Gallego

InvestigArte, o concurso dos científicos de hoxe e do mañá

InvestigArte, é un concurso de arte visual e tecnolóxico dirixido a dous perfís específicos:

  • Grupos de investigación
  • Alumnado de ESO, Bacharelato e Formación Profesional

Este concurso foi ideado por un grupo de investigadores apaixonados da fotografía e a súa utilidade para explicar ás novas xeracións e á sociedade en xeral, as innovacións científicas e tecnolóxicas asociadas aos seus proxectos científicos.
O concurso está organizado por educaBarrié (o canal de comunicación coa comunidade educativa da Fundación Barrié), Campus Vida (o Campus de Excelencia Internacional Liderado pola Universidade de Santiago de Compostela), e o Instituto de Investigacións Sanitarias de Santiago (IDIS); todos eles co obxectivo principal de achegar a ciencia e a tecnoloxía á nosa sociedade, a través dun concurso que pretende activar a visión artística e creativa da ciencia de alumnos de ESO, Bacharelato e Formación Profesional así como dos propios investigadores.
Está dividido en categorías en cada un dos perfiles:

- Investigadores:

  • Macrofotografía (fotografías de obxectos maiores a un milímetro)
  • Microfotografía (fotografías de obxectos menores ou iguais a un milímetro)

- Alumnado de ESO, Bacharelato e Formación Profesional:

  • Fotografía
  • Vídeo
  • Ilustración

Ademais, InvestigArte, organizará coas obras gañadoras de cada unha das categorías tanto de estudantes como de investigadores unha exposición itinerante que permitirá coñecer as investigacións científicas actuais, así como actividades didácticas nos centros escolares ao público en xeral.

O prazo para presentar os traballos finaliza o 1 de marzo de 2013.

Gallego
Concurso InvestigArte

Sección: 

Organiza a túa Carreira Solidaria Gotas para Níxer con UNICEF

Gotas para Níxer é a campaña de cooperación educativa que, por quinto curso consecutivo, se desenvolve en colaboración cos centros educativos vinculados ao programa Enrédate. Os obxectivos principais desta campaña son sensibilizar sobre a relación que existe entre o acceso á auga potable e os dereitos da infancia, así como conseguir solicitar apoio económico para os programas de UNICEF en Níxer.

No curso 2012-2013 os esforzos diríxense ao programa de Educación Básica e Igualdade de Xénero que ten como obxectivo principal escolarizar o millón de nenos (60% nenas) que aínda non van á escola en Níxer. Anteriormente e dende o curso 2008-2009, a campaña Gotas para Níxer apoiou o programa de Supervivencia Infantil.

O principal mecanismo de contribución son as Carreiras Gotas para Níxer que cada centro organiza para os seus alumnos animándoos a coñecer máis sobre o tema e a facer pequenas contribucións. En cada unha das catro edicións anteriores foron máis de 30.000 nenos e nenas os que participaron anualmente. Aínda que as carreiras se celebran durante todo o ano, é entorno ao 22 de marzo, Día Mundial da Auga, cando existe máis participación. Os centros que desexen participar poden rexistrar a súa carreira na web de Enrédate.

Inscribe ao teu centro nesta actividade deportivo-festiva na que pode participar todo o mundo. Os familiares e amigos dos participantes pódenos patrocinar, contribuíndo a reunir máis gotas para Níxer. As carreiras da auga permiten aos centros educativos organizar un evento deportivo-solidario que una a alumnado, docentes e familias para acadar un obxectivo común: a mellora da supervivencia infantil en Níxer.

Todos os centros educativos están invitados a participar. A inscrición e os materiais que se ofrecen son gratuítos. Cada centro pode personalizar a actividade como crea oportuno. O fundamental é que os participantes entendan e valoren a achega que poden facer no logro dos dereitos dos nenos e nenas de todo o mundo.

Para máis información accede á web que se indica.

Gallego
Carreira Solidaria Gotas para Níxer con UNICEF

Sección: 

Sogama ofrece tres novos recursos educativos

A Sociedade Galega de Medio Ambiente (Sogama) pon a disposición da comunidade educativa tres novos recursos para traballar as temáticas da reciclaxe e a sostibilidade.

Caderno Verde

En primeiro lugar, lanza o portal Caderno Verde, un espazo dixital dirixido aos niveis de Educación Infantil e Primaria que organiza actividades arredor duns personaxes, "Os amigos de Vilaverde". Estas actividades queren xunguir as boas prácticas medioambientais co ensino curricular desde unha perspectiva de transversalidade.  ada ficha dos amigos de Vilaverde está pensada como material de axuda para as aulas do primeiro ciclo de primaria e abranguerán as grandes áreas de coñecemento desta etapa educativa. Ademais, o Caderno Verde inclúe os eco-contos da familia Trebón, destinados á etapa da Educación Infantil, así como diversas actividades en liña e descargables.

