Skip to Content

Listaxe definitiva de admisión de alumnado para o curso 2019-2020

Resultado de imagen de importante

Para consultar a listaxe definitiva de alumnado admitido premede aquí: ADMITIDOS

Para consultar o período de matrícula en setembro premede aquí: PRAZO MATRÍCULA

Para descarga de impresos necesarios para a matrícula premer na seguinte ligazón: http://www.edu.xunta.gal/centros/iessoutomaior/taxonomy/term/56

David Alján, finalista no VII Certame de Relato Curto organizado pola FANPA

David Alján Lusquiños, alumno de 4º ESO, volveu dar mostra das súas dotes para a escrita literaria no VII Certame de Relato Curto convocado pola FANPA para todos os centros públicos da provincia. A participación nesta edición acadou unha cifra récord con 1300 textos nas diferentes categorías (Primaria, ESO, Bacharelato e FP e Adultos) e só 120 relatos pasaron á final.

Ademais deste recoñecemento e do diploma acreditativo, o relato "O panda" recóllese nun libro publicado pola editorial Kalandraka, fermosamente ilustrado por Ramón G. Trigo e amadriñado pola escritora Concha Blanco, que foi homenaxeada no acto de entrega de premios que tivo lugar no Auditorio do Pazo da Cultura de Pontevedra este venres 31 de maio. Ademais, o texto será publicado neste verán nas páxinas do Diario de Pontevedra, pero xa podedes lelo, e recomendamos vivamente a súa lectura, premendo aquí

Moitos parabéns, David, e grazas por compartir con todos e todas nós as túas creacións.

Pepa e Moncho, unha historia de amor romántico... de premio!

Comunicatedu

Un equipo do noso instituto, formado por Judith Domínguez, Alejandro Gómez, Xiana Herrero e Marta Reguera, vén de gañar o 1º premio do certame de oratoria ComunicaTedu 2019 na categoría de Bacharelato cun discurso sobre os mitos do amor romántico. Acompañadas polo alumnado da materia "Obradoiro de Habilidades Comunicativas", o martes 28 de maio acudiron a un acto público que tivo lugar no Museo do Gaiás na Cidade da Cultura e alí tiveron que defender enriba do escenario o traballo que previamente enviaran en formato vídeo para sometelo á avaliación previa do xurado.

Non só o fixeron moi ben e cun aplomo digno dos mellores oradores e oradoras, senón que mesmo melloraron a gravación e os ensaios feitos durantes os días anteriores no IES, pero agora diante dun xurado e un público que recoñeceron a calidade da súa intervención.

Dende aquí queremos recoñecer o seu traballo pola súa calidade (no texto, na posta en escena, na capacidade comunicativa...) e aproveitamos a ocasión para agradecerlles publicamente a súa implicación en todas as iniciativas que se están desenvolvendo ao longo deste curso no centro. É un orgullo para todas e todos nós que representedes tan ben o noso instituto.

Esta edición do concurso propuña abordar a igualdade e a prevención da violencia de xénero dende unha perspectiva moi ampla para que o alumnado participante concretase un tema e elaborase un discurso logo dunha fase de investigación. O equipo de Soutomaior desenvolveu unha exposición oral na que representou de maneira crítica os estereotipos e prexuízos existentes na sociedade arredor do chamado “amor romántico”. Fronte a esta concepción do amor, apostaron por relacións sas nas que prima o equilibrio e a reciprocidade e nas que a muller desenvolve plenamente a súa vida sen depender, nin emocionalmente nin doutro modo, da súa parella.

Aquí vos deixamos o vídeo gravado para a fase clasificatoria e as imaxes do acto á espera de que a organización publique a intervención feita o pasado martes.

A nova na prensa:

Os alumnos do IES de Soutomaior gañan o concurso galego de oratoria escolar (Faro de Vigo, 29-05-2019).

Cicerones adolescentes contra a violencia de xénero (Faro de Vigo, 29-05-2019).

Un dez en Oratoria (Faro de Vigo, 29-05-2019).

Centros de Castroverde, Soutomaior e Pontevedra gañan o certame de oratoria Comunicatedu (Consellería de Educación, 28-05-2019).

Unha forte aperta

Dende a comunidade educativa do IES de Soutomaior queremos expresarvos o noso máis sentido pésame ás familias afectadas e a toda a comunidade educativa dos IES Mendiño e San Simón e o CPI do Toural polas perdas irreparables que vides de sufrir no día de onte.

Hoxe a dor é compartida nas nosas aulas e nos nosos corredores polos vínculos que unen as nosas alumnas e alumnos e queremos que sintades ben preto o noso cariño e acompañamento nestes momentos.

 

 Pésame

Convocatoria do fondo solidario de libros de texto e axudas para libros e material escolar para o vindeiro curso

Resultado de imagen de axudas fondo libro

Ábrese o prazo para solicitar as axudas de fondo libro. O prazo para pedilas remata o 21 de xuño.

Para acceder á información completa hai que premer nas seguintes ligazóns:

- Información xeral do fondo libro: premede aquí.

- Fondo libro na páxina da Consellería: premede aquí.

- Fondo libro, extracto da páxina da Consellería: premede aquí.

 

I Semana da Diversidade Afectiva e Sexual

Entre o luns 20 e o venres 24 de maio celebrouse a I Semana da Diversidade Afectiva e Sexual do IES de Soutomaior, que deixou unha pegada importante na comunidade educativa e que chegou para quedar e medrar nos vindeiros cursos. Organizada polo Comando Igualdade, a iniciativa desenvolveuse no marco do Proxecto Falemos de ti e min e complementou outras accións e actividades que se foron desenvolvendo ao longo do curso.

O programa desta semana fixo visible a diversidade sexual e afectiva no noso instituto con actividades diversas que combinaron a reflexión, a denuncia dos prexuízos e os estereotipos, a reinvindicación dos dereitos do colectivo LGTBI..., e sempre trans-formando o centro dende un enfoque participativo e aberto, lúdico e festivo, de celebración e goce da diversidade, do colorido e dos sorrisos.

Nas seguintes ligazóns podedes coñecer o día a día do que foi esta I Semana da Diversidade Afectiva e Sexual: luns 20, martes 21, mércores 22, xoves 23 e venres 24.

Falemos de ti e min a través da BD e despedida dos Clubs de Lectura da Biblioteca

O Proxecto Falemos de ti e min tamén se concretou nun club de lectura de banda deseñada, Marcando a Diferenza, que dende o mes de outubro reuniu alumnado de diferentes cursos ao redor de obras que abordaron temáticas como a diversidade funcional, a diversidade de orientación sexual, a inmigración, as inxustizas, a guerra, a demencia senil, etc. As lecturas destes cómics achegaron vivencias e emocións doutras vidas que en moitas ocasións transitan de modo case invisible ao noso carón e que provocaron un grande impacto nun alumnado que, coas súas reflexións, converteu este club de lectura nunha experiencia moi enriquecedora. Podedes seguir o seu percorrido ao longo do curso nesta entrada do blog do proxecto.

Así mesmo, ao tempo que se despedía Marcando a Diferenza, os clubs de lectura de BD de 1º e 2º da ESO chegaron tamén á fin do curso coa lectura de Dad, de Nob, e Valiente, de Svetlana Chmakova, respectivamente. E fixérono cunha fermosa acción simbólica que recolle moi ben o espírito das lecturas deste ano: levantando muros "contra contra as desigualdades, contra as inxustizas, contra o acoso, o machismo, o racismo e todas esas actitudes que non queremos no centro".

Por último, o Equipo da Biblioteca quere agradecerlles ás bibliotecas escolares do IES de Poio, do IES Porto do Son e do CPI San Vicente A Baña o préstamo de exemplares dalgunhas obras de lectura dos diferentes clubs e proxectos do centro, xa que a optimización destes recursos públicos facilitou moito esta campaña de animación á lectura no noso centro.

Obradoiros de teatro-foro: PRO-MULLER

O venres 24 de maio o alumnado de 1º de Bacharelato participou nos obradoiros de teatro-foro do programa PROMULLER da fundación Matrix.

Mediante dinámicas teatrais e representacións simbólicas ensaiáronse accións, e posibles solucións, que facilitan a toma de conciencia na implicación social nos casos de violencia contra as mulleres.

Noelia e Jose, conferenciantes e actores da fundación, representaron unha escena de teatro invisible e dous monólogos sobre a violencia de xénero, que posteriormente se analizaron en gran grupo.

O alumnado converteuse en espectActor, propoñendo diversas escenas que representaron eles mesmos para a súa posterior análise.

Rastrexo Vasquida García: meigas, herbas e Inquisición

Durante meses, o alumnado de bacharelato estivo preparando unha preciosa actividade que puxo en escena o 16 de maio para os seus compañeiros e compañeiras de 3º e 4º de ESO: un rastrexo sobre a vida de Vasquida García polo monte e arredores da praia da Xunqueira.

Vasquida García foi unha muller do século XVI condenada por bruxería pola Inquisición con 100 azoutes e a expropiación das súas terras. O noso alumnado quixo contar a súa verdadeira historia, a dunha muller menciñeira coñecedora das dotes curativas das plantas que viviu fóra dos camiños marcados para as mulleres daquela época.

Recomendamos vivamente acceder a esta entrada do blog do Proxecto Falemos para coñecer como se desenvolveu esta iniciativa ao longo de boa parte deste curso e como decorreu unha xornada cuxos protagonistas, organizadores/as e participantes, gardarán xa para sempre na súa memoria.

Distribuir contido


by Dr. Radut