Skip to Content

Falemos de ti e min a través da BD e despedida dos Clubs de Lectura da Biblioteca

O Proxecto Falemos de ti e min tamén se concretou nun club de lectura de banda deseñada, Marcando a Diferenza, que dende o mes de outubro reuniu alumnado de diferentes cursos ao redor de obras que abordaron temáticas como a diversidade funcional, a diversidade de orientación sexual, a inmigración, as inxustizas, a guerra, a demencia senil, etc. As lecturas destes cómics achegaron vivencias e emocións doutras vidas que en moitas ocasións transitan de modo case invisible ao noso carón e que provocaron un grande impacto nun alumnado que, coas súas reflexións, converteu este club de lectura nunha experiencia moi enriquecedora. Podedes seguir o seu percorrido ao longo do curso nesta entrada do blog do proxecto.

Así mesmo, ao tempo que se despedía Marcando a Diferenza, os clubs de lectura de BD de 1º e 2º da ESO chegaron tamén á fin do curso coa lectura de Dad, de Nob, e Valiente, de Svetlana Chmakova, respectivamente. E fixérono cunha fermosa acción simbólica que recolle moi ben o espírito das lecturas deste ano: levantando muros "contra contra as desigualdades, contra as inxustizas, contra o acoso, o machismo, o racismo e todas esas actitudes que non queremos no centro".

Por último, o Equipo da Biblioteca quere agradecerlles ás bibliotecas escolares do IES de Poio, do IES Porto do Son e do CPI San Vicente A Baña o préstamo de exemplares dalgunhas obras de lectura dos diferentes clubs e proxectos do centro, xa que a optimización destes recursos públicos facilitou moito esta campaña de animación á lectura no noso centro.

Obradoiros de teatro-foro: PRO-MULLER

O venres 24 de maio o alumnado de 1º de Bacharelato participou nos obradoiros de teatro-foro do programa PROMULLER da fundación Matrix.

Mediante dinámicas teatrais e representacións simbólicas ensaiáronse accións, e posibles solucións, que facilitan a toma de conciencia na implicación social nos casos de violencia contra as mulleres.

Noelia e Jose, conferenciantes e actores da fundación, representaron unha escena de teatro invisible e dous monólogos sobre a violencia de xénero, que posteriormente se analizaron en gran grupo.

O alumnado converteuse en espectActor, propoñendo diversas escenas que representaron eles mesmos para a súa posterior análise.

Rastrexo Vasquida García: meigas, herbas e Inquisición

Durante meses, o alumnado de bacharelato estivo preparando unha preciosa actividade que puxo en escena o 16 de maio para os seus compañeiros e compañeiras de 3º e 4º de ESO: un rastrexo sobre a vida de Vasquida García polo monte e arredores da praia da Xunqueira.

Vasquida García foi unha muller do século XVI condenada por bruxería pola Inquisición con 100 azoutes e a expropiación das súas terras. O noso alumnado quixo contar a súa verdadeira historia, a dunha muller menciñeira coñecedora das dotes curativas das plantas que viviu fóra dos camiños marcados para as mulleres daquela época.

Recomendamos vivamente acceder a esta entrada do blog do Proxecto Falemos para coñecer como se desenvolveu esta iniciativa ao longo de boa parte deste curso e como decorreu unha xornada cuxos protagonistas, organizadores/as e participantes, gardarán xa para sempre na súa memoria.

Literatura, música e muller na véspera do Día das Letras Galegas

O pasado xoves 16 de maio o alumnado de 1º da ESO puido asistir a unha dupla actuación no ximnasio do IES. Por unha banda, os diferentes grupos de 2º ESO realizaron unhas actuacións musicais e de baile, mentres que, por outra banda, o alumnado de 4º da ESO impresionou os seus compañeiros e compañeiras cunhas preciosas escenificacións de poemas realizados por autores e autoras coñecidas.

Para coñecer polo miúdo estas dúas actividades convidámosvos a entrar no blogue do proxecto Falemos de ti e de min, onde teredes cumprida información do desenvolvemento destes traballos, acceso ás letras compostas polo alumnado, imaxes e outros materiais que dan boa conta do grande labor realizado polos rapaces e rapazas destes cursos e o seu profesorado.

O IES de Soutomaior pechou unha semana dedicada ás Letras Galegas, nova no dixital Galicia Sur (23-05-2019).

Un xogo de investigación para reinvindicar o papel das mulleres na nosa historia colectiva

Que si, que si, que non é brincadeira! O noso instituto recibiu o pasado xoves 16 de maio a visita de nada máis e nada menos que María Pita, María Balteira, Isabel Barreto, Maruja Mallo, Sofía Casanova, Manuela e Aurora Liste, as irmás Touza, Elisa e Marcela, As Marías, María Vinyals, Concepción Arenal e Pepa A Loba. Mulleres pioneiras que axudaron a escribir a mellor historia de Galicia coa súa traxectoria e o seu exemplo en diversos campos e que forman parte xa da memoria do alumnado que participou o xoves 16 de maio no xogo de investigación Mulleres na Historia de Galicia.

En concreto, foi o alumnado de 4º da ESO Académicas quen preparou esta actividade para os rapaces e rapazas de 1º ESO. E non só a investigou e organizou previamente nin só supervisou a xornada, senón que se transformou naquelas grandes mulleres nunha marabillosa caracterización que será difícil de esquecer. 

A explicación e unha selección de fotografías da actividade están dispoñibles nesta crónica do blog do Proxecto Falemos, así como neste Álbum de Imaxes.

Brincamos e enredamos cos xogos populares construídos polo alumnado de 4º ESO

Na véspera do Día das Letras Galegas, o alumnado de 1º ESO gozou dunha xornada de xogos populares baixo a guía do alumnado de 4º ESO, que deseñou e construíu os seus propios xogos dende comezos de curso. Os birlos, a viradeira, o labirinto, o pináculo, as flaneiras... tomaron o patio e fixeron pasar uns momentos moi divertidos aos máis pequenos e pequenas do centro.

Tedes máis información e máis imaxes sobre esta actividade e da xornada nesta entrada do blog do Proxecto Falemos e mais nesta galería de fotografías.

Acto de entrega do XII Certame Verbas para Comunicar

Fonte da imaxe: Roi / Concello de Soutomaior.

O mércores 15 de maio tivo lugar no pavillón o acto de entrega (Galería de imaxes) dunha nova edición do Certame Verbas Comunicar, que convoca o Concello de Soutomaior con motivo do Día das Letras Galegas e que "pretende favorecer a participación da mocidade na creación de textos orixinais co obxectivo de normalizar e fomentar o uso da lingua galega entre este colectivo, fóra de contextos formais e rompendo posibles estereotipos", en palabras do alcalde Agustín Reguera, que entregou os premios xunto coa Concelleira de Educación, Fátima Vidal.

Participaron máis de 400 estudantes do noso IES e mais do Colexio Santiago Apóstolo nas súas dúas modalidades, texto e audiovisual, unha categoría que comeza a