Xogo xigante dos residuos

Este recurso percorrerá os 16 centros escolares adscritos ao programa educativo “Recíclate con Sogama”, encadrado dentro do Plan Proxecta e busca contribuír a incrementar as baixas porcentaxes de reciclado en Galicia, habida conta da notable influencia que os escolares teñen sobre o resto da poboación, constituíndo un interesante vehículo canalizador das boas prácticas ambientais.

Xogo xigante dos residuosO obxectivo último é que a separación de residuos se incorpore á rutina da comunidade educativa como un hábito máis, imprescindible para posibilitar o reciclado. Para isto, os centros foron dotados con contedores específicos (recipientes ecolóxicos de cores, de 120 litros de capacidade cada un, aptos para a recollida selectiva de envases lixeiros -envases de plástico, latas e briks-, papel/cartón e restos non reciclables), cos que se pretende que a comunidade educativa incorpore á súa vida diaria a axeitada segregación de desperdicios como un hábito máis de cara a garantir o seu posterior reciclado

A través do xogo o alumnado poñerá a proba os seus coñecementos sobre o principio dos tres erres, é dicir, como reducir a produción de refugallos, como alongar a vida útil dos produtos a través da reutilización e como reciclar axeitadamente os materiais para que estes sexan transformados en novos produtos, posibilitando así un considerable aforro económico e de recursos naturais.

O xogo da reciclaxe

O xogo da reciclaxeA pretensión desta iniciativa é poñer a proba os coñecementos que o alumnado de idades comprendidas entre os 6 e os 12 anos ten sobre a xestión e tratamento dos residuos, ao tempo que se lle conciencia sobre a necesidade de poñer en práctica o principio dos tres erres (reducir, reutilizar e reciclar).
Dada a súa dimensión lúdica, considérase que, con este formato, o alumnado poderá interiorizar as boas prácticas ambientais coas que permitir a posterior transformación dos refugallos en recursos de utilidade.
Proclamarase gañador o equipo que chegue á meta tras superar un circuíto de probas nas que, nun período limitado de tempo, terá que dar boa conta dos seus coñecementos, pero tamén das súas habilidades e destrezas na mímica, o debuxo e a axilidade mental.

Os materiais e as instrucións para levar a cabo esta actividade pódense descargar na páxina web de Sogama.

 

 

Gallego
Caderno Verde

Convocatoria do Encontro Audiovisual da Mocidade dentro do Festival Internacional de Cine de Valencia - Cinema Jove 2013

O Institut Valencià de l’Audiovisual i de la Cinematografia Ricardo Muñoz Suay (IVAC) convoca o Encontro Audiovisual da Mocidade dentro do Festival Internacional de Cine de Valencia - Cinema Jove do 22 ao 24 de xuño de 2013 na cidade de Valencia.
Poden participar neste Encontro grupos de alumnado de ata 24 anos de idade, residentes en España e que pertenzan a centros educativos, EPA, asociacións xuvenís, obradoiros de imaxe, etc.
O certame ten tres categorías:

  • A: ata 12 anos (alumnado de Infantil e Primaria)
  • B: de 13 a 20 anos (alumnado da ESO e Bacharelato)
  • C: de 16 a 24 anos (alumnado de Ciclos Formativos de Imaxe, de outros centros de formación e de asociacións xuvenís)

Cada categoría terá un premio e un accesit, composto dun lote de material audiovisual, un diploma e un trofeo.

O prazo de inscrición remata o 15 de abril de 2013 e esta debe facerse a través da web do Festival.

 

Gallego
Cinema Jove

Sección: 

Estudo Eurydice sobre as Competencias Básicas

Xa está accesible en castelán un resumo do estudo de Eurydice: "Developing Key Competences at School in Europe: Challenges and Opportunities for Policy", publicado o pasado O 19 de novembro de 2012.

Este documento recompila as principais políticas nacionais dirixidas ao desenvolvemento das Competencias Básicas ou Clave nos centros escolares de Europa. Recoñece os progresos acadados ata o momento na incorporación das Competencias Básicas nos sistemas educativos, así como os retos políticos relacionados coa forma na que a educación contribúe a satisfacer as demandas cambiantes no relativo ás Competencias Básicas: mellorar o rendemento na alfabetización lectora, matemáticas e ciencias; aumentar o número de graduados en matemáticas, ciencias e tecnoloxía; e proporcionar máis apoio na adquisición de competencias como a emprendedora, a cidadá e a dixital. O estudo abarca os niveis de educación obrigatoria de 31 países europeos (Estados Membro da UE, Croacia, Islandia, Noruega e Turquía) e toma como referencia o curso 20011/2012.

