Xornada Biblioteca Creativa “Comunicación e Cidadanía”

 

O vindeiro venres 25 de outubro reuniranse en Compostela (EGAP) profesores e profesoras dos centros integrados nos programas BIBLIOTECA CREATIVA, RADIO NA BIBLIO e Bibliotecas LÍA.2, da Consellería de Educación, Universidade e Formación Profesional, nunha xornada formativa. 200 representantes dos centros incluídos nos diferentes planes, distribuiranse en catro grupos ao longo da mañá, en función dos anos que levan integrados no programa, para construír os escornabots e coñecer as súas aplicacións didácticas, formarse no manexo e utilidades da impresión 3D, achegarse a experiencias de radio por parte de centros e de profesionais do medio e participar nun taller de creación con Pablo Otero. Xa pola tarde, en sesión conxunta, haberá oportunidade para coñecer experiencias que xa están levando a cabo algúns centros pioneiros nestes programas, así como reflexionar sobre os datos dunha enquisa web para coñecer os novos espazos das nosas bibliotecas. Pechará a xornada Arantxa Mariscal, directora da biblioteca de creación UBIK, de Donostia, para falar da incorporación do comunitario á biblioteca.


PROGRAMA

ACCESO AOS MATERIAIS

 

24 de outubro, Día da Biblioteca, de todas as bibliotecas.

Dende 1997 celébrase o Día da Biblioteca o 24 de outubro, una conmemoración impulsada pola Asociación de Amigos del Libro Infantil y Juvenil á que se foron sumando, xa dende hai algún tempo, o propio Ministerio de Cultura e todas as administracións autonómicas. Esta asociación, membro da OEPLI, facilita na súa páxina o cartel e o pregón para esta conmemoración nas diferentes linguas do Estado, obra desta vez do ilustrador Miguel Calatayud e  a escritora Gemma Pasqual.

Pola súa parte, o Ministerio de Cultura e Deporte propón este ano 2019 a incorporación do lema "aptas para todos os públicos", co obxectivo de salientar o papel das bibliotecas na promoción da igualdade de xénero.

As bibliotecas escolares galegas teñen o seu propio lema para este curso 2018/2019, BIBLIOTECA ESCOLAR, VIVEIRO DE CIDADANÍA,  que conta cunha imaxe propia creada por Óscar Villán. Os carteis editados con este lema están xa en todos os centros educativos. As bibliotecas escolares están xa en plena celebración do seu día, unha oportunidade para inaugurar novos espazos, abrir as portas á comunidade educativa e  presentar ás familias os recursos e as actividades da biblioteca, programar actos específicos nos que lembrar as oportunidades que ofrece a biblioteca para estimular a formación lectora do alumnado e reforzar a adquisición de todas as competencias e contidos incluídos no currículo. 

A biblioteca escolar, esa biblioteca pola que pasan todas as nenas e todos os nenos do país, a primeira biblioteca que lles aprende, tamén, a usar as outras, que os pon en contacto con eses outros espazos do coñecemento e do lecer, eses lugares nos que pasan moitas cousas (e todas boas), que son as bibliotecas públicas, eses lugares para a igualdade e a diversidade que son as BIBLIOTECAS. 

 

Actividades nas bibliotecas escolares de Galicia:

CEIP Plurilingüe A PEDRA (Bueu, Pontevedra). Centros LÍA.2

Gravación realizada no CEIP Plurilingüe A PEDRA, de Bueu (Pontevedra) en xuño de 2019. Este centro de educación infantil e primaria está integrado no Plan de mellora de bibliotecas escolares e foi seleccionado pola D. X. De Centros e Recursos Humanos, da Consellería de Educación, Universidade e Formación Profesional como “Centro LÍA.2”, un programa no que se está explorando as posibilidades da biblioteca escolar como “Centro Creativo das Aprendizaxes”.

