronte aos 3,2 do curso pasado, o que representa un 28% máis. O maior investimento é en recursos humanos, é diríxese ás gratificacións ao profesorado dos centros nos programas de reforzo fora de horario escolar; e a contratación de 107 novos docentes externos de apoio. A partida máis importante en gastos de funcionamento é a derivada dos gastos inherentes ás actividades e ao transporte escolar, demostrando un claro apoio ao rural galego

Obxectivo do programa

No contexto europeo, o Consello de Ministros da UE do 12 de maio de 2009 adoptou o novo Marco para a cooperación europea en educación e formación (ET 2020). Nesta xuntanza comunitaria fixáronse unha serie de obxectivos estratéxicos para 2020, entre os que destacan mellorar da calidade e eficiencia da educación e a formación, que inclúe reducir a porcentaxe de alumnado con baixo rendemento en competencias básicas e aumentar a competencia en linguas estranxeiras.

En liña con estas directrices, a Consellería de Cultura e Educación decidiu poñer en marcha no curso 11/12 varias iniciativas para mellorar o éxito escolar, e unha destas medidas foi a creación dos contratos-programa cos centros docentes públicos. A introdución desta figura supón un cambio na cultura dos centros, xa que lles permite, unha vez analizadas as súas fortalezas e debilidades, e segundo o seu contexto, deseñar e propoñer un proxecto propio enfocado ás principais actuacións propostas para a súa mellora, todo isto nun marco de maior autonomía pedagóxica, de organización e xestión.

Así mesmo, este programa contribúe a afondar na cultura da avaliación, co establecemento de indicadores de resultado específicos para cada centro. Permite visibilizar e poñer en valor o esforzo e o investimento tanto do centro como da administración educativa para o éxito escolar, facendo partícipe ao profesorado mediante o recoñecemento do seu labor.

Colectivo: 

Visitas ás intitucións europeas para centros educativos

As institucións europeas abren as portas das súas sedes en Bruxelas e en Madrid. O propósito é que os visitantes teñan un primeiro contacto directo coa institución e coñezan a actividade e responsabilidade do Parlamento Europeo, da Comisión Europea e do Consello da Unión Europea.

As visitas que se poden realizar son:

  • Sede da Comisión Europea (Bruselas)
  • Sede do Parlamento Europeo (Bruselas)
  • Consello da Unión Europea (Bruselas)
  • Sede da Comisión Europea en España (Madrid)

 

 

 

Gallego
Comisión Europea

Colectivo: 

Activilandia: parque temático virtual para o fomento dunha alimentación saudable e a práctica de exercicio entre os escolares

Este “parque temático virtual” pretende ensinar aos escolares que unha alimentación saudable e a práctica de exercicio son hábitos saudables e divertidos.
Este proxecto, presentado polo Ministerio de Sanidade, Servizos Sociais e Igualdade e posto en marcha pola Axencia Española de Seguridade Alimentaria e Nutrición (AESAN) está dedicado a promover a alimentación saudable e o ocio activo nos nenos e nenas de primaria (de 6 a 12 anos) e , ao mesmo tempo, achega contido informativo para padres, madres e educadores. Combina contidos lúdicos e educativos en distintos formatos audiovisuais: xogos dixitais, vídeos, música, descargas. Animacións en dous e en tres dimensións.
Propón consellos para realizar unha alimentación variada e equilibrada, xogos e actividades en familia, na escola, no parque con amigos, deportes, baile, así como outros hábitos saudables de hixiene ou sono adecuado.
Ademais, pretende fomentar o consumo de froita e verduras; a redución da inxesta de graxas, azucres engadidos e saúde; o consumo de auga; a práctica habitual de exercicio físico, evitando así que os pequenos estean sentados moitas horas diante do ordenador ou da televisión.
Para elo, Activilandia establece dous “targets” de idade: de 6 a 9 anos e de 9 a 12, e conta con 10 atraccións, tres actividades especiais, un concurso, sete xogos interactivos, tamén unha versión “app” para móbiles, 12 descargables en PDF con contido lúdico e didáctico e nove vídeos interactivos, ademais dun observatorio para familias e educadores.

