Na vila de Seixalbo os protagonistas son uns mecos que forman parella e que durante todo o ano fican separados un do outro. Responden ao nome de Paquita e Nicanor.
Cando chega o Entroido son levados en procesión ata a Praza Maior para xuntalos de novo e presidir a celebración desta festa.
Colocados no escenario á fronte dos seus veciños, Paquita, Nicanor e seu fillo, acompañados polos seus peculiares compañeiros de desfile, aclaran a súa situación de parella. Teñen que ser sinceros, de aí que os "señores" e as "señoras" que os acompañan comentan algunhas das súas falcatrúas extramatrimoniais dos últimos meses nunhas regueifas que fixan botar unhas cantas gargalladas aos asistentes.
Paquita e Nicanor deixan de lado as súas diferenzas pasadas e fúndense nun bico ante a ledicia de toda a vila.
Os tres mecos permanecen estes días pendurados na Praza Maior e arderán o día do Enterro da Sardiña.