Guiados polo alumnado voluntario da biblioteca escolar, podemos coñecer os diferentes espazos desta bibliotecaque, como centro LÍA.2, incorpora recunchos para a investigación, a manipulación, a creación, a expresión, o traballo colaborativo e o xogo. Os libros e a lectura vehiculizan toda a actividade da biblioteca, gañan presenza e conseguen involucrar a toda a comunidade educativa. Os equipamentos están ao servizo das prácticas que se pretenden incentivar, coa vista posta sempre no reforzo das competencias clave contempladas no currículo e, especialmente, no desenvolvemento persoal do alumnado e a creación de vínculos coa lectura, a escrita, a comunicación, o coñecemento e a cultura en xeral. Finalmente, estas bibliotecas son espazos que atenden á dimensión social, constituíndo un factor de igualdade no acceso aos bens culturais dispoñibles.

Avaliación crítica dos fondos (expurgación)

 

Desde a Asesoría de Bibliotecas Escolares elaborouse un pequeno documento en relación coa expurgación dos fondos. Este material de apoio pretende matizar e resolver dúbidas sobre estes labores, básicos na xestión técnica da coleccion das bibliotecas escolares. É fundamental a súa lectura e difusión entre os membros dos equipos de bibliotecas.

AVALIACIÓN CRÍTICA DOS FONDOS

24 outubro - 31 outubro: Semana Mundial da Alfabetización en Medios e Información (AMI) a proposta da UNESCO

 

 

A UNESCO propón a celebración da Semana Mundial AMI 2019 baixo o lema CIDADANÍA AMI: INFORMADA, COMPROMETIDA, EMPODERADA como un medio para visibilizar as experiencias en materia de educación nas linguaxes dos diferentes medios de comunicación, nun contexto de alfabetizacións múltiples e coa intención de formar ao alumnado como consumidores pero, especialmente, como produtores de información a través dos diversos medios de comunicación: prensa, radio, televisión, vídeo, fotografía, audio, produtos transmedia, internet...  

 

Toda a cidadanía europea ten dereito á alfabetización. Os estados membros da UE deben asegurar que os cidadáns de todas as idades, independentemente da súa clase social, relixión, etnia ou sexo, contan cos recursos e oportunidades necesarios para desenvolver un nivel de alfabetización suficiente e sostible a fin de comprender e utilizar con eficacia a comunicación escrita, tanto en medios impresos como dixitais. (Declaración ELINET sobre Dereito á Alfabetización)

 

 PROPOSTA PARA AS BIBLIOTECAS ESCOLARES QUE QUEIRAN PARTICIPAR DESTA SEMANA

Día das Escritoras

O día das escritoras é unha conmemoración promovida pola Biblioteca Nacional de España xunto á  Federación Española de Mujeres Directivas, Ejecutivas, Profesionales y Empresarias (FEDEPE) e a Asociación Clásicas y Modernas. Desde 2016 búscase reivindicar o labor e o legado das autoras a través da historia a partir da lectura de fragmentos representativos das súas obras.

Esta celebración lévase a cabo o luns máis próximo á festividade de Teresa de Jesús, o 15 de outubro. A IV edición celébrase este ano 2019 o 14 de outubro baixo o lema “Mulleres, amor e liberdade”. O amor entendido desde a perspectiva das mulleres: “un territorio amplo, complexo, contradictorio, laberíntico, atravesado por luces e sombras, grandes paixóns, mais tamén as coitas”, como explica Clara Sanchís, comisaria desta convocatoria.


Desde as bibliotecas escolares propomos que se visibilice a obra das escritoras galegas, ben a través dunha exposición de libros, ben lendo fragmentos dos mesmos nunha maratón literaria ou mesmo nos clubs de lectura.

 

 

Begoña Caamaño: Morgana en Esmelle

"Na comunide druídica achou a nena a vida que desexaba […] destacou pola súa intelixencia e sagacidade e polo seu amor e dedicación ao estudo".


A Asesoría de Bibliotecas Escolares anima a que toda a comunidade educativa colabore na ampliación desta lista, e con este fin lánzase unha proposta en Twitter: lembrar a todas as escritoras galegas que traballen estas temáticas nas súas obras. Para iso usaranse os cancelos #DíadasEscritorasgalegas #DíadelasEscritoras e #bescolaresgal para darlles visibilidade.

 

RECOMPILACIÓN DE FRAGMENTOS DE ESCRITORAS GALEGAS

Lecturas no Canmiño

A Dirección Xeral de Centros e RR.HH. en colaboración coa entidade Golfo e Dama puxo en marcha neste mes de outubro unha iniciativa integrada no programa Biblioteca Inclusiva, destinada a favorecer experiencias de lectura apoiada con cans. Este programa ten o patrocinio do Xacobeo 2021.