Gallego
Developing Key Competences at School in Europe

Colectivo: 

O IES San Clemente de Santiago e o IES Miguel Ángel González Estévez de Vilagarcía gañan o primeiro premio europeo eTwinning 2013 para alumnado de 16 a 19 anos

O proxecto Pek, the Traveller Flea 3 - Evolution acaba de acadar o primeiro premio do programa europeo eTwinning 2013 na categoría de alumnado de 16 a 19 anos. Esta iniciativa, liderada desde o IES San Clemente de Santiago de Compostela, conta coa participación de centros educativos de 7 países coa coordinación do seguinte profesorado:

  •     Muriele Dejaune, Lycée des métiers Louis Blériot, Trappes, Francia
  •     Marcos Vence Ruibal, IES San Clemente - Compostela, Santiago de Compostela, España
  •     Alessandra Pallavicini, ISIS Galilei, Gorizia, Italia
  •     Bruna Giacosa, Liceo Classico "S. G. Calasanzio", Carcare (SV), Italia
  •     Ciro Sánchez Suárez, IES Miguel Ángel González Estévez, Vilagarcía de Arousa, España
  •     Hulya Erturk, KERİMBEY İ.O, SAMSUN, Turquía
  •     Javier Arza Fernández, IES "Rey Don García", Nájera, España
  •     Keri Georgieva, NGXNI "Konstantin Preslavski", Varna, Bulgaria
  •     Lina Maria Pereira, Escola Secundária de Gama Barros, Cacém, Portugal
  •     Ludmila Kosíková, Střední škola průmyslová a umělecká , Hodonín, República Checa
  •     Meltem Bílgiç, Gökçe Karaoğlan İlköğretim Okulu, Samsun, Turquía
  •     Montserrat Ansótegui, IES "Rey Don García", Nájera, España
  •     Yordanka Simeonova, SOU "Georgi Izmirliev", Gorna Oryahovitsa, Bulgaria

Os principais obxectivos deste proxecto son:

  • Aprender sobre culturas e linguas europeas.
  • Aprender a crear historias de xeito cooperativo e convertelas en comics.
  • Aprender a deseñar obxectos de merchandising.
  • Aprender a usar ferramentas de software como buscadores web, foros, wikis, blogs, editores de texto, editores de imaxes, etc.
  • Usar software libre: LibreOffice, GIMP e Scribus.

O produto final é un cómic multilingüe que se pode consultar pulsando no arquivo pdf incluído abaixo ou en internet pulsando aquí.

Gallego
PEK

Cursos de formación para o profesorado dos programas participantes no Plan Proxecta “Máis e Mellor Actividade Física” e “Proxecto Deportivo de Centro”

Xa están abertos os prazos de inscrición para os cursos de formación do profesorado para o desenvolvemento dos programas do ámbito educativo do Plan Galicia Saudable “Máis e Mellor Actividade Fisica” (código do curso G1201109) e “Proxecto Deportivo de Centro”  (código do curso G1201108), incluídos no Plan Proxecta. A inscrición farase a través da plataforma FPROFE referíndose aos anteditos códigos.

Os cursos celebraranse os vindeiros días 2 (curso do “Proxecto Deportivo de Centro”) e 9 de marzo (curso de “Mais e Mellor Actividade Física) de 2013, en Santiago de Compostela, en horario de 09:30 a 18:30 horas. Nestes cursos abordaranse non soamente as liñas xerais dos programas e a súa implicación e vinculación co Plan Proxecta, senón que se traballarán modelos concretos de implantación con referencias de experiencias tanto da nosa comunidade como de fora.

O profesorado asistente a estes cursos terán unha certificación de 8 horas.

As inscricións poden realizarse nas seguintes ligazóns:

Máis información no subgrupo de Redeiras dos programas da Secretaría Xeral para deporte que participan no Plan Proxecta.

 

Gallego
Programas da SX para o Deporte no Plan Proxecta

Tema: 

Sección: 

"Construye tu mundo": Programa de prevención escolar de condutas de risco

A Fundación de Axuda contra a Drogadicción (FAD) e a Fundación Raíña Sofía desenvolven un programa de prevención escolar de condutas de risco dirixido a alumnado e profesorado de Educación Infantil, Primaria e Secundaria Obrigatoria. Este programa defínese como un conxunto de actuacións dirixidas a sistematizar a prevención dos problemas vencellados ao consumo de drogas no ámbito escolar.