 

Gallego
Activilandia

Publicación do Ministerio: Documento de consenso sobre recomendacións para unha escolarización segura do alumnado alérxico a alimentos e/ou látex

Esta publicación a edita a Secretaría Xeral Técnica do Ministerio de Educación, Cultura e Deportes, proposta polo Centro Nacional de Innovación e Investigación Educativa (CNIIE) en coedición co Ministerio de Sanidade, Servizos Sociais e Igualdade.
A saúde, o benestar e a seguridade do alumnado nos centros educativos españois son algunhas das prioridades polas que están traballando conxuntamente a administración estatal e as administracións autonómicas. A alerxia alimentaria e/ou ao látex é unha enfermidade crónica que, hoxe en día, afecta a unha proporción crecente de poboación. Pese a que a mellor medida para previr situacións de emerxencia é evitar a exposición ao alérxeno, non sempre se pode garantir un risco de exposición nulo, polo que hai que contemplar outras medidas que se desenvolven no presente documento. Este documento colaborativo da especial importancia á formación/información do persoal do persoal do centro escolar no tema, a elaboración dun Plan de Actuación para o alumnado alérxico e a proposta dun protocolo de intervención ante unha reacción anafiláctica. Os obxectivos principais son facilitar propostas que axuden á escolarización e á xestión dun ambiente máis seguro para o alumnado alérxico a alimentos e/ou ao látex, e orientar sobre a forma de actuar ante unha emerxencia sanitaria.

 

Gallego
Documento de consenso sobre recomendacións para unha escolarización segura do al

Membros do proxecto europeo de escolas rurais que traballan coa computación na nube reúnense na Consellería de Cultura e Educación

Galicia participa no proxecto 'RuralSchoolCloud', no que escolas do noso rural e de Dinamarca, Grecia, Italia, Macedonia e Reino Unido experimentan con metodoloxías e ferramentas na nube

Gallego
Membros do proxecto europeo de escolas rurais
Membros do proxecto europeo de escolas rurais que traballan coa computación na nube reúnense na Consellería de Cultura e Educación

A Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria acolleu hoxe a reunión de membros do proxecto “RuralSchoolCloud. Cloud Computing for School Networking & Learning” (Computación na Nube para a Colaboración e a Aprendizaxe na Escola), no que se poñen en práctica metodoloxías e ferramentas TIC innovadoras no ámbito da educación en centros educativos rurais para mellorar a formación e colaboración de alumnos e docentes.

Galicia participa nesta iniciativa a través da Consellería de Cultura e Educación e a Axencia para a Modernización Tecnolóxica de Galicia (Amtega). O Centro de Supercomputación de Galicia e o grupo de investigación en Tecnoloxía Educativa da USC coordinan o proxecto, que aproveita experiencias ‘cloud’ como a posta en marcha en colaboración con Cultura e Educación e a Amtega nos CRA de Boqueixón, Vilaboa, Ponteceso e Ribadavia. Son precisamente estas escolas as que participan neste novo proxecto a nivel europeo.

A iniciativa conta ademais co apoio da firma informática compostelá Balidea Consulting & Programming e da compañía tecnolóxica HP, que colaboran tamén en iniciativas precedentes neste ámbito. O resto de socios pertencen a institucións educativas de Dinamarca, Grecia, Italia, Macedonia e Reino Unido con relación directa con centros educativos ubicados no rural ou en zonas con dispersión poboacional.

Ao encontro de hoxe asistiron o director xeral de Educación, FP e Innovación Educativa, Manuel Corredoira; María R. Malmierca e Diego Nieto, do CESGA; Beatriz Cebreiro, Carmen Morante, Santiago Argüeso, Carol Gillanders e Javier Garbayo, da USC; Bruno Rubio, de Balidea; e Yolanda Neira e Cruz Martínez, do CRA de Boqueixón-Vedra. Así mesmo tomaron parte na reunión Santoas Agudo, do Goberno da Rioxa; e mais Samuel Gómez e Vanessa Ibañez, en representación dun colexio rural agrupado desta mesma Comunidade rioxana.

