Skip to Content

Blogue de Óscar

Actividades Ed. Musical

DOBRE PREMIO NO VI CERTAME DAS IMAXES DO PATRIMONIO PNO

Máis que agradecidos por este dobre recoñecemento para @s Ramalloseir@s!!

É un orgullo formar parte do colectivo “Ponte nas Ondas” e aportar o noso granciño de area a prol da recuperación do noso patrimonio cultural.

Grazas compañeir@s ❤️

Parabéns a todo o alumnado e equipos docentes de Galicia e Portugal participantes no certame.

PREMIOS DO CENTRO:

- 2º PREMIO “VI Certame das Imaxes do Patrimonio Inmaterial Galego Portugués”: Parabéns á nosa alumna “Alexandra Pedreira Fdz” polo seu traballo coa foto “Guerra Civil española” ❤️

- PREMIO ESPECIAL DO JÚRI: É un orgullo recibir tamén unha das dúas mencións especiais ao “mellor traballo de centro” co noso proxecto “Anaquiños de onte vistos cos ollos de hoxe”. Neste seso, é de xustiza resaltar e agradecer o grandísimo traballo levado a cabo polo profe Xabi. Grazas Ramalloseiro!! Eres moi grande!!

Partillamos un vídeo-resumo de todos os traballos presentados ao certame.

Tamén podedes escoitar na nosa canle de radio escolar o programa de radio gravado para o proxecto.

 

CONSULTA AQUÍ TODOS OS PREMIADOS POLO XURADO DE "PONTE NAS ONDAS"

VICERTAME PNO

SOMOS FINALISTAS!!

Dende a organización do Certame Internacional de Podcast Xosé Mosquera Pérez "O Vello dos Contos" e trala deliberación do xurado e valoración dos máis de 70 traballos recibidos de coles de todo Galicia, temos o pracer de comunicarvos que somos finalistas co traballo que presentamos; “Del Riego nas Ondas. Radio Escolar e Intelixencia Artificial” (Letras Galegas 2023).
Comparto o enlace á info do traballo e ao programa de radio para que poidades escoitar o podcast e coñecer máis cusiñas da nosa proposta.Temos que sentirnos orgullosos, pois trátase dun recoñecemento moi importante a nivel educativo.
Máis sobre este traballo de radio:
Programa de radio presentado a concurso:
O VELLO DOS CONTOS A organización convidóunos á gala de entrega de premios que vai ter lugar o vindeiro martes, 6 de xuño de 2023, ás 11:30 no IES Rosalía de Castro de Santiago, na nosa condición de finalistas. Alí estaremos para ver se hai sorte e finalmente, somos quen de acadar un novo recoñecemento para tod@s @s ramalloseir@s.
E non subimos ao podium por un peldaño!! 4º posto, pero máis que felices e orgullosos de estarmos no bombo entre os finalistas e acadar este recoñecemento. Deixámosvos unhas imaxes do noso trofeo. Unha escultura Orixinal obra do alumnado da Escola Mestre Mateo de Santiago. Encántanos!!
Grazas a tod@s!! EASD Mestre Mateo, Secretaría Xeral de Política Lingüística, Casa de Rosalía de Castro, a Coordinadora dos Equipos de Dinamización da Lingua Galega e a Arraianos Produccións. Seguiremos a sementar radio poñendo en valor a nosa lingua e cultura a través deste medio.
Xosé Mosquera 1 Xosé Mosquera2

ESPECIAL "CÓNTAME UN CONTO"

 

Programa especial adicado a "Cóntame un conto", proxecto educativo impulsado pola Fundación Antonio Fraguas Fraguas que promove a actividade de contar contos de tradición oral galegos entre os escolares. O proxecto busca aproveitar as posibilidades educativas deste recurso, promover o coñecemento da literatura popular galega de transmisión oral e incorporar a tradición oral de contar contos ás actividades públicas dos centros escolares.

- Alumnado participante no programa de radio: 4º de Ed. Primaria (grupo c)

- Profesorado: María Álvarez Garea, Benxa Salgado Otero e Óscar Suárez Carbia

XORNADAS LETRAS GALEGAS 2023

“Del Riego nas Ondas. Radio Escolar e Intelixencia Artificial”

Máis que agradecidos polo convite por parte dos Equipos de Dinamización da Lingua Galega como relatores ás "Xornadas do día das Letras Galegas; Francisco Fdz del Riego".