Os seus obxectivos xerais son reducir o consumo de alcohol, tabaco e drogas ilegais e atrasar a idade de inicio do seu consumo. Para isto utiliza unha plataforma web que está baseada nunha metodoloxía innovadora chamada IVAC (Investigación, Visión, Acción e Cambio), que rompe cos esquemas tradicionais de transmisión de coñecemento, ao estar baseada nun proceso de aprendizaxe activa.

O material didáctico ofrecido no seu espazo web está composto por:

Gallego
Construye tu mundo

O conselleiro de Cultura e Educación asina contratos-programa con 94 centros educativos da provincia da Coruña

Xesús Vázquez Abad salientou o esforzo do profesorado para poñer en marcha actuacións deseñadas para o éxito escolar do alumnado

Gallego
 O conselleiro de Cultura e Educación asina contratos-programa con 94 centros ed
O conselleiro de Cultura e Educación asina contratos-programa con 94 centros educativos da provincia da Coruña

O conselleiro de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria, Xesús Vázquez Abad, asinou hoxe contratos-programa con representantes de 94 centros educativos da provincia da Coruña, nun acto na delegación da Xunta na cidade herculina. Ao asistiron, ademais, a delegada da Xunta na provincia, Belén do Campo; o director xeral de Educación, Formación Profesional e Innovación Educativa, Manuel Corredoira; o subdirector xeral de Ordenación, Innovación Educativa e Formación do Profesorado, Manuel Vila; e o xefe territorial da Consellería na Coruña, Indalecio Cabana.

Vázquez Abad agradeceu aos representantes dos centros a súa participación na segunda convocatoria dos contratos-programa, “especialmente a todos aqueles que o ano pasado participastes no Programa de Iniciativas de Mellora (PIM) proposta desde a Consellería a algúns centros para a mellora do éxito escolar”. “Este curso, porén, -dixo- vós dades un paso máis e propoñedes vós as iniciativas más acaídas para avanzar cara a mellora de resultados”. Neste sentido o conselleiro destacou a satisfacción do seu departamento “coa resposta dos centros educativos e coa implicación e alto compromiso dos 954 profesores da provincia que participades nesta segunda convocatoria”. “A vosa máxima profesionalidade como docentes quedou xa de manifesto, non en balde todos os programas que hoxe asinades naceron para cubrir unha necesidade de apoio ou de estímulo dun estudante”, dixo.

Actuacións desenvolvidas

O conselleiro explicou que este ano os centros coruñeses desenvolverán 143 actuacións, 78 delas na liña de reforzo, acompañamento e apoio, 30 para a mellora da lectura da escritura e do cálculo, 16 para a mellora da convivencia 5 para a redución do abandono e 14 a prol da excelencia educativa. En total participarán éxito escolar 94 centros da provincia, 23 máis dos que o ano pasado formaron parte dos contratos-programa e do PIM, desenvolvendo un 32,4% máis de actuacións, das que se beneficiarán máis de 11.600 estudantes, un incremento de máis de 6.700 beneficiados respecto do curso anterior.

Dos centros participantes, 30 asinaron hoxe contratos-programa en 2 ou máis liñas de actuación diferente, chegando a 4 liñas nos casos dos IES Afonso X o Sabio (Cambre), Agra do Orzán (A Coruña), Urbano Lugrís (Malpica de Bergantiños), e do IES de Melide.

Profesores de reforzo

Vázquez Abad destacou o esforzo económico realizado pola Consellería “nestes tempos de crise, investindo máis de 3,27 millóns de euros para respaldar estas actuacións, dos que máis de 1 millón de euros se destinan a centros da provincia de Coruña”.

Así mesmo, salientou que este curso se mantén a dotación de profesorado a maiores para o desenvolvemento dos contratos-programa, un total de 65 docentes en Galicia, 17 deles na provincia da Coruña.

Éxito da iniciativa

A Consellería de Cultura e Educación asinará contratos-programa cun total de 289 centros educativos. Deste xeito quedou confirmado o éxito da segunda convocatoria desta iniciativa, á que se presentaron 314 centros, con propostas para o desenvolvemento de 527 actuacións, o que supuxo duplicar o número de solicitudes do ano anterior, mostra do interese da comunidade educativa.

Os centros participantes no curso 2012/2013 desenvolverán un total de 417 actuacións, 256 delas para o reforzo, orientación e apoio; 91 de mellora da lectura, escritura e cálculo; 34 para a mellora da convivencia; 6 dirixidas á redución do abandono escolar; e 30 para favorecer a excelencia educativa. Un total de 99 colexios e institutos asinaron contratos-programa con 2 ou máis liñas de actuación.