A representación de outros países estivo conformada por Hanne Wacher Kjaergaard e Raffaele Brahe-Orlandi (Dinamarca); Arturo Gagliardi e Mariangela Pastanella (Italia); Konstantina Zachari, Sokratis Pappas e Spiros Ntouvlis (Grecia), Bill Houldsworth e Geoff Tew (Reino Unido); e Zoran Janakiev (Macedonia).

Intercambio de experiencias

RuralSchoolCloud terá dous anos de duración e basearase no intercambio de experiencias entre escolas do rural de 6 países europeos, así como entre os axentes implicados en deseñar programas innovadores e proporcionar contornas de colaboración tanto para o alumnado como para os docentes. A partir delas, buscarase unha metodoloxía e ferramentas de traballo comúns, nas que se aproveitarán as mellores solucións desenvolvidas en proxectos anteriores, traballando sobre novas posibilidades da computación na nube e outras solucións TIC que xa se están a empregar nos centros educativos rurais europeos, con diferentes sistemas educativos, idades e características diferentes.

As solucións metodolóxicas e tecnolóxicas desenvolvidas serán levadas á práctica polas escolas (de educación infantil, primaria e secundaria) involucradas no proxecto, dous centros por cada país, co obxecto de acadar unha maior colaboración entre estes centros e, en definitiva, unha mellora da calidade do ensino.

Sección: 

Listaxe provisional de centros beneficiarios da convocatoria de contratos-programa, dirixidos á mellora do éxito escolar dos centros docentes

Gallego

Xúntase a Resolución provisional pola que se fai pública a relación de centros con programas seleccionados, conforme o disposto no artigo 13 da Resolución do 20 de maio de 2012, da Dirección Xeral de Educación, Formación Profesional e Innovación Educativa, pola que se regulan, para o curso 2013/14, os contratos-programa con centros educativos e se establecen as bases para a convocatoria e selección de programas dirixidos á mellora do éxito escolar nos centros docentes de educación primaria e secundaria dependentes da Consellería de Educación e Ordenación Universitaria.

Ábrese un prazo de 10 días naturais para realizar reclamacións ou renuncias, as cales se poderán presentar no rexistro único da Administración da Comunidade Autónoma de Galicia, edificio administrativo de San Caetano, ou noutro rexistro propio ou concertado conforme o Decreto 164/2005,do 16 de xuño, así como por calquera dos medios previstos no artigo 38.4 da Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común.

Ademais de utilizar esta vía, solicítase que envíen unha copia destas reclamacións ou renuncias escaneadas ao enderezo electrónico programaseducativos@edu.xunta.es ou, de non ser posible, ao fax núm. 981 546 550 co obxecto de axilizar este proceso.

Colectivo: 

A Consellería de Cultura e Educación acadou preto de 1,3 millóns de visitas na web da Revista Galega do Ensino en tan só un ano

O espazo de Eduga incorporará no próximo número dúas novas seccións: “Innovación” e “Bibliotecas”

Gallego
A Consellería de Cultura e Educación acadou preto de 1,3 millóns de visitas na w
A Consellería de Cultura e Educación acadou preto de 1,3 millóns de visitas na web da Revista Galega do Ensino en tan só un ano

A Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria acadou no ano 2012 preto de 1,3 millóns de visitas na web da Revista Galega do Ensino (http://www.edu.xunta.gal/eduga ), unha publicación semestral na que se recolle información de interese para todos os niveis do ensino, desde a educación infantil ata a universitaria. Dirixida por Juan A. Granados Loureda, a Revista conta coa colaboración de destacadas figuras do eido da educación en Galicia, desde representantes de centros de ensino como das tres Universidades públicas galegas, da UNED, das Universidades de Valencia, Barcelona e Salamanca, e do Istituto di Scienze e Tecnologie della Cognizione de Roma.

