Skip to Content

Animádevos a participar nos clubs de lectura!

Os Clubs de Lectura do instituto xa están en marcha. Preguntade na Biblioteca e sumádevos. Que que é un club de lectura? Todo un mundo por descubrir! Botádelle unha ollada ao blog da biblioteca e xa veredes todo o que se fixo no curso pasado.

English Day

O pasado mércores 9 de outubro o Departamento de Inglés e a editorial Burlington Books organizaron, ao igual que no curso pasado, un "English Day", isto é, un workshop no que Tammy, a nosa convidada, foi introducindo o alumnado de 2º e 3º da ESO e de English Comunication (2º BACH) en diversos aspectos da cultura e os países anglófonos ao xeito do concurso "Who wants to be a Millonaire?", motivando e fomentando deste modo tan lúdico a interacción, en inglés, co alumnado.

Non podedes seguir roubándonos o noso futuro!

Para ver máis imaxes do acto, accede ao Álbum de Imaxes.

Con esta advertencia pechou o noso alumnado a Semana polo Clima que se desenvolveu no IES de Soutomaior para sumármonos á Folga Global polo Clima, convocada para que os gobernos declaren, de maneira inmediata, a emerxencia climática e para que tomen as medidas concretas necesarias para reducir rapidamente a cero as emisións netas de gases de efecto invernadoiro.

O alumnado e o profesorado, vestidos de verde para a ocasión, participaron un acto simbólico durante o recreo, que consistiu na escenificación da morte do planeta, nun minuto de silencio e na lectura dun manifesto. Nel, o alumnado destacou o seu papel “en defensa do futuro, dun planeta vivo e dun mundo xusto”, reinvindicouse como “unha xeración que non quere sentirse impotente” ante este estado de emerxencia climática e que esixe “unha nova cultura económica orientada ao ben común, una nova cultura da auga, da enerxía, agroalimentaria, da mobilidade, da saúde, da ordenación do territorio e as cidades, da igualdade e dos dereitos”.

Este paro simbólico culminou unha semana de actividades de sensibilización ambiental sobre o cambio climático (video-fórum, lectura de textos e debates, elaboración de carteis e pancartas reinvindicativos, etc.), organizadas polo Departamento de Bioloxía, que inaugurou hoxe a exposición O noso mundo, o noso futuro, a nosa opción, cedida polo Centro de Extensión Universitaria e Divulgación Ambiental de Galicia e que consta de 19 paneis que pretenden contribuír ao coñecemento do fenómeno do cambio climático, as súas causas e as respostas que se están propoñendo para facerlle fronte.

PRENSA

"O IES de Soutomaior súmase á folga global polo cambio climático", Faro de Vigo (28-09-2019).

Boix, o fotógrafo de Mauthausen, a memoria da barbarie nazi

Da man dos Departamentos de Xeografía e Historia e Lingua Galega, o alumnado de 4º da ESO acudiu onte, martes 24 de setembro, ao Multiúsos de Redondela para coñecer a exposición "Boix, fotógrafo de Mauthausen", organizada pola Asociación para a Recuperación da Memoria Histórica (ARMH) en colaboración co Colectivo Republicano de Redondela.

A través das imaxes do fotógrafo catalán Francesc Boix, preso de Mauthausen, o alumnado puido coñecer máis de preto a barbarie sufrida polos presos nos campos nazis. A visita guiada polas fotografías, que serviron como proba no xuízo de Núremberg, completouse co visionado do documental "Boix, fotógrafo do inferno". A mostra está aberta ao público ata o 29 de setembro e acolle diferentes actividades divulgativas durante esta semana.

Cómpre lembrar que douscentos galegos foron deportados a diferentes campos de exterminio e concentración. Faleceron 113. e a súa historia aínda se está investigando e dando a coñecer. Para preservar a memoria destes exiliados que pagaron coa súa vida a defensa da democracia, no segundo andar do noso centro acollemos ata o 11 de outubro a exposición "Exilio e deportación. Joaquín Balboa e Antonio Pérez. De Monterrei e Boborás aos campos nazis", elaborada polo profesor Heladio A. Fernández Manso. Consta de 14 paneis en cartón pluma nos que se trata a historia dos republicanos galegos e españois obrigados a exiliarse en Francia a finais da Guerra Civil, e despois deportados aos campos de concentración nazis.

A exposición forma parte da homenaxe tributada pola Asociación Cultural Monterrei, Cultura e Territorio a Joaquín Balboa, deportado a Mauthausen, e está baseada na súa experiencia e, secundariamente, na de Antonio Pérez e as mulleres republicanas membros da Resistencia en Francia, deportados a Buchenwald e Ravensbrück. Cada panel consta de imaxes, introdución ao tema respectivo e testemuños. A exposición ten unha pretensión didáctica, con información relevante para o coñecemento do proceso histórico e a súa repercusión na vida dos, e as, protagonistas.

Mil Primaveras máis para a nosa lingua, pola igualdade de xénero e a celebración da diversidade

Galería de imaxes do acto aquí.

Onte foi día de festa grande en Pontevedra para o IES de Soutomaior. O proxecto Falemos de ti e min, desenvolvido durante o curso pasado, subiu ao escenario do Pazo da Cultura de Pontevedra para recoller o Premio Mil Primaveras ao Mellor Proxecto Novo xunto con outras cinco iniciativas que procuran poñer en valor e fomentar a lingua e incrementar o seu uso e prestixio na sociedade galega: o Modelo Burela do IES Perdouro; o Desafío 48 h do IES María Casares de Oleiros; Youtubeir@s dos SNL de 13 concellos, as tres universidades e a Deputación da Coruña; Eu presumo de galego do IES de Melide; e GCiencia, o portal da divulgación da ciencia en galego.

Dende o IES de Soutomaior agradecemos a acollida e o cariño da CTNL, colectivo convocante dos galardóns, e do Concello de Pontevedra, anfitrión do acto, e felicitamos aos outros centros de ensino e proxectos premiados por seren modelos de boas prácticas e referentes para nós no ámbito da normalización lingüística.

Mais, sobre todo, queremos destacar a implicación e o compromiso do alumnado do noso centro no desenvolvemento de Falemos de ti e min: sen eles/elas, verdadeiros artífices e destinatarios/as, o proxecto non sería posible. Moitos parabéns e mil grazas!

DISCURSO DE RECOLLIDA DO PREMIO MIL PRIMAVERAS

Eloi Gestido de la Torre (coordinador do proxecto)

En nome das persoas que formamos parte do Proxecto Falemos de ti e min, agradecemos o premio e felicitamos á Coordinadora de Traballadores e Traballadoras de Normalización da Lingua pola creación dos Mil Primaveras.

Sentimos moito orgullo por compartir este recoñecemento con cinco proxectos de tanta calidade, e que ademais son exemplo claro do bo facer a prol da nosa lingua e cultura.

Este acontecemento permítenos tamén agradecer publicamente o esforzo e apoio de todas as persoas e institucións que fixeron posible o Proxecto Falemos:

    • Especialmente, ímonos referir ao profesorado colaborador polo seu traballo e tantas horas e horas de dedicación,
    • e grazas, sobre todo, ao alumnado do instituto de Soutomaior, único protagonista deste proxecto e a quen vai dirixido realmente o premio.

Recibimos con moita ilusión este recoñecemento polo seu significado. Pero estarán de acordo connosco en que o maior premio será, sen dúbida, que os obxectivos do proxecto callen realmente no alumnado e que esta xeración e as futuras sexan quen de:

    • Valorar a nosa lingua e cultura
    • Acadar a Igualdade efectiva entre homes e mulleres
    • E, dunha vez por todas, expresar con normalidade a diversidade

Moitas grazas

PRENSA

  • "Seis proxectos reciben o premio "Mil Primaveras" pola posta en valor da lingua", Faro de Vigo (22-09-2019)
  • "Premio Mil Primaveras", La Voz de Galicia (22-09-2019).
  • "GCiencia recolle en Pontevedra o Premio Mil Primaveras", GCiencia (22-09-2019).

Acto de entrega do Premio Mil Primaveras ao Proxecto Falemos de ti e min

Este sábado 21 de setembro terá lugar ás 11.30 h no Pazo da Cultura de Pontevedra a entrega dos Premios Mil Primaveras que concede a Coordinadora de Traballadores/as da Lingua Galega (CTNL) para recoñecer e difundir accións, campañas, programas e proxectos que procuran pór en valor e fomentar a lingua e incrementar o seu uso e prestixio.

O Proxecto interdisciplinar de centro Falemos de ti e min que se desenvolveu ao longo do curso pasado no noso centro foi merecedor do galardón na categoría ao mellor proxecto novo. O xurado valorou o traballo transversal, a implicación de toda a comunidade educativa, o plan de avaliación ou a ligazón da promoción da lingua con causas xustas como algúns dos méritos que valorou o xurado.

Dende o IES queremos reiterar unha vez máis os nosos parabéns ao equipo coordinador e a todo o profesorado e alumnado implicados nesta iniciativa e estendemos a felicitación a todos os proxectos premiados, referentes para a normalización da lingua no ensino e a sociedade galegas. 

Ademais, convidámosvos a toda a comunidade educativa a vir celebrar connosco os Premios Mil Primaveras.

En lembranza de Sandra, María Elena e Alba

Esta mañá o noso centro acolleu un acto en lembranza de Sandra, María Elena e Alba, vítimas do asasinato machista cometido en Valga. As alumnas Xiana e Judith leron o poema Nada foi suficiente de Marta Dacosta e mais un manifesto de repulsa deste novo atentado.

O IES de Soutomaior manifesta a súa rotunda condea ante este feminicidio e ratifica o seu firme compromiso para seguir traballando pola igualdade de xénero e a eliminación de calquera manifestación de violencia contra as mulleres. Así mesmo, animamos a toda a comunidade educativa a participar nas concentracións de repulsa convocadas polo movemento feminista galego ás 20h do día de hoxe; as máis próximas, Pontevedra (diante da Audiencia) e Redondela (Praza do Concello). Ver galería de imaxes do acto aquí.

MANIFESTO CONTRA O FEMINICIDIO DE SANDRA, MARÍA ELENA E ALBA

Día a día, as mulleres somos asasinadas. Asasinadas polo patriarcado. Hoxe os xornais en papel dedican portadas ao terrible atentado machista de Valga. Os telexornais abrirán dedicándolle minutos e algúns enviados especiais tratarán de remover o morbo preguntando na veciñanza e pescudando nas vidas de Sandra, María Elena e Alba. Mañá apenas seremos reseña, noticia de xulgado. Pasadomañá, unha cifra. E nuns días comezará o ciclo ante un novo feminicidio. Un tras outro, repetirase a cerimonia das palabras grandilocuentes, uns minutos de silencio institucional, unhas palabras condenatorias, uns teléfonos para denunciar... Tratarán de agochar o terrorismo machista baixo unha etiqueta irrecoñecible: violencia intrafamiliar, violencia doméstica... No apartado de sucesos seremos algo anecdótico e encauzarase a noticia coma se fose unha realidade que temos que asumir e ante a cal non se pode facer nada.

Día a día, as mulleres somos asasinadas por sermos mulleres. E os asasinatos das mulleres que acotío acontecen non son algo casual, está sucedendo no noso día a día e chámase feminicidio. Así o definen Diana Russell e Jane Caputi: "O asasinato de mulleres realizado por homes motivado por odio, desprezo, pracer ou por un sentimento de propiedade das mulleres. Sentimento este de propiedade que os leva ao control das amizades, da hora de chegada, do teléfono...e a arrebatarlles as vidas como donos do seus destinos”.

Día a día, asasínannos, imos caendo coma nun campo de batalla. Berramos nun mundo onde non somos escoitadas. Mentres tanto, as que seguimos vivas por Sandra, María Elena e Alba e por todas as que xa non verán máis a luz do día, nin sentirán os raios de sol a quentar a súa pel, nin apertarán na ledicia do reencontro nin nas despedidas, nin bicarán os seus beizos cando así o corpo o desexase e a quen desexase... seguiremos alzando a voz. Por elas e por nós temos que unirnos en redes violetas para empoderarnos, para facérmonos fortes, para desafiar e loitar contra un exército dentro deste modelo social de guerra no que estamos socializadas, denunciando e concienciando.

Non consentiremos que a violencia machista continúe asasinándonos!!!!

Texto adaptado dun manifesto da Marcha Mundial das Mulleres.

Aviso do comedor escolar

Desde a cafetería ofértase un menú económico os martes. O alumnado interesado deberá anotarse ao longo do luns na cafetería.

O servizo de comedor funcionará deste modo:

  • O alumnado baixará ao comedor cando rematen as clases da mañá (14:35).
  • Permanecerá na cafetería ou na aula polivalente na que estará o comedor ata as 16:00.

O centro estará pechado desde que saia o último autobús ata as 16:00, cando xa haberá profesorado de garda, polo que entre as 14:35 e as 16:00 só se usarán os espazos antes mencionados.

O alumnado anotado quedará baixo a custodia do persoal da cafetería, e poderase negar o uso deste servizo a quen non teña un comportamento axeitado neste periodos.

Fondo libros: listaxe definitiva de alumnado admitido

Publicación das listaxes definitivas de alumnado admitido do programa Fondo Libros da Consellería de Educación (premede na ligazón):

Alumnado admitido

 

 

IMPORTANTE: as persoas solicitantes poden pasar a recoller o vale para adquirir material escolar.

Avisos varios para setembro: datas de exames, matrícula e libros de texto para o curso 2019-2020

Actualizamos información sobre trámites administrativos e outros aspectos do curso que remata e do Curso 2019-2020. Premede nas imaxes ou nos epígrafes dos avisos para acceder a estas convocatorias e documentos:

Convocatoria extraordinaria de exames de setembro (calendario)

2 e 3 de setembro

Entrega dos boletíns de notas e prazo de reclamacións de setembro. Devolución de libros de texto.

 

Calendario e documentos de matrícula de setembro (Curso 2019-2020)

 

Libros de texto para o Curso 2019-2020:

1º ESO:

- Caderno de traballo de Inglés: Inglés 1º ESO. Build up 1 (workbook). Ed. Burlington Books. ISBN: 978-9963-47-991-7

2º ESO

3º ESO

4º ESO

1º BACH

2º BACH

* En breve informarase sobre 1º ESO (aprobado o libro dixital).

 
Distribuir contido


by Dr. Radut