O obxectivo é que se beneficien destes contratos-programa preto de 35.800 alumnas e alumnos de toda Galicia, grazas á implicación de 2.950 docentes, dos que 65 foron contratados a maiores pola Consellería, que inviste nesta iniciativa máis de 3,27 millóns de euros.

Tema: 

Cultura e Educación convoca a segunda edición do programa de dinamización lingüística Nós tamén creamos!

Ata 60 centros de infantil e primaria recibirán formación e asesoramento para elaboraren curtas de animación en galego co seu alumnado

A todo o profesorado participante neste programa recoñeceránselle 12 horas de formación permanente se a curta que crean alcanza os mínimos de calidade establecidos

Ademais, concederáselle a certificación de Premio de Innovación Educativa aos docentes que participen na elaboración da mellor curtametraxe nas categorías de educación infantil, primeiro ciclo de primaria e segundo ciclo de primaria

Gallego
Cultura e Educación convoca a segunda edición do programa de dinamización lingüí
Cultura e Educación convoca a segunda edición do programa de dinamización lingüística Nós tamén creamos!

A Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria, a través da Secretaría Xeral de Política Lingüística e da Dirección Xeral de Educación, Formación Profesional e Innovación Educativa, convoca unha  nova edición do programa de dinamización lingüística Nós tamén creamos! en colaboración coa Compañía de Radio-Televisión de Galicia (CRTVG) e con OQOeditora. As bases poden consultarse no web www.xunta.es/linguagalega  e no portal www.edu.xunta.es.

No marco deste programa, o profesorado dos centros públicos que impartan educación infantil ou primaria recibirá formación e asesoramento para elaborar unha curta de animación coa técnica stop-motion a partir dun dos 14 contos que lles fará chegar OQOeditora. Os traballos elaborados participarán nun concurso do que se seleccionarán os mellores de cada unha das categorías establecidas: infantil, primeiro ciclo de primaria e segundo ciclo de primaria. Os centros gañadores recibirán un lote de libros de OQO, un regalo fornecido pola CRTVG e mais unha certificación de Premio de Innovación Educativa expedido polo departamento educativo da Xunta de Galicia.

Todas as curtas que realice o alumnado poderán verse no web da CRTVG e as premiadas serán emitidas pola televisión sempre que a súa calidade técnica o permita.

O prazo para a presentación das solicitudes de participación remata o 1 de marzo de 2013 e o prazo para entregar as curtametraxes na Secretaría Xeral de Política Lingüística, o 30 de abril de 2013.

Novidades da convocatoria

A principal novidade da convocatoria deste ano -establecida tras constatar o inmenso traballo que require e os excelentes resultados que dá Nós tamén creamos! en termos de actualización e mellora da calidade educativa- consiste en recoñecerlles 12 horas de formación permanente, non só ao profesorado participante na elaboración das tres curtas gañadoras, senón a todos os docentes implicados no programa, sempre que entreguen en prazo unha curta que cumpra cos requisitos mínimos de calidade establecidos polo xurado.

Ademais, concédeselles unha certificación de Premio de Innovación Educativa, expedido pola Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria aos profesores e profesoras participantes na confección das curtas gañadoras; amplíase a 60 o número de centros que poden participar; simplifícase o proceso de inscrición; establécese unha duración máxima de 5 minutos para as curtas e a participación baixo plica.

Lingua galega, lectura, TIC e medios de comunicación

Os obxectivos principais do programa Nós tamén creamos! son promover unha imaxe positiva e actual da lingua galega mediante a súa ligazón con actividades relacionadas coa cultura actual (audiovisual, TIC...), favorecer a aprendizaxe e o uso do galego en novos ámbitos e formatos e mais dar a coñecer as opcións de ocio no idioma propio de Galicia que lles ofrece aos cativos a TVG.

Paralelamente, Nós tamén creamos! fomenta a lectura en lingua galega, a creatividade e a formación estética, así como o coñecemento da linguaxe audiovisual e das ferramentas TIC. Todos isto convérteo nun programa moi completo e promotor da innovación educativa.

Esta acción está en liña con outras que centran as liñas prioritarias de acción da Consellería e Educación, coma o fomento do hábito lector -que se desenvolve fundamentalmente a través do Plan LÍA 2012/2015 de bibliotecas escolares para a lectura, a información e a aprendizaxe-, a promoción da sociedade da información –que se realiza fundamentalmente mediante o proxecto Abalar- ou o fomento do galego, que, nos centros educativos, se leva adiante, sobre todo, a través dos equipos de dinamización da lingua galega.

Sección: