Skip to Content

Concurso de maquetas de células animais e vexetais

celu
Para ver máis fotografías, accede á galería de imaxes

Encantoume participar na maqueta da célula porque traballamos en equipo, aprendemos a confiar nos demais e estudamos facendo a célula.

Pareceume sorprendente que nós gañáramos porque a nosa célula, segundo o que eu penso, non era a mellor. Pero estou moi contenta polo premio.

Gustaríame moito volver a facer máis maquetas e máis traballos en grupo.

Zaida Leiro Otero (1º ESO B)

Gústanme moito este tipo de concursos, xa que nos axuda a aprender e profundizar máis nas materias que estamos dando.

Sorprendeume moito haber gañado o primeiro premio xa que habían células moi ben feitiñas, por exemplo, a célula que quedou en segundo posto, a de Ana, Carmen e Valentina; sen dúbida foi a que máis me gustou.

Tamén me pareceron xeniais os premios que nos deron aos tres primeiros grupos.

Espero que se fagan máis actividades deste tipo.

Miriam Martínez Lorenzo (1º ESO B)

Listaxe provisional de alumnos admitidos no curso 2019-2020

Publicación da listaxe provisional de alumnos admitidos para o curso 2018-2019.

Para consultar a listaxe pulsa aquí: listaxe provisional.

Publicación da lista definitiva antes do 15 de maio

Siamo arrivato a Roma

O alumnado de 4º da ESO comezou hoxe a súa viaxe de fin de etapa a Roma e Florencia. Teñen por diante cinco días moi intensos para vivir unha experiencia única e merecida.

Xa vos seguiremos contando como lles vai na súa visita a terra italianas.

GALERÍA DE IMAXES

XXVI Concurso Canguro Matemático 2019

O xoves 21 de marzo tivo lugar no noso instituto a proba Canguro matemático 2019. Trátase dun concurso de problemas de lóxica matemática por niveles no que pode participar calquera alumno ou alumna sen ter en conta as súas notas. É un reto persoal de cada un para tratar de saber ata onde podemos chegar.

A proba realizouse na clase de 1º ESO C e estaban presentes dúas das profesoras de matemáticas: Dolores e Silvia. Todos eramos alumnos e alumnas de 1º ESO, excepto un rapaz que era de 2º. Ao comenzar entregáronnos un agasallo: un bolígrafo de varias cores e, máis tarde, entregarannos un diploma por participar.

As primeiras preguntas eran bastantes sinxelas pero a medida que avanzabamos nos 30 exercicios dos que constaba a proba, ían sendo máis complicados. De feito, algunhas preguntas eran difíciles de entender pero fáciles de resolver e outras eran complexas de entender e responder.

Pareceume unha experiencia divertida e moi interesante para practicar a axilidade mental e gustaríame repetir o ano que vén.

Sabela Magariños Pereira (1º ESO A)

Para min, foi unha experiencia inolvidable e chea de emocións: nervios, dúbidas, estrés.... Espero que se repita e poder volver a participar nela.

Lucía Castrillo (1º ESO B)

Así mesmo, o Departamento de Matemáticas organiza a participación do alumnado do centro no certame Matemáticas na Raia (martes 26 de marzo) e na Olimpíada Matemática, á que acudirán dous alumnos á volta das vacacións de Semana Santa.

Guía de viaxe do Proxecto Roma

guía

Está mañá repartiuse entre o alumnado de 4º ESO a Guía de viaxe a Roma e Florencia, o primeiro produto do Proxecto Roma, un proxecto interdisciplinar que procura dotar de contido didáctico á saída de fin de etapa traballando dentro e fóra das aulas sobre os monumentos, a historia, a arte, a literatura e o cinema como forma de achegamento á realidade que o alumnado vai coñecer.

Para coñecer mellor o desenvolvemento do proxecto, visitade o blogue da biblioteca e esta galería de imaxes, que dá boa conta das horas de traballo voluntario nas tardes de febreiro e marzo dos 28 rapaces e rapazas participantes.

Non será o único traballo que verá a luz nas próximas semanas, mais teñamos paciencia e agardemos ao regreso para ver as novas producións do alumnado e o profesorado colaborador (Cris, Eloi, Marta, María, Bea e Román). Agora, toca gozar da viaxe!

Versos, hip hop e graffiti contra a violencia de xénero

heroínas

Durantes os meses de febreiro e marzo o alumnado de 3º ESO participou nos obradoiros do programa "X(é)nero versos contra a violencia de xénero", organizado polas Concellerías de Educación, Xuventude e Igualdade do Concello de Soutomaior coa implicación das titorías e os Departamentos de Música, Lingua Castelá, Educación Plástica e Lingua Galega.

Durante as 4 sesións desenvolvidas en cada un dos tres grupos, o alumnado, guiado por Camilo Blanco Pampín, Rubén González Barciela e Aida Alonso "Aid", analizaron o sexismo nas letras musicais, compuxeron os seus propios versos dende os valores da igualdade e o apoderamento feminino e traballaron as bases musicais do hip hop para compoñer, finalmente, uns temazos que vos convidamos a escoitar, ler e gozar nesta páxina (tamén descarga en formato PDF). O alumnado pode seguir profundizando neste traballo a partir dos videotitoriais de Aid e o arquivo de beats.

Posteriormente, o coñecido graffiteiro pontevedrés Crawler impartiu un obradoiro sobre a historia do graffiti e as súas diferentes representacións artísticas, para logo traballar co alumnado nos bosquexos dos graffitis que se debuxaron nun muro do centro escolar.

A festa final, prevista inicialmente para o 7 de marzo, véspera do Día da Muller, tivo que ser aprazada pola chuvia, mais o xoves 14 de marzo os rapaces e rapazas de 3º ESO puideron realizar os seus graffitis grazas ao bo traballo de Fco. J. Asensio "Crawler", Alexis Parada "O'Ras", Noel Pérez "Nove Noel" e Isaac Sucas Juncal. Como colofón, os mozos e mozas de 3º ESO cantaron os seus temas de hip hop. Que artistas! 

Podedes ver as imaxes do proceso do traballo, dos seus graffitis e da festa nesta galería de fotos, e neste vídeo montado pola profesora Ana Aguiar. Queremos agradecerlles ás diferentes Concellerías a súa grande implicación no labor educativo que se desenvolve no IES con programas tan potentes coma este, que achegan uns valores e unha dimensión creativa que completan a formación do noso alumnado.

Gran participación do noso alumnado no Parlamento Xove

pxove

O alumnado de Bacharelato do IES de Soutomaior estreouse no Parlamento Xove 2019 con dous equipos que acadaron uns bos resultados na súa primeira participación neste torneo de debate que organiza a Dirección Xeral de Xuventude, Participación e Voluntariado. A fase clasificatoria tivo lugar durante esta fin de semana (15 e 16 de marzo) no centro Residencial Docente da Consellería de Educación en Culleredo.

Os equipos, que partiparon por vez primeira nun certame destas características como actividade complementaria da materia "Obradoiro de Habilidades Comunicativas", obtiveron uns resultados moi positivos. O equipo composto por Cecilia Alonso, Talía García, Alejandro Gómez e Marta Reguera gañou dous debates mais non pasou á fase final no desempate por puntos. O equipo composto por Judith Domínguez, Xiana Herrero, Rolando Lago e Paula Ramallo, acadou unha moi boa puntuación de 381 puntos sobre un total de 480, cunha media de 127 puntos nunha escala de 160, aínda que non gañou ningún dos debates que disputaron con centros que quedaron na parte alta da clasificación.

Os profesores Román Cerqueiro e Orlando Molares, coordinadores dos equipos, destacan a implicación e o traballo desenvolvido na fase previa de investigación sobre o tema de debate: "Deberiamos unificar as políticas de acollida de persoas refuxiadas en todos os estados membros da Unión Europea?". Ademais, amosan a súa satisfacción pola grande progresión que experimentou o alumnado ao longo do día conforme se ían sucedendo os debates, ademais da limpeza coa que competiron nunha xornada de convivencia e aprendizaxe con equipos chegados de toda Galicia. O alumnado, pola súa banda, gozou tanto da experiencia que xa pensa na edición do próximo ano.

Moitos parabéns, Cecilia, Judith, Talía, Alejandro, Xiana, Rolando, Paula e Marta! Estarmos orgullosos/as do traballo que fixestes e do ben que representastes o noso centro.

- "Alumnos de Soutomaior, en Parlamento Xove", artigo no Atlántico Diario, 24-03-2019.

Libres, xuntas e diversas: o 8M no IES de Soutomaior

nube libros
8m 8M_02

A Biblioteca, a Comisión de Igualdade e o EDLG do noso centro organizaron unha serie de actividades no marco do Proxecto Falemos encamiñadas a conmemorar o 8 de marzo. Así, a Biblioteca montou unha exposición-mesa de libros e elaborou un tríptico de recomendacións lectoras que recolle 16 títulos centrados na igualdade de xénero e que podedes descargar aquí. Ademais, o alumnado da Comisión de Igualdade argallou unha instalación artística conmemorativa durante a tarde do pasado xoves 7 e que nos sorprendeu e impactou a todos e a todas ao chegar ao instituto na mañá do venres. Podedes coñecer máis polo miúdo estes traballos do 8M no blog do Proxecto Falemos.

Entroido 2019

grupo Diego

O pasado venres 1 de marzo celebramos o primeiro entroido do IES cun Concurso-Desfile no que participaron 12 grupos que encheron a mañá de humor, imaxinación e coreografías e actuacións enxeñosas, choqueiras e reinvindicativas. Ademais, houbo photocall e un Meco, que nos foi metendo en ambiente nos días previos. 

Hai que agradecer a colaboración de todo o alumnado e o profesorado que fixo posible a celebración, en especial ao presentador (Fernando Blanco) e aos membros do xurado (Gabino Pérez, Orlando e Marta pola banda do profesorado e mais Antía Cortegoso e Anxo Martínez en representación do alumnado). Aínda que todos e todas os participantes no concurso recibiron un aplauso merecido polo bos momentos que nos fixeron pasar e os traballos dos días prevos, houbo grupos gañadores, que foron:

  • 1º Premio: 1º Bacharelato.
  • Accésit á mellor coreografía: 1º ESO B.
  • Accésit á proposta máis orixinal: 2º ESO B.
  • Accésit ao mellor disfraz: 2º ESO A.

Na Galería de Imaxes do Entroido 2019 tedes unha boa mostra do que foi a celebración.

Procedemento de admisión de alumnado para o curso 2019-2020

Resultado de imagen de aviso

Ábrese o plazo de admisión de alumnado para o curso 2019-2020.

Este proceso só afecta ao alumnado que queira cambiar de centro.

Máis información no seguinte adxunto: proceso admisión

Distribuir contido


by Dr. Radut