Estas visitas reflicten o valor que os usuarios lle dan a esta publicación da Consellería de Cultura e Educación como fonte de información especializada no eido do ensino. Editada desde o ano 1993, a Revista conta cunha longa tradición na difusión das experiencias que se levan a cabo nos centros educativos, das actividades de formación desenvolvidas e das novidades en materia de investigación e de lexislación de interese para a comunidade educativa. Así mesmo, EDUGA recolle entrevistas e novas da actualidade educativa a nivel galego, nacional e internacional. Ademais, a publicación conta con espazos como “Opinión”, “A nosa escola” ou “Que é?” abertos á participación da comunidade educativa, así como cunha ampla hemeroteca cos números xa publicados a disposición dos usuarios.

Finalmente, na súa liña de permanente evolución e renovación, e coincidindo coa saída do número 66 prevista para o próximo mes de decembro, EDUGA incorporará dous novos apartados que acompañan ao de “Formación” recentemente integrado na Revista. Así, a comunidade educativa galega disporá das seccións “Innovación” (con subseccións como as dedicadas ao Plan Proxecta ou aos Contidos educativos) e “Bibliotecas” (con tres subapartados: Boas Prácticas, Biblioteca Escolar e Hora de ler) destinadas a enriquecer as propostas de reflexión metodolóxica e innovación educativa que ata o momento acollía a Revista Galega do Ensino.

Sección: 

Familia e Saúde

A Asociación Española de Pediatría e Atención Primaria (AEPap) presenta a web “Familia y salud” para promover a educación para a saúde, fomentar os bos hábitos e mellorar os coidados en saúde infantil e do adolescente.
Trátase dunha web destinada a familias e coidadores, aos propios nenos e nenas e adolescentes e, tamén, para todos aqueles que traballan con este sector da poboación, profesionais sanitarios e docentes. Pretende ser un recurso útil e práctico na promoción de hábitos saudables, o seguimento do crecemento e desenvolvemento evolutivo do neno, a prevención das enfermidades e situacións de risco, e para ofrecer información fiable sobre algúns temas relevantes relacionados coa crianza e a saúde dos menores.
Todos estes contidos preséntanse nun formato sinxelo, de fácil acceso e carácter divulgativo, nos que se coida a linguaxe para ofrecer mensaxes claras, útiles e comprensibles para todo tipo de persoas. Evítanse os tecnicismos e a terminoloxía médica que puidera dificultar a lectura.
Os documentos están clasificados en diferentes sectores (e cores) para facilitar a procura e selección dos temas de interese. Están dispoñibles produtos divulgativos da propia Asociación e os seus Grupos de Traballo, como os Decálogos sobre Alimentación sa, Manexo da Febre ou Manexo da Tose;   Ademais vanse incorporando novos temas, ferramentas e enlaces útiles e fiables que a complementan e enriquecen.
Pode ser unha ferramenta moi útil para os Centros Educativos e os profesionais docentes, de diferentes niveis educativos, como consulta, apoio e incluso como material de traballo co alumnado no fomento de hábitos saudables, tales como: alimentación, hixiene e saúde bucodental, soño, ocio e actividade física, prevención de accidentes, saúde emocional; etc.  Ademais pode servir como elemento de axuda na valoración compartida que profesionais do ámbito educativo realizan en relación coa supervisión e seguimento do desenvolvemento psicomotriz, linguaxe e trastornos do comportamento e de relación con pares.
Así mesmo destacar, especialmente para os Centros con Educación Secundaria, a sección “SALUD JOVEN”, unha páxina específica destinada á información e consello de saúde para adolescentes, mozos e mozas. Contén temas de interese para ser utilizados tamén como material docente para as aulas.