Baixo o lema Lecturas no Canmiño, a psicoterapeuta Marta Jaquet e o seu can Brus van visitar ao longo do mes do outubro cinco centros PLAMBE: CEIP Lamas de Abade, CEIP O Camiño Inglés, CEE Navalón, CEE Nosa Señora do Rosario e EEI Barrionovo onde realizarán diferentes sesións de lectura coas que practicar e mellorar as habilidades lectoras e de comunicación do alumnado.

Unha vez avaliada a idoneidade da proposta e escoitados tanto o profesorado como o alumnado que participou nesta iniciativa, valorarase desde esta Consellería a implementación dun programa destas características noutras bibliotecas escolares. As primeiras noticias que nos chegan dos centros son altamente positivas.

Pódense ver aquí as imaxes nos blogs dalgúns dos centros participantes neste proxecto piloto. Seguirase ampliando toda a información.                                                      

 

Radio na Biblio. Resolución da convocatoria. Curso 2019/2020

 

 

O Portal Educativo publica a Resolución de 7 de outubro de 2019, da Dirección Xeral de Centros e Recursos Humanos pola que se relacionan os centros de nova incorporación ao programa RADIO NA BIBLIO para o curso 2019/2020, unha ver resolta a convocatoria publicada con data de 3 de setembro de 2019. Tamén se detallan os centros  integrados en convocatorias anteriores  e que solicitaron continuidade. Desta forma, aparecen incluídos neste programa un total de 80 centros con alumnado de ensino infantil, primaria, ESO, bacharelato ou formación profesional e pertencentes ao Plan de mellora de bibliotecas escolares no actual curso 2019/2020 . 

 

Biblioteca creativa. Resolución da convocatoria. Curso 2019/2020

 

O Portal Educativo publica a Resolución de 3 de outubro de 2019, da Dirección Xeral de Centros e Recursos Humanos pola que se relacionan os centros de nova incorporación ao programa BIBLIOTECA CREATIVA para o curso 2019/2020, unha ver resolta a convocatoria publicada con data de 3 de setembro de 2019. Tamén se detallan os centros  integrados en convocatorias anteriores  e que solicitaron continuidade. Desta forma, aparecen incluídos neste programa un total de 79 centros con alumnado de ensino infantil e primaria e pertencentes ao Plan de mellora de bibliotecas escolares no actual curso 2019/2020 . 

Biblioteca escolar, viveiro de cidadanía

 

A Dirección Xeral de Centros e Recursos Humanos, seguindo a súa dinámica de difusión das posibilidades que ofrece a biblioteca escolar ao conxunto da comunidade educativa, dá a coñecer o lema que propón ás bibliotecas escolares galegas para o presente curso 2019/2020: "Biblioteca escolar, viveiro de cidadanía". Nesta ocasión é o ilustrador Óscar Villán quen interpreta o lema e nos ofrece unha imaxe múltiple e evocadora de diversas situacións que unha biblioteca escolar pode facilitar. 

Intervir na biblioteca escolar (nos seus espazos, nos seus tempos, nos seus recursos e actividades) ten consecuencias para o alumnado e para a comunidade educativa. Das características e dos enfoques desa intervención dependen os usos e as oportunidades que a biblioteca pode ofrecer. Cómpre unha reflexión sobre a distribución dos espazos, a organización dos tempos, a selección dos recursos e, moi especialmente, sobre o enfoque das actividades, co fin de que a biblioteca escolar poida facilitar o diálogo, a lectura crítica, a reflexión, o acceso ao coñecemento, o pensamento, a investigación, a experimentación, a creación, a comunicación, a adquisición de competencias útiles para a vida e para a convivencia, para o desenvolvemento académico e persoal, para unha participación activa nunha sociedade máis xusta e igualitaria.

Nada disto é doado nin se consegue nun curso escolar. Cómpre sementar, crear ese hábitat axeitado para que os pequenos e as pequenas, os mozos e mozas vaian desenvolvendo a estima por si mesmos e polos recursos naturais e culturais á súa disposición, aprendan a convivir cos outros, adquiran paulatinamente os valores democráticos, o respecto polos Dereitos Humanos e a Cultura de Paz imprescindible para unha convivencia xusta, pacífica e enriquecedora para todos e todas. 

A biblioteca escolar pode chegar a ser ese "viveiro de cidadanía" no que medren en confianza as xeracións novas e poidamos forxar esperanza fronte aos retos que o mundo actual nos presenta. 

Resolución do Plan de mellora de bibliotecas escolares (Públicos) para o curso 2019/2020

 

O DOG do 24 de setembro publica a Orde de 10 de setembro de 2019 pola que se resolve a convocatoria do Plan de mellora de bibliotecas escolares en centros públicos non universitarios, de titularidade desta consellería, para o curso 2019/20.  

O documento conta de catro anexos, segundo os diversos apartados contemplados na convocatoria inicial:

  • Anexo I: Centros integrados no PLAMBE en convocatorias de 2005 a 2010, e de convocatorias de 2014 a 2017, que reciben asignacións para ampliar e renovar os fondos da colección.
  • Anexo II: Centros integrados no PLAMBE nas convocatorias de 2011 a 2013, que reciben, igualmente,  asignacións para renovar os fondos.  Neste caso tamén reciben asignación para renovar e ampliar mobiliario e equipamento imprescindible para o funcionamento da biblioteca como centro creativo de aprendizaxes.
  • Anexo III:Centros integrados no PLAMBE na convocatoria 2018, que reciben asignación para fondos, mobiliario/equipamento e gastos de funcionamento da biblioteca escolar.
  • Anexo IV: Centros públicos que se incorporan ao Plan de mellora de bibliotecas nesta última convocatoria de 2019 e que igualmente reciben asignación para fondos, mobiliario/equipamento e gastos de funcionamento da biblioteca escolar.

Campaña #ODSéate a prol da Axenda 2030 de Desenvolvemento Sostible das Nacións Unidas

Para celebrar o cuarto aniversario da adhesión de España á Axenda 2030 de Desarrollo Sostible das Nacións Unidas o Alto Comisionado para a Axenda 2030 acaba de lanzar a campaña dixital #ODSéate.

Esta campaña colaborativa desenvolverase do 16 ao 27 de setembro e pretende ser unha chamada de atención para que, tanto organizacións como a cidadanía, se movilicen difundindo e impulsando o cumprimento da Axenda 2030 e os 17 Obxectivos de Desenvolvemento Sostible (ODS). Estos obxectivos perseguen a igualdade de oportunidades entre persoas, a protección do planeta e a xeración de prosperidade nun mundo en paz que traballa en alianza para superar os retos aos que nos enfrontamos.

Desde o ámbito bibliotecario recoñécese a importancia dos Obxectivos da Axenda 2030. Tamén as bibliotecas escolares están comprometidas coa Axenda 2030, xa que traballan a prol dunha Educación de Calidade (Obxectivo 4), mais tamén para protexer y salvagardar o patrimonio cultural (Obxectivo 11.4). Ademais, a biblioteca, como espazo de compensación de desigualdades, proporciona un acceso igualitario á tecnoloxía da información e das comunicacións (Obxectivos 9c e 17.8)  

Convocatoria de Clubs de Lectura para o curso 2019/2020

 

Vén de publicarse no Portal educativo a convocatoria de 5 de setembro de 2019, da Dirección Xeral de Centros e Recursos Humanos, no contexto das actuacións para o fomento da lectura no ámbito educativo, pola que se incentiva o funcionamento de CLUBS DE LECTURA en centros públicos de titularidade da Consellería de Educación, Universidade e Formación Profesional, que acollan ensinanzas de educación secundaria, bacharelato, formación profesional (tanto en réxime ordinario como de persoas adultas) ou ensinanzas de réxime especial, para o curso 2019/2020.

O prazo de presentación de solicitudes remata o 15 de outubro de 2019.

TEXTO DA CONVOCATORIA

FORMULARIO DE SOLICITUDE 

Convocatoria do programa RADIO NA BIBLIO para o curso 2019/2020

Radio na Biblio

Portal Educativo vén de publicar a Convocatoria da Dirección Xeral de Centros e Recursos Humanos, de 3 de setembro, pola que se convoca o proxecto RADIO NA BIBLIO para o curso 2019/2020. Esta acción, iniciada en 2017, pretende introducir a radio nas bibliotecas escolares e vai destinada aos centros públicos integrados no PLAMBE no curso 2019/2020 que matriculan alumnado de educación infantil, primaria ou secundaria. Incorporaránse 30 novas bibliotecas escolares. Tamén poderán solicitar a súa continuidade no programa os 50 centros integrados en anteriores convocatorias. 
O prazo de presentación de solicitudes remata o 30 de setembro de 2019. 

Convocatoria do programa BIBLIOTECA CREATIVA. Curso 2019/2020

Biblioteca creativa

Xa está publicada no Portal Educativo a convocatoria do proxecto BIBLIOTECA CREATIVA para o curso 2019/2020. Mediante este programa preténdese apoiar a cultura da experimentación e da investigación, da robótica e da linguaxe de programación nas bibliotecas dos centros públicos que matriculan alumnado de infantil e primaria e que están integrados no Plan de mellora de bibliotecas escolares no presente curso 2019/2020.

Poderán participar neste programa os centros integrados en convocatorias anteriores do proxecto BIBLIOTECA CREATIVA e seleccionaranse 25 centros de nova incorporación.

O prazo de presentación de solicitudes remata o 18 de setembro de 2019.

 

 

 

Instrucións sobre organización e funcionamento da biblioteca escolar para o curso 2019/2020

Portal Educativo vén de publicar, con data de 2 de setembro de 2019, as Instrucións da Dirección Xeral de Centros e Recursos Humanos en relación coa organización e o funcionamento das bibliotecas escolares, durante o curso 2019/2020, nos centros de niveis non universitarios, de titularidade da Consellería de Educación, Universidade e Formación Profesional, coas adaptacións necesarias a cada tipoloxía de centro. Estas instrucións constan de tres documentos: as Instrucións propiamente ditas, e unhas Anotacións, incluídas como Anexo I , que aclaran e amplian cada unha das cláusulas. Engádese un Anexo II, ao que se fai referencia no texto do documento, unhas orientacións extraídas da orde de convocatoria do Plambe para o presente curso (Disposición adicional primeira, publicada no DOG de 16 de abril de 2019).

Concesión dos selos "Biblioteca Escolar Solidaria - 2019"

O Portal Educativo vén de publicar a Resolución de 9 de xullo de 2019, da Dirección Xeral de Centros e Recursos Humanos pola que se resolve a acción integrada no programa "Bibliotecas Escolares Solidarias" deste curso 2018/2019: o Selo "Biblioteca Escolar Solidaria".

   

1. Centros que renovan a súa candidatura:

  • CRA Mestra Clara Torres, de Tui (Pontevedra)
  • CPI P. Virxe da Cela, de Monfero (A Coruña)

2. Centros de nova candidatura:

  • CEIP P. San Marcos, de Abegondo (A Coruña)
  • CEIP P. de Graxal, de Cambre (A Coruña)
  • CEIP P. Raquel Camacho, de A Coruña (A Coruña)
  • IES Sofía Casanova, de Ferrol (A Coruña)
  • CEIP San Ramón, de Moeche (A Coruña)
  • CEIP da Pobra de Brollón, de A Pobra de Brollón (Lugo)
  • IES Xermán Ancochea Quevedo, de A Pobra de Trives (Ourense)
  • CEIP Pedro Antonio Cerviño, de Campo Lameiro (Pontevedra)
  • IES María Soliño, de Cangas de Morrazo (Pontevedra)t

TEXTO DA RESOLUCIÓN

Plan de mellora de bibliotecas escolares (centros públicos) para o curso 2019/2020 - Resolución provisional

 

O Portal Educativo vén de publicar a Resolución provisional de Plan de mellora de bibliotecas escolares en centros públicos de niveis non universitarios e de titularidade da Consellería de Educación, Universidade e Formación Profesional, coa relación dos 25 centros que se integran, inicialmente, neste programa para o curso 2019/2020. Segundo as baixas ou renuncias ocasionadas entre os centros que xa forman parte do Plambe, este número poderá incrementarse na resolución definitiva da convocatoria, que se publicará no DOG, previsiblemente, en setembro de 2019. Así mesmo, nesa resolución definitiva recollerase a relación dos centros que continúan no programa, con detalle das asignacións para o curso 2019/2020. 

Novos artigos sobre bibliotecas escolares na Revista EDUGA de xuño de 2019

 
A Consellería de Educación, Universidade e Formación Profesional. vén de facer público o novo número da Revista Galega do Ensino (EDUGA), que conta cunha sección fixa de Bibliotecas Escolares  e Hora de ler. Neste número 77 de Xuño de 2019 publícanse un total de 5  artigos, nas dúas sub-seccións: Biblioteca escolar e Boas prácticas. Unha revisión destes artigos, e do resto de traballos publicados en números anteriores da revista, serve para achegarse á viva realidade das bibliotecas escolares galegas, auténticos motores de innovación pedagóxica na última década:

 

 Camiño dunha biblioteca inclusiva.

CEIP Emilia Pardo Bazán (A Coruña)

 

Coñecendo os noso concellos. Proxecto colaborativo en Radio na Biblio.

CEIP Da Pobra de Brollón e Ceip Virxe do Carme de Sober (Lugo)

 

Radio Maraña. A radio da escola de Vilar de Barrio.

CEIP P. de Vilar de Barrio (Ourense)

 

A Cast@radio, unha experiencia de Radio na Biblio.

CEIP P. de Carballedo, Cerdedo-Cotobade (Pontevedra)

 

Desde as bibliotecas escolares ata o infinito e máis alá!

IES Fernando Esquío de Neda (A Coruña)

Estudo: Clubs, lectoras e lectores no ensino secundario de Galicia.

Transcorridos dez anos desde a primeira convocatoria de axudas para o funcionamento de Clubs de lectura destinadas a centros que matriculan alumnado de ensino secundario, bacharelato, formación profesional e outros de nivel post-obrigatorio, a Consellería de Educación, Universidade e Formación Profesional, a través da Dirección Xeral de Centros e Recursos Humanos /Asesoría de bibliotecas escolares, abordou a realización dun estudo cualitativo sobre a lectura e os clubs de lectura, os impactos desta iniciativa na cualidade da lectura e nas competencias comunicativas (e outras) do alumnado participante, así como o seu impacto nas comunidades educativas dos centros que contan con club de lectura. José Antonio Millán dirixiu este estudo (Clubs y lectores en la enseñanza secundaria de Galicia), do que se realizou a fase de "grupos de discusión" durante a primavera de 2018 e do que se presentaron as primeiras conclusións nas IX Xornadas de bibliotecas escolares de Galicia, celebradas en novembro de 2018. Velaquí agora o borrador ou pre-publicación do estudo nas dúas versións: galego e castelán, que se pon a disposición do profesorado e de todas as persoas interesadas.

 

Lecturas para días luminosos - Guías de Verán 2019

 
Achéganse días de lecer, días luminosos cheos de azuis, verdes, amarelos, laranxas, lilas ... días de viaxes reais e imaxinarios, días de encontros ...
Para acompañalos, as bibliotecas escolares galegas están a difundir as súas guías de lectura, as súas recomendacións de libros, películas, música, xogos e moito máis ... Para aproveitar !!!

 

Na imaxe, VI Quedada Literaria en Castrelos. Blog da Maga Tomasa

XII Xornada dos Clubs de lectura

O vindeiro 7 de xuño, celebrarase na EGAP (Escola Galega da Administración Pública), en Santiago de Compostela, a reunión anual do profesorado que coordina os clubs de lectura dos centros que participan no programa de CLUBS DE LECTURA, da Consellería de Educación, Universidade e Formación Profesional. Neste curso 2018/2019 recibiron asignación, a través da convocatoria do programa, un total de 253 centros que matriculan alumnado de ESO, BAC, FP, Ensinanzas de Persoas Adultas, e Ensinanzas de réxime especial (Conservatorios e Escolas de idiomas). Esta XII Xornada dos Clubs de Lectura reunirá así a preto de 280 persoas, entre participantes, relatores e asesores e asesoras de formación do profesorado.

