Skip to Content

Foi tempo de Magosto no IES de Soutomaior

A chuva non foi impedimento para que onte á tarde puidesemos dar boa conta das castañas asadas como manda a tradición desta celebración tan popular do outono galego.

Aínda que este ano non puidemos facer os xogos populares que se ían realizar nos patios, todos e todas probamos unhas castañas ben sabedeiras e gozamos deste momento de convivencia escolar.

Temos que agredecer especialmente a colaboración de Nati, a nosa castañeira, e de Luís, que nos trouxo o tren-asador das castañas. Sen eles non sería posible celebrar o magosto un ano máis.

Pero a festa tampouco se podería levar a cabo se non fose pola axuda dos alumnos e alumnas de 1º Bacharelato B, 1º ESO A e 1º ESO B, que prepararon os cucuruchos para todo o centro, así como de Roberto, David, Fabio, Igor e Andrés (1º BACH B), Cristina, Noelia, Hugo, Yanira, Iria, Ruth, Gonzalo e Brais (3º ESO) e Álvaro, Fran e Raquel (1º ESO C), que picaron máis de 60 quilos de castañas. Moitas grazas!

Charla para as familias: "Uso responsable das tecnoloxías"

O IES de Soutomaior acolle este xoves 21 de novembro, ás 16:30, a charla Uso responsable das novas tecnoloxías, impartida por Ana Salorio Fernández, profesora de Tecnoloxía no ensino secundario especializada nos usos e perigos das novas tecnoloxías por parte da mocidade.

A charla está organizada conxuntamente polo CEIP Manuel Padín Truiteiro, o CEIP Pontesampaio e mais o IES de Soutomaior en colaboración co Centro de Formación e Recursos da Consellería de Educación en Pontevedra.

O acto terá lugar na Aula de Usos Múltiples do IES de Soutomaior e constará de dúas partes, a charla da nosa convidada e un coloquio posterior no que poderán intervir todas as persoas que o desexen.

'El jardín de Matisse' e 'Maus', primeiras lecturas compartidas nos clubs de lectura

O álbum ilustrado El jardín de Matisse inaugurou o clube de lectura Petiscos de Arte con nada máis e nada menos ca 29 rapaces e rapazas de 1º e 2º da ESO, que renderon homenaxe a Matisse nunha explosión de formas e cores que invadiu a Biblioteca. Na próxima sesión descubriremos a Yayoi Kusama. 

Pola súa banda, o alumnado de Bacharelato, acompañado polas profesoras de Historia, Bea e María e a coordinadora do clube, Cristina, achegáronse a unha obra mestra da BD, premiada cun Pulitzer en 1992: Maus, de Art Spiegelman.

Deste modo, comeza a súa andaina o clube Historias de Historia, cunha necesaria ollada ao pasado para entender e reflexionar sobre os perigos que nos asexan no presente.

Visita á Escola de Minas

O pasado mércores 30 de outubro o alumnado de Bacharelato de Tecnoloxía Industrial de 1º e Xeoloxía de 2º visitou a Escola de Enxeñaría de Minas e Enerxía da Universidade de Vigo acompañado polas profesoras Saínza e Tania.

Alí foron recibidos polo seu subdirector e puideron realizar unha xornada de portas abertas para coñecer diversas  instalacións da facultade, como os laboratorios de xeotecnoloxía e de mecánica de rochas. Posteriormente dividíronse en dous grupos, os de Xeoloxia asistiron a un taller de recoñecemento de minerais, mentres que os de Tecnoloxía realizaron dous módulos da aula aberta de tecnociencia, nos que desenvolveron varias actividades prácticas de combustión e novos materiais.

 

Introducímonos na narración oral con Federico Pérez

Galería de Imaxes

O actor e guionista Federico Pérez Rei visitou o noso centro os pasados 25 de outubro e 8 de novembro para impartir un Curso de Iniciación á Narración Oral ao alumnado da materia Obradoiro de Habilidades Comunicativas.

