Título node Learning object

“Luces Alén Mar. As escolas de americanos en Galicia”: nova exposición temporal no MUPEGA
Xov, 28/02/2013 - 14:38
"Luces de Alén Mar": nova exposición temporal no MUPEGA

Luces de Alén Mar é unha exposición temática a modo de metáfora sobre a intervención escolar dos emigrantes galegos de finais do XIX e principios do XX nos seus lugares de procedencia, nas súas parroquias de orixe.
Preséntase no MUPEGA con motivo do centenario que se está conmemorando da constitución destas sociedades de emigrantes e de moitas das escolas que foron creando. A primeira destas sociedades foi a Alianza Aresana (Ares- Ferrol) no 1904 na Habana.
Comisariada polo profesor da USC, D. Vicente Peña Saavedra e documentada por Carolina García Borrazás e Mª Teresa García Domínguez, estruturase en torno a 15 eixes ou núcleos expositivos que se desagregan en 41 grandes paneis profusamente ilustrados, con 10 expositores de variado formato que conteñen documentación orixinal e aos que acompaña a recreación dunha aula de americanos con todo o seu enxoval escolar, que emprazada en lugar relevante forma parte da exposición permanente do MUPEGA.
O Museo Pedagóxico de Galicia-MUPEGA-, acolle esta exposición temporal no seu primeiro andar dende este mesmo mes ata o 28 de xuño próximo. Pódese visitar gratuitamente dentro do horario normal de apertura do noso centro que figura na súa páxina web: www.edu.xunta/mupega

Menús Learning object node R