Gallego
Familia y Salud

Cultura e Educación ofrece a máis de 200 docentes formación para o desenvolvemento do Plan Proxecta nos programas vinculados a igualdade e xuventude, dirixidos a máis de 8.200 escolares

A esta xornada formativa asistiron máis de 200 profesoras e profesores de toda Galicia

Cultura e Educación desenvolve este plan coa colaboración do resto das Consellerías da Xunta de Galicia co obxectivo de fomentar a innovación educativa nos centros e a educación en valores a través de estratexias metodolóxicas activas e cooperativas

Gallego
A Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria, en colaboración
A Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria, en colaboración coa Vicepresidencia da Xunta de Galicia e coa Consellería de Traballo e Benestar, celebrou esta mañá a cuarta e última Xornada de Formación Inicial do Plan Proxecta

A Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria, en colaboración coa Vicepresidencia da Xunta de Galicia e coa Consellería de Traballo e Benestar, celebrou esta mañá a cuarta e última Xornada de Formación Inicial do Plan Proxecta, centrada nos programas vinculados con Igualdade e Xuventude: ‘Quérote+’, ‘Parlamento Xove’, ‘Rede de Centros Escolares Solidarios’, ‘Correspondentes Xuvenís 3.0’, ‘Por 365 días de respecto e igualdade’ e ‘Donas de si’. A secretaria xeral de Igualdade, Susana López Abella; e os directores xerais de Xuventude e Voluntariado, Ovidio Rodeiro, e de Educación, Formación Profesional e Innovación Educativa, Manuel Corredoira, presentaron no CIFP Politécnico de Santiago esta actividade formativa dirixida a máis de 200 profesoras e profesores de toda Galicia.

A secretaria xeral da Igualdade, Susana López Abella avogou por poñer en valor a igualdade no ámbito educativo e sensibilizar aos mozos e mozas sobre a violencia de xénero. Segundo dixo, é fundamental que a formación en igualdade se incorpore ás prácticas pedagóxicas do ensino, o que abrangue tamén á formación dos profesionais que se ocupan das tarefas educativas.

Na súa intervención, López Abella salientou que “a coeducación é unha das ferramentas máis útiles para poder acabar coa desigualdade transformando así a realidade” e a escola constitúe “unha plataforma excelente” para a superación dos prexuízos sexistas e para acadar un cambio en profundidade das estruturas e das prácticas sociais non desexables.

Dentro do Plan Proxecta, Igualdade ten en marcha o programa “Donas de Si”, destinado a poñer en valor o papel político, social, artístico e cultural das mulleres, de xeito que se supere o baleiro existente respecto da realidade das mulleres galegas nos diferentes períodos e se dote ás xeracións actuais de referentes femininos. Este programa ofrece formación ao profesorado, asesoramento especializado,  material didáctico sobre a figura de Emilia Pardo Bazán e visitas guiadas á Casa Museo Emilia Pardo Bazán para o alumnado dos centros participantes. A secretaria xeral da Igualdade sinalou, ademais, que na actualidade se está a preparar un novo material sobre a figura de Concepción Arenal.

Doutra banda, o programa “Por 365 días de respecto e igualdade” está centrado na prevención da violencia de xénero no ámbito educativo e ten como obxectivo proporcionarlles aos mozos e mozas a formación necesaria e as ferramentas que lles permitan coñecer e recoñecer a violencia contra as mulleres. Trátase, desde a escola, de fomentar a súa autoestima e autonomía e traballar na eliminación de estereotipos sexistas e falsas crenzas para que eles mesmos actúen na prevención da violencia.

Pola súa banda o director xeral de Xuventude e Voluntariado destacou a importancia de complementar o currículo académico que aportan os estudos regrados coas experiencias e competencias adquiridas mediante a participación activa en programas de educación non formal. Para o responsable de Xuventude, “a participación xuvenil e o compromiso social directo levan consigo o desenvolvemento nos mozos e mozas de valores tremendamente positivos, como son o traballo en grupo, a solidariedade, a responsabilidade e o sentido da iniciativa”.