Haberá ocasión para amosar o estudo sobre os clubs de lectura, realizado por José Antonio Millán para esta consellería, no pasado ano 2018, en colaboración coa D.X. de Centros e Recursos Humanos, a través da Asesoría de Bibliotecas Escolares.

Entregarase, así mesmo, o Premio dos Clubs de Lectura 2019, que desta vez recaeu na escritora María Reimóndez, por ser a autora galega máis lida nos clubs de lectura no curso 2017/2018, tal e como se recolle na Resolución do 23 de abril de 2019, que explica as particularidades deste premio, que xa recibiron Agustín Fernández Paz, Ledicia Costas, Miguelanxo Prado e Carlos Negro.

O programa contempla así mesmo a participación de María José Masanet, profesora e investigadora da Universitat Poempeu Fabra; celebrarase unha mesa sobre mediacións lectoras; o activista da lectura Marijn Brouckaert falará das "lecturas compartidas", como ferramenta de intervención social; Antonio Sandoval amosará a súa experiencia como moderador dun club de lectura temático sobre ciencias da natureza e a poeta Tamara Andrés impartirá un obradoiro de poesía. Pechará a xornada a profesora, escritora e académica Marilar Aleixandre.

I Concurso de Podcasts - Radio na Biblio : Seleccionados na Modalidade III e IV

 Estos son os tres podcasts seleccionados na Modalidade III, entre os vinte e catro presentados. Seleccionouse un maís ao quedar deserto un na Modalidade IV. Nesta última modalidade foi seleccionado un podcast entre os seis presentados. A selección recoñece a orixinalidade do traballo e a calidade sonora e de contido. Información sobre oficios tradicionais, entroido galego, os muíños ...
 

 

 CPI DE VEDRA (Vedra-A Coruña)

  - Biblioteca

  - Radio Vedra

  - Escaleta

  - Podcast: "Os Xenerais

 CPI MANUEL SUÁREZ MARQUIER (O Rosal-Pontevedra)

  - A Quinta dos Libros

  - A Voz da Mata

  - Memoria

  - Podcast: "Os cabaqueiros"

 

   
 

 

 IES PEDRAS RUBIAS (Salceda de Caselas-Pontevedra)

  - Biblosvivos

  - Onda Raia

  - Guión podcast

  -  Podcast: "Polo río abaixo hai"

 IES PUNTA CANDIEIRA (Cedeira-A Coruña)

  - Biblioteca

  - Onda Discalza

  - Memoria

  - Podcast: "As Lavandeiras"

   

I Concurso de Podcasts - Radio na Biblio : Seleccionados na Modalidade II

Estos son os dous podcasts seleccionados na modalidade II, 3º a 6º de Educación Primaria, entre os sesenta e dous presentados, pola orixinalidade do traballo e a calidade sonora e de contido. Percorrido polo patrimonio de Galicia e a contorna e por un exemplo do noso Entroido tradicional:
 

 

CEIP DE VILAR DE BARRIO (Vilar de Barrio-Ourense)

- A biblioteca da araña Maraña

- Radio Maraña

- Memoria

- Podcast: "A Xanela Cultural"

     

CEIP RAMÓN DE VALENZUELA (Silleda-Pontevedra)

- Blog da biblioteca

- Radio Garabullo

- Memoria

- Podcast: "O Alto dos Xenerais de Bandeira"

   

I Concurso de Podcasts - Radio na Biblio : Seleccionados na Modalidade I

Estos son os dous podcasts seleccionados na Modalidade I, alumnado de Educación Infantil e 1º e 2º de Educación Primaria, entre os quince presentados, pola orixinalidade do traballo e a calidade sonora e de contido. Difusión de dous traballos de investigación arredor dun lenda local e da orixe do nome do concello:
 

   

CEIP DE CARBALLEDO (Cerdedo-Cotobade/Pontevedra)

 

- Biblio Carballedo 

- Cast@_Radio

- Memoria da actividade

- Podcast: "A lenda de Florentina, a rapaza que morreu de amor"

- Entrevista na Radio Galega

 

     

 

CEIP VÍCTOR SÁENZ  (Mazaricos-A Coruña)

 

- Biblioteca Escolar Víctor Sáenz

-  Radio Rosiña

Escaleta " O mazarico"

Podcast "O Mazarico"

-  Entrevista no Diario Cultural