Skip to Content

Xenerais do Ulla

É unha celebración que atopamos na comarca do Ulla nos concellos de Teo, Vedra, Touro, A Estrada, Silleda e Vila de Cruces.

Non se coñece a orixe desta tradición: uns opinan que ven da Guerra da Independencia contra os franceses; outros cren que ten relación coas loitas carlistas debido ao parecido dos uniformes.

Os personaxes fundamentais son os correos e os xenerais.

Os correos, son chamados tamén lanceiros. Adiántanse ao grupo para anunciar a súa chegada e solicitan permiso para entrar nas eiras. Levan unha chaqueta con borlas douradas e  tamén un gorro con abelorios. Van montados a cabalo facendo soar un timbre ou axóuxeres.

Os xenerais tamén van montados a cabalo e o seu traxe recorda ao dos xenerais do exército napoleónico. O seu traxe consta dunha chaqueta con dúas charreteiras, medallas varias, borlas douradas, unha faixa, unha banda e cordón dourado. Levan un pantalón axustado e botas con esporas. Na cabeza levan un tricornio adornado con plumas de pavo e avestruz tinguidas.

Como complementos adoitan levar un bastón de mando e un sable.

Van acompañados dun director que os dirixe cando entoan os seus cantos satíricos.

Para rematar a festa celébrase o "atraque, salto ou alto" que consiste nunha disputa verbal entre dous bandos de xenerais. Nesta disputa fan referencia a feitos ocorridos ao longo do ano na cultura, deporte, política...

Por último firman a Paz.



book | by Dr. Radut