Título node Learning object
A Sociedade Galega de Medio Ambiente (Sogama) pon a disposición da comunidade educativa tres novos recursos para traballar as temáticas da reciclaxe e a sostibilidade.
En primeiro lugar, lanza o portal Caderno Verde, un espazo dixital dirixido aos niveis de Educación Infantil e Primaria que organiza actividades arredor duns personaxes, "Os amigos de Vilaverde". Estas actividades queren xunguir as boas prácticas medioambientais co ensino curricular desde unha perspectiva de transversalidade. ada ficha dos amigos de Vilaverde está pensada como material de axuda para as aulas do primeiro ciclo de primaria e abranguerán as grandes áreas de coñecemento desta etapa educativa. Ademais, o Caderno Verde inclúe os eco-contos da familia Trebón, destinados á etapa da Educación Infantil, así como diversas actividades en liña e descargables.
Este recurso percorrerá os 16 centros escolares adscritos ao programa educativo “Recíclate con Sogama”, encadrado dentro do Plan Proxecta e busca contribuír a incrementar as baixas porcentaxes de reciclado en Galicia, habida conta da notable influencia que os escolares teñen sobre o resto da poboación, constituíndo un interesante vehículo canalizador das boas prácticas ambientais.
O obxectivo último é que a separación de residuos se incorpore á rutina da comunidade educativa como un hábito máis, imprescindible para posibilitar o reciclado. Para isto, os centros foron dotados con contedores específicos (recipientes ecolóxicos de cores, de 120 litros de capacidade cada un, aptos para a recollida selectiva de envases lixeiros -envases de plástico, latas e briks-, papel/cartón e restos non reciclables), cos que se pretende que a comunidade educativa incorpore á súa vida diaria a axeitada segregación de desperdicios como un hábito máis de cara a garantir o seu posterior reciclado
A través do xogo o alumnado poñerá a proba os seus coñecementos sobre o principio dos tres erres, é dicir, como reducir a produción de refugallos, como alongar a vida útil dos produtos a través da reutilización e como reciclar axeitadamente os materiais para que estes sexan transformados en novos produtos, posibilitando así un considerable aforro económico e de recursos naturais.
A pretensión desta iniciativa é poñer a proba os coñecementos que o alumnado de idades comprendidas entre os 6 e os 12 anos ten sobre a xestión e tratamento dos residuos, ao tempo que se lle conciencia sobre a necesidade de poñer en práctica o principio dos tres erres (reducir, reutilizar e reciclar).
Dada a súa dimensión lúdica, considérase que, con este formato, o alumnado poderá interiorizar as boas prácticas ambientais coas que permitir a posterior transformación dos refugallos en recursos de utilidade.
Proclamarase gañador o equipo que chegue á meta tras superar un circuíto de probas nas que, nun período limitado de tempo, terá que dar boa conta dos seus coñecementos, pero tamén das súas habilidades e destrezas na mímica, o debuxo e a axilidade mental.
Os materiais e as instrucións para levar a cabo esta actividade pódense descargar na páxina web de Sogama.