Implicación do profesorado

O representante da Consellería de Cultura e Educación, Manuel Corredoira, salientou o papel central do profesorado no necesario proceso de cambio constante do ensino para acadar unha educación de calidade, que pode ser o reto máis importante para unha sociedade tan complexa como a actual. “A innovación educativa ten como un dos combustibles principais do seu motor a creatividade. Integra categorías como iniciativa, inventiva, orixinalidade, disposición ao cambio, aceptación do risco, proceso adaptativo, pero, sobre todo, cooperación e disposición a compartir valores, proxectos, procesos, actuacións conxuntas e propostas que melloren os procesos educativos”, dixo.

O director xeral salientou ademais o éxito do Plan Proxecta, no que neste curso participan con 876 proxectos máis de 5000 profesores e profesoras de 433 centros educativos. “A semente da creatividade espállase a través de proxectos de innovación curricular como os que o profesorado aquí presente está botando a andar con ilusión nos seus centros”, salientou, agradecendo a implicación dos docentes.

A xornada ofreceu un bloque común centrado na ‘Elaboración de proxectos interdisciplinarios e cooperativos dentro do Plan Proxecta’ e nas ‘Ferramentas dixitais para o desenvolvemento dos proxectos’. Ademais, contou con dúas seccións centradas tanto nas características específicas e nas dinámicas de cada programa, como en exemplos de boas prácticas realizadas nas aulas. Estas experiencias de proxectos xa realizados servirán como modelos para o desenvolvemento das actividades a levar a cabo en cada centro.

Fomento da innovación educativa nos centros escolares

O Plan Proxecta é unha iniciativa da Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria en colaboración co resto de Consellerías da Xunta de Galicia que busca fomentar a innovación educativa nos centros a través de 25 programas que desenvolverán de xeito paralelo ás competencias básicas e á educación en valores a través de estratexias metodolóxicas activas e cooperativas cristalizadas nun proxecto interdisciplinario.

Proxecta parte dos contidos curriculares e céntrase en crear novas dinámicas nas aulas. Dinámicas innovadoras que supoñen a cooperación entre o alumnado, entre o profesorado e, incluso, entre o centro e a súa comunidade educativa e o seu contorno más próximo. Dinámicas que desenvolvan de xeito máis globalizado e transversal as competencias básicas e a educación en valores mediante proxectos motivadores que acaben creando unha rede de colaboración mediante ferramentas como Redeiras, a rede social do profesorado galego.

Trátase dunha idea xurdida da colaboración da Consellería de Cultura e Educación con diferentes organismos da Administración autonómica que facilita a organización a principios de curso dos 25 programas e que permite integralos na Programación Xeral Anual dos centros e nas programacións específicas dos centros participantes. Deste xeito, ao tempo que se crea unha rede de traballo cooperativo, dáselle visibilidade ao traballo innovador realizado nos centros e recoñécese o traballo e o esforzo realizado polo profesorado, os centros e o seu alumnado.

O obxectivo deste tipo de proxectos é que o alumnado sexa quen de adquirir unha actitude proactiva motivada polos valores a desenvolver transversalmente e que supoñan o desenvolvemento da súa capacidade para traballar en equipo, aportando iniciativa persoal e propostas positivas para a sociedade.

Colectivo: 

Sección: 

Proposta provisional de resolución da convocatoria dos premios ás boas prácticas de innovación educativa desenvolvidas durante o curso 2012/2013

Gallego

Xúntase a proposta provisional de Resolución da convocatoria dos premios ás boas prácticas de innovación educativa desenvolvidas durante o curso 2012-2013, segundo o previsto no artigo 10.1 da Resolución do 12 de setembro de 2013 da Dirección Xeral de Educación, Formación Profesional e Innovación educativa.

  • Ábrese un prazo de alegacións e/ou reclamacións de cinco días naturais a partir do día seguinte ao desta publicación, como así se establece no artigo 10.2 da mencionada resolución.

NOTA: Para favorecer unha maior axilidade na xestión, poden adiantar as posibles alegacións e/ou reclamacións  por correo electrónico ao enderezo: asesoria.innovacioneducativa@edu.xunta.es ou por fax ao número 981546550

O que non exclúe facelo a través das canles establecidas pola lei de procedemento administrativo.

Colectivo: 

Sección: