Skip to Content

Instrumentos con historia. Pórtico do Paraiso

O venres, 6 de marzo, o alumnado de 6º curso participou nunha exposición de "Instrumentos musicais con historia" que o Concello ten organizada no Museo Municipal de Ourense. Esta é unha mostra de reconstrucións de instrumentos que existiron na Idade Media e foron protagonistas da música do seu tempo. Laúdes, violas, salterios, arpas, rabeis…

Desde o laúde de Ziryab que provocaba envexas na corte da afastada Bagdad, á cítara regalada como tesouro a Afonso X o Sabio, ou o billete que levaba impreso unha viola de teclas como símbolo de identidade nacional, ata o que foi un dos primeiros instrumentos de músicos ambulantes, a zanfona, a exposición cóntanos pequenas historias sobre o papel que desempeñaron estes instrumentos nas vidas cotiás dos nosos devanceiros.

Unha colección acompañada dalgúns dos exemplos iconográficos que permiten aos intérpretes, investigadores e luthieres reconstruír estes instrumentos históricos: pinturas, esculturas, cerámicas, planos...

Foi unha exposición de música viva, moi interesante e magnificamente exposta, pois todos os instrumentos da colección están en perfecto estado e son usados actualmente polos artífices desta mostra, Emilio Villalba e Sara Marina, que non só nos guiaron por esta viaxe ao noso pasado musical, senón que tamén realizaron demostracións de cómo soan estes instrumentos.

Ao remate da actividade, Emilio e Sara doaron, para a biblioteca do noso centro, dous discos de música antiga que eles mesmos gravaron.

Galería de imaxes da actividade



page | by Dr. Radut