Desta volta cunha actividade encadrada dentro das actividades promovidas no centro con motivo das Letras Galegas 2023 e dirixida á participación no "V Certame de podcast Xosé Mosquera ”. Fusionando desta volta a aplicación pedagóxica da Radio Escolar e a Intelixencia Artificial como ferramentas didácticas. Neste caso, a través da figura de Francisco Fernández del Riego, homenaxeado deste ano.

O papel da radio na escola está máis que evidenciado como ferramenta educativa. No caso da IA, sabemos de todas as contradicións e dúbidas que nos xera esta nova ferramenta, pero por sorte ou por desgraza é algo que xa está nas nosas vidas. E como docentes volvemos a ter o difícil reto de actuar como "guías" facéndolle ver aos discentes as cousas positivas e negativas desta tecnoloxía e o uso responsable da mesma (como no caso doutras).

Tanto no caso da radio como no da intelixencia artificial, este traballo leva implícito un coidado traballo específico na aula, así como a preparación doutros aspectos técnicos, literarios, de expresión oral, etc. Así como a creación de grupos e espazos de traballo cun enfoque de traballo en equipo, (“co-working”).

Relatores

 

ALUMNADO PARTICIPANTE:

Artai, Claudia, Ilía, Gael e Gonzalo (6º Ed. Primaria). 

MESTRES:

- Laura García Díaz: Mestra titora no 3º Ciclo de Primaria. 

- Óscar Suárez Carbia: Mestre Especialista de Ed. Musical.

 

Preme na imaxe para escoitar o programa de radio na nosa canle de radio/podcast

Del Riego

ENREGUÉIFATE 22_23

Velaquí vos deixamos as nosas propostas para esta edición do "Enreguéifate"!!

Desta volta, unha delas en formato de programa de radio, da man do alumnado de 6ºB e realizado tamén para o Proxecto Didáctico Antonio Fraguas, para poñer en valor o noso patrimonio cultural e lingüístico.

A outra proposta é un traballo realizado para a anterior edición do Enreguéifate, e que por motivos de "loxística dixital" non puido entrar na fase de concurso. Con esta regueifa lembramos o vivido durante a pandemia co COVID.

Agardamos que desfrutedes escoitando aos nos@s regueifeir@s! E que a sorte nos acompañe no certame Guay

Preme na radio para escoitar o programa na canle de radio radio

ESPECIAL "MANUEL MURGUÍA"

 ESPECIAL  CENTENARIO DO PASAMENTO DE

MANUEL MURGUÍA, HOME DE ROSALÍA DE CASTRO

/A relevancia na súa obra/ 

"TeoPonimia & ROSALíA": A Toponimia do noso Concello!!

"ROSALÍA MAILA TOPONIMIA"

23 de Febreiro - Día de Rosalía

toponimia info

 

Rosalía maila toponimia

 

A toponimia é a ciencia que estuda os nomes cos que identificamos determinados espazos do territorio. É, sen dúbida, un dos campos máis enriquecedores e apaixonantes para quen estude a lingua e a cultura de calquera país.

Os nosos antepasados foron bautizando en diversos momentos da historia os lugares que habitaban e cultivaban. Ademais, a maior parte dos topónimos tiñan, e moitos aínda teñen, un significado acomodado á realidade xeográfica na que naceron. Co tempo, esta realidade foi cambiando e hoxe en día xa hai centos e centos de topónimos opacos, é dicir, que non nos dan pistas reais sobre o que denominan. 

Desde hai tempo está a observarse unha preocupante perda da  micro-toponimia tanto no medio rural como no urbano. Boa parte dos topónimos menores só teñen vida no fala ou na memoria de persoas de idade, e con cada persoa que morre, ou que abandona a súa actividade no campo ou no mar, desaparece  Pero, grazas ao seu estudo, podemos coñecer mellor nosa lingua e a nosa historia.

É por todo isto, que a toponimia forma parte dos elementos culturais que a UNESCO denomina patrimonio inmaterial dos pobos.

Con este proxecto queremos poñer o noso gran de area para salvar dun posible esquecemento aos miles de nomes da nosa terra que se van perdendo co paso do tempo e as múltiples transformacións que vai experimentando a nosa contorna: económicas, vías de transporte, sociais, urbanísticas... 

Pero sobre todo, facer que todos os nenos/as coñezan esta realidade que a eles lles queda tan preto, pero tan lonxe ao mesmo tempo. E que sexan conscientes da importancia deste legado.

Por iso, queremos adicar este proxecto ós nosos informantes e aos veciños e familias do CEIP Plurilingüe da Ramallosa. Amosándolles todo o noso agradecemento, aprecio e consideración.

mapa Teo 1        Mapa Teo 2

- Descarga aquí a ficha para "facer o traballo de campo" e poñer o teu gran de area ao Proxecto

- Localiza os teus topónimos no mapa virtual de “Galicia Nomeada” (RAG), e incorpora ao mapa os que non están rexistrados.

  Tamén podes colaborar activamente en Galicia Nomeada. Só tés que rexistrarte e agardar a autorización.

Toponimia_Mapa_Teo

 

 

Pescuda aquí sobre a toponimia familiar dos nosos informantes contadores de contos tradicionais.Traballo realizado dentro do proxecto "Cóntame un conto" do APOI, Museo do pobo galego e a Fundación Antonio Fraguas.

Logo Cóntameunconto

 

PROGRAMA DE RADIO

ESPECIAL  CENTENARIO DO PASAMENTO DE

MANUEL MURGUÍA, HOME DE ROSALÍA DE CASTRO

/A relevancia na súa obra/ 

 

 

UNIDADES DIDÁCTICAS E OUTRAS ACTIVIDADES INTERACTIVAS SOBRE ROSALÍA DE CASTRO

 

(Preme na imaxe para entrar nelas) 

ENTROIDO 22_23. "GALA ANTONIO FRAGUAS"

Este ano estamos a traballar con moitísima ilusión no "Proxecto didáctico Antonio Fraguas", do que recibimos a finais do curso pasado o premio a nivel galego ao recoñecemento como o mellor proxecto para a posta en valor do noso patrimonio social, cultural e lingüístico.

Como non podía ser doutro modo, o entroido deste ano xirou entrno a esta temática!! Así o alumnado de Ed. Infantil coñeceu de pretiño os traxes tradicionais de gala e cotío e puideron argallar a súa propia versión do traxe para a fantástica coreografía que interpretaron.

Os nenos/as do 1º ciclo traballaron a temática dos oficios tradicionais e en vía de extinción. E ata gravamos a nosa propia versión, con letra propia da peza empregada para a posta en escena en cuestión!

No 2º ciclo o mar e as súas xentes foi o denominador común para argallar a súa actuación.

O alumnado de 3º ciclo achegounos ao vivo, todo o explendor do noso "Entroido tradiconal do Ulla". Onde non faltaron os xenerais, os coros de bonitos e vellos, a charanga... E toda esta "gala" tivo un denominador común! A posta en valor da música da nosa terra! Así, toda a parte musical xirou entorno a grandes éxitos da nosa música tradicional, así como versións máis actuais destas pezas do noso legado cultural.

En breve partillaremos nesta mesma publicación todas as montaxes de vídeo para que poidades visionalas e gardar esta fermosa lembranza para os máis pequechos/as. Desta volta da man do noso prezado Benxa, ex-director e xefe de estudos do centro, pero sobre todo, un ramalloseiro de pura cepa! E un compañeiro excepcional!! Ao igual que Ferreirós (tamén "ex" nos dous cargos citados), e que estivo exercendo de cámara durante o evento.

Destacar e agradecer o traballo e implicación de todo o persoal do centro na elaboración dos decorados, coreografías, etc. E por suposto todo o apoio e traballo das familias, que sempre estades aí dándoo todo polo ben da nosa comunidade educativa. Un ano máis... GRAZAS! Pois aínda que sempre é difícil, volvimos a superarnos grazas a este fermoso traballo colectivo dos ramalloseir@∫. 

Precisar que todo este traballo artístico e patrimonial será levado á exposición que faremos no "Museo do pobo galego" o vindeiro curso, entre os meses de outubro/novembro.

Entroido 22_23

"Vídeo resumo de toda a gala"

 

Distribuir contido


by Dr. Radut