Skip to Content

Alerta verde! Chegan as Brigadas ECOlóxicas

O pasado venres 13 de decembro o alumnado de 1º ESO participou na primeira fase do programa educativo Brigadas ECOlóxicas, que organizan a Concellería de Educación e a OMIX do Concello de Soutomaior en colaboración co Departamento de Bioloxía do IES Soutomaior.

Esta iniciativa ten como obxectivo fomentar a concienciación ambiental entre o alumnado do centro a través diversas accións e iniciativas. Esta 1ª sesión alternou contidos e dinámicas que achegaron o alumnado á problemática do cambio climático, ás súas causas e ás accións que se poden levar a cabo para combatelo. Ao finalizar, explicáronse as seguintes fases do proxecto e animouse aos alumnos para participar nas seguintes actividades: 

  • 2ª fase: os xoves 26 de decembro e 2 de xaneiro terá lugar un taller creativo no Multiúsos de Arcade. Nel, o alumnado dará vida aos residuos máis habituais nun centro educativo confeccionando traxes e disfraces, humanizando os restos e reforzando a reflexión sobre a orixe e o uso que as persoas damos a eses desperdicios
  • 3ª fase: a partir do 20 de xaneiro, os brigadistas ecolóxicos comezarán a actuar no IES de Soutomaior. A través de campañas de concienciación entre os seus compañeiros, da repartición de bolsas de papel na cafetaría e doutras actividades, o alumnado visualizará o impacto ambiental que temos no noso centro educativo e fomentará medidas para reducilo.

Por último, cabe destacar que o programa se completa coa achega de novos materiais por parte do Concello. Ademais do composteiro instalado recentemente no IES, en breve contaremos cunha illa completa de recollida selectiva de residuos para o uso exclusivo do centro.

Sorteo das dúas Cestas de Nadal Pro-Excursión 4º ESO

No recreo de hoxe celebrouse o sorteo das dúas cestas de nadal que axudan a sufragar a viaxe a París do alumnado de 4º ESO. Actuando como secretario Joel, como mans inocentes Nikol e María e baixo a supervisión de Román, estes foron os dous números premiados:

  • Cesta nº 2 (doazón do Asador A Serra & Cafetería do IES): nº 612. A agraciada foi Graciela Comesaña Sanromán.
  • Cesta nº 1 (doazón anónima): nº 2059, vendido polo alumno Adán Piñeiro. A agraciada foi Marisa Vilán.

Parabéns ás persoas premiadas e grazas a todas e a todos os que colaborastes mercando rifas, así como ás empresas colaboradoras.

Comunicado do centro: folga do persoal docente do xoves 12 de decembro

Mañá, xoves 12 de decembro, está convocada unha folga do persoal docente no ensino público non universitario galego.

O centro vai garantir a atención a todo o alumnado que acuda ao instituto a través dos servizos mínimos estipulados pola Consellería de Educación, aínda que o seguimento da folga pode afectar aos horarios das distintas sesións.

A folga foi convocada por todos os sindicatos con representación na Mesa Sectorial (por orde de representación: CIG-Ensino, CCOO, ANPE, FETE-UXT, STEG, CSIF) para esixir a recuperación de dereitos e a devolución do horario lectivo recortados no ano 2009.

Para coñecer máis polo miúdo as reclamacións do profesorado galego, preme aquí.

Sorteo de dúas fantásticas Cestas de Nadal

O alumnado de 4º ESO segue adiante coas actividades de autofinanciamento da Viaxe de Fin de Curso a París. Dende hai semanas están a vender rifas para o sorteo de dúas completísimas Cestas de Nadal, que terá lugar o luns 16 de decembro durante o recreo. O resultado darase a coñecer a través desta páxina web e do Facebook do Instituto. 

Dende o centro queremos agradecerlles a doazón das cestas a Mónica e Manuel (Cafetería do IES & Asador Lugar da Serra) e a outra empresa que desexa permanecer no anonimato. Moitas grazas por axudar o noso alumnado unha vez máis e por vos implicar na vida do instituto.

Así que xa sabedes, se non tedes as vosas rifas, a que agardades? Buscade o alumnado de 4º ESO ou comprádeas directamente na Conserxería. 

Participamos no XVIII Certame de Narración Oral Tíralle da Lingua

David Alján, Sabela Lorenzo e Isaac Abegonza representaron o noso instituto no Certame de Narración Oral Tíralle da Lingua, que se desenvolvou no Pazo de Congresos de Santiago o pasado 28 de novembro. David levou á escena o monólogo "Gastroinfluencers", no que lle deu unha volta á moda de colgar titoriais de gastronomía nas redes sociais,  mentres que Sabela e Isaac lle deron vida aos diferentes modelos típicos de estudantes que pululan polos centros escolares en "A clase". A resolución do xurado estivo ben reñida e, aínda que o noso alumnado nons e alzou con algún dos dous premios en liza, hai que destacar que o fixeron moi ben.

Á fase final acudiron centos de rapaces e rapazas que demostraron que a narración oral conta cunha boa canteira no noso país. A actividade contou na fase previa desenvolvida no noso centro coa participación de Federico Pérez Rei, quen durante dúas sesións desenvolvidas en outubro e novembro nos deu unhas pautas para nos introducir na arte da narración oral.

Unha vez rematado o Tíralle da Lingua 2019, o alumnado do Obradoiro de Habilidades Comunicativas visitou aexposición Galicia, un relato no mundo na Cidade da Cultura. Esta mostra explora os intercambios habidos Galicia e o resto do mundo nun percorrido que nos levou desde a prehistoria ata a actualidade.

Nesta ligazón podedes ver unha selección de imaxes desta saída a Santiago de Compostela. 

O noso centro desenvolverá tres Contratos-Programa no curso 2019-2020

A Dirección Xeral de Educación, Formación Profesional e Innovación Educativa publicou hoxe a resolución provisional pola que se fai pública a relación de centros seleccionados para desenvolver plans orientados á mellora do éxito escolar no curso 2019/20. O noso centro aposta polas seguintes liñas de actuación:

  • REFÓRZA-T: ten como obxectivo mellorar o rendemento académico do alumnado con dificultades, por medio do traballo ou apoio organizado fóra do horario lectivo, para a adquisición das destrezas básicas que lle faciliten a incorporación plena ao ritmo de traballo ordinario e ás esixencias das diferentes áreas e materias. Reforzaranse as destrezas matemática, en ciencia e tecnoloxía e en comunicación lingüística.
  • IGUÁLA-T: desenvolveranse accións que interveñan no fomento da coeducación, promoción da igualdade de oportunidades entre mulleres e homes, prevención e tratamento da violencia de xénero, promoción do respecto pola diversidade afectivo-sexual, prevención e tratamento da LGBTIfobia e outras medidas semellantes.
  • Mellora do nivel de coñecementos para acadar a excelencia: que trata de dar resposta ao alumnado con maior motivación para aprender, á vez que supón unha medida de atención á diversidade na que se desenvolverán iniciativas de afondamento nos coñecementos do alumnado, co fin de incrementar a excelencia.

Por todas elas, por todas nós!

 
En rexeitamento de toda forma de violencia contra as mulleres. Por todas elas e por todas nós! O alumnado que forma parte do Comando Igualdade estreou hoxe durante o recreo o resultado do seu traballo ante o resto das compañeiras e compañeiros do centro. Ademais, o alumnado de Educación Plástica de 1º da ESO e de Debuxo Artístico de 1º de Bacharelato realizaron unha performance coa que escenificaron o control que exerce o patriarcado sobre as mulleres, mais que -xuntas- se poden liberar das cordas da dominación e a violencia.
 

"O uso das novas tecnoloxías", primeira actividade formativa para as familias do Proxecto intercentros

 

O noso centro acolleu onte, xoves 21 de novembro, unha charla sobre os usos e perigos das novas tecnoloxías na infancia e na mocidade aberto ás familias dos colexios Manuel Padín Truiteiro e Pontesampaio e mais o instituto  de Soutomaior.

A charla “Uso responsable das novas tecnoloxías” foi impartida por Ana Salorio Fernández, profesora de Tecnoloxía no ensino secundario especializada nos usos das novas tecnoloxías por parte da xente nova. A exposición da docente tivo continuidade nun coloquio aberto ás nais e aos pais asistentes e abordou o gran potencial educativo, comunicativo e de lecer das novas tecnoloxías, pero tamén o seu uso inadecuado ou abusivo, que pode ter consecuencias moi negativas nas mozas e nos mozos.

Para acceder aos materiais que mostrou a profesora Ana Salorio, tedes que entrar en Curso Seguridade TIC na Aula Virtual do IES Chan do Monte de Marín. Logo, introducir o contrasinal CDM-arcade. Paga a pena que as nais e os pais lle botedes unha ollada.

Con este acto, apoiado polo Centro de Formación e Recursos da Consellería de Educación en Pontevedra, presentouse publicamente o Proxecto Intercentros, unha rede de colaboración que terá continuidade ao longo do curso con diferentes iniciativas orientadas ao alumnado, ás familias e ao profesorado dos tres centros. Para o curso 2019-2020, esta iniciativa ten como obxectivos organizar actividades formativas para as familias dos tres centros como base para unha Escola de Nais e Pais estable no futuro; fomentar a integración do alumnado de 6º de Primaria no IES a través de actividades conxuntas; e elaborar un plan de traballo común que fomente o intercambio de experiencias entre o alumnado e o profesorado dos tres centros.

Alimentámonos ben con froita fresca e de tempada

froita
 
O programa Froita na escola, promovido pola Consellería de Medio Rural e do Mar, remata este venres logo de dúas semanas nas que se repartiu froita entre todo o alumnado durante os recreos. No próximo trimestre, volveremos contar con outras dúas semanas de reparto.
 
Esta iniciativa ten como obxectivo mellorar os hábitos alimenticios dos mozos e das mozas a través do fomento do consumo de froita fresca e de tempada (peras, mazás, mandarinas, plátanos...).

Unha vez máis, hai que lle agradecer ao alumnado de 4º ESO a súa colaboración nas tarefas de reparto.

Comeza a preparación do II Torneo de Debate Académico de Galicia

O alumnado que representará o IES de Soutomaior no II Torneo de Debate Académico de Galicia participou na xornada de formación que tivo lugar este martes 29 na Fundación Barrié de Vigo. Diego, da Escola de Debate e Oratoria TALKK, foi o encargado de impartir o curso no que introduciu as claves da oratoria e as bases para a iniciación ao debate e á investigación documental, así como as características e a estrutura do torneo, que convocará na Coruña a 60 equipos chegados de centros escolares de toda Galicia entre o 27 de xaneiro e o 6 de febreiro. Mellorar a expresión oral, fomentar o pensamiento crítico dos estudantes e preparar unha boa investigación sobre o tema proposto son os obxectivos deste certame.

O próximo luns 25 coñeceremos a pregunta desta edición e aí comezará unha base de dura preparación para Aarón, Anxo, Daniel, Gabriel, Laura, Marco, Martina, Paula, Sabela e Sofía e o resto dos seus compañeiros e compañeiras da materia Obradoiro de Habilidades Comunicativas de 1º de Bacharelato.

Queda moito traballo por diante ata chegar á fase da competición pero, máis alá dos resultados, o importante é a aprendizaxe que se dá ao longo do proceso. Ganas de aprender, ilusión e implicación non lles falta a esta rapazada.

Distribuir contido


by Dr. Radut