Ao longo de dúas sesións, o noso convidado, Premio Mestre Mateo 2019 á Mellor Interpretación Masculina de Reparto no multipremiado filme Trote, de Xacio Baño, foinos dando as súas claves para construír historias e levalas ao escenario: dende como captar o motivo do que pode xurdir o relato, como darlle forma, como botar man da improvisación no directo, o aproveitamento da cultura popular e rural como fonte de inspiración e espello na que aprender, etc. e, finalmente, como compartirlas ante un auditorio. Aquí foi cando Sabela, David e Isaac mostraron e interpretaron as historias nas que están traballando para participar na fase final do XVIII Concurso Tíralle da Lingua, que terá lugar o próximo 28 de novembro no Teatro Principal de Santiago. Aínda quedan días para traballar os relatos pero vese que hai madeira de contadores e contadoras en Soutomaior.

Dende aquí agradecemos a gran disposición, a proximidade e o cariño de Federico demostrada nestes encontros co noso alumnado e á AS-PG pola súa colaboración e por organizar este certame. O Tíralle da Lingua procura incentivar e normalizar o uso oral da nosa lingua, converter o idioma en instrumento de comunicación normal, de creación e recreación de historias, de lingua de uso do noso sistema educativo, en definitiva, de devolverlle ao galego o espazo que lle corresponde.

Moitas grazas, Fede! Moitas grazas, AS-PG! É a quenda de Sabela, David e Isaac!

 

Borrador do Plan de Convivencia Escolar do IES de Soutomaior

A Comisión de Convivencia do IES de Soutomaior elaborou un documento base do Plan de Convivencia Escolar do centro segundo o Decreto 8/2015, do 8 de xaneiro, polo que se desenvolve a Lei 4/2011, do 30 de xuño, de convivencia e participación da comunidade educativa en materia de convivencia escolar.

O borrador é accesible para toda a comunidade escolar para a súa revisión antes da súa aprobación definitiva. O prazo para facer achegas a este borrador estará aberto durante os meses de novembro e decembro. As achegas dirixiranse ao correo ies.soutomaior@edu.xunta.gal.

O IES de Soutomaior participará en dous programas do Plan Proxecta 2019-2020

O noso centro foi seleccionado en dous programas do Plan Proxecta para o Curso 2019-2020 segundo a resolución definitiva publicada pola Consellería de Educación, Universidade e Formación Profesional. Este Plan está orientado a fomentar a innovación educativa nos centros a través de programas educativos que desenvolvan as competencias clave como eixe do currículo e os elementos transversais, nos cales se inclúe a educación en valores.

En concreto, os programas aprobados son Educación Patrimonial e Escola Verde. No primeiro deles, baixo a Modalidade "Mirando polo Camiño", o alumnado (dende 1º da ESO a 1º de Bacharelato) pescudará sobre o patrimonio e os bens comúns do Camiño portugués desde o punto de vista antropolóxico, histórico, arqueolóxico, arquitectónico, xeográfico e lingüístico. Hai que de salientar que nesta modalidade só se admite un único centro en toda Galicia para cada un dos Camiños de Santiago e que, ademais, se enmarca dentro do desenvolvemento do Proxecto Interdisciplinar de Centro "Miña Casiña, meu lar".

No segundo dos programas, Escola Verde, foron seleccionados 10 centros escolares de todo o país, e pretende mellorar o comportamento ambiental do alumnado e o profesorado de todo o centro. Está coordinado polo Departamento de Bioloxía.

Botan a andar os Clubs de Lectura do instituto

 
Neste mes dá comezo unha nova edición dos Clubs de Lectura do noso centro coa participación de 45 alumnos e alumnas. Haberá tres clubs, que compartirán as súas lecturas en sesións de carácter mensual ata o mes de maio. A maiores, entre febreiro e marzo, volverá o club de lectura e cinema integrado no proxecto interdisciplinario relacionado coa viaxe de fin de etapa de 4º ESO.
 
Nestas semanas darán comezo os seguintes clubs:
  • Petiscos de arte (títulos e calendario), con alumnado de 1º e 2º ESO. Tras a lectura compartida de álbumes ilustrados relacionados con artistas como Matisse, Yayoi Kusama ou Louise Bourgeois, o alumnado realizará un traballo artístico inspirado na obra dos autores e autoras traballados.
  • Lecturas pola igualdade (títulos e calendario), on alumnado de 2º, 3º e 4º ESO. Todas as lecturas propostas xirarán en torno a problemáticas relacionadas coa violencia de xénero, a igualdade e a diversidade afectivo-sexual.
  • Historias da historia (títulos e calendario), con alumnado de 4º ESO e Bacharelato. A través da banda deseñada, achegarémonos a narracións baseadas na realidade, ás veces biográficas, outras ficcionadas, con temáticas como o holocausto nazi, a venda de preferentes, a guerra civil ou as pioneiras en materia de igualdade.
Que teñades unha feliz singradura e boas lecturas!

Quem não viu Lisboa não viu coisa boa

Máis fotografías na Galería de Imaxes de "Viagem a Lisboa"

Fin de semana longa e intensa a que viviron en Lisboa Cecilia, Talía, Alejandro, Lucas, Xiana, Laura, Judith, Yulema, Marta, Pablo, Paula, Rolando e os profesores Orlando e Román. Entre o 31 de outubro e o 3 de novembro este grupo de alumnos e alumnas de 2º de Bacharelato gozou da máis ca merecida viaxe prometida no curso anterior cando gañaron o 1º premio do concurso ComunicaTedu co traballo Pepa e Moncho, unha historia de amor romántico.

A Cidade da Luz recibiunos cun tempo máis chuvioso e frío do habitual, o que non foi impedimento para partillar a descuberta dos mil e un recantos da "menina e moça". Dende a primeira aventura no comboio en Valença (que non saiban as autoridades, o segredo fica entre nós) até o paseo polo Castelo e a Mouraria da última mañá, a convivencia e os risos cómplices acompañáronnos durante toda a nosa estadía: nos atestados autocarros aos que subimos coa nosa esaxerada equipaxe; no fermoso hostel Selina Secret Garden do Beco do Carrasco en que nos aloxamos; no Mosteiro dos Jerónimos e en Belém ao pé do río Texo; nos "pequenos-almoços" de cada mañá e nos "jantares" da noite; nos cafés e kebabs onde matamos a lareca e o frío; nas carreiras do "Elétrico 28" polas estreitas ruelas adoquinadas e encostadas da cidade buliciosa; nos xogos e curiosidades do MAAT; na fantasía romántica de Sintra; no ambiente vangardista do XL Factory; nos longos paseos polas animadas rúas, prazas, miradouros, elevadores e parques da Baixa, O Chiado, o Bairro Alto, a Madragoa, a Estrela e o Intendente, sempre á espreita da multiculturalidade lisboeta e das curiosidades e das músicas e actuacións dos artistas de rúa; no descanso na fermosa Alfama co fado ao fondo; no Oceanário, no teleférico e na moderna arquitectura do Parque das Nações... e comprobando o poder da nosa lingua como chave que nos abre ao mundo.

Xa temos saudades de Lisboa!

Dan comezo os obradoiros do Programa de Educación Afectivo-Sexual Ímolo ghozar!

O alumnado de 3º ESO estreou no día de onte, xoves 25, o Programa de Educación Afectivo-Sexual Ímolo Ghozar!, que pon en marcha o Concello de Soutomaior a través da súa Concellería de Igualdade e o CIM, e que se desenvolverá ata o 22 de novembro no noso centro.

Esta iniciativa procura fomentar unha correcta educación sexual no alumnado e inculcar nel valores de respecto, igualdade e diversidade dentro das súas relacións afectivas e sexuais. Para iso, en dúas quendas de obradoiros dunha duración total de 4h, cada grupo de 1º e 3º da ESO e de 1º de Bacharelato, participará en actividades centradas nos roles de xénero e a detección de condutas de abuso e agresión sexual e afondarán en conceptos como a sexualidade ao longo do ciclo vital dunha persoa, a igualdade e a equidade, os diversos mitos e crenzas sobre o sexo…

Ao finalizar o programa, o alumnado realizará a súa propia guía “Ímolo ghozar”, na que recollerán todas as súas reflexións, experiencias e achegas para apoiar e mellorar o desenvolvemento de posteriores edicións do programa. Unha vez realizada, a guía poñerase ao dispor da comunidade educativa para a súa utilización nas actividades habituais dos centros.

Distribuir contido


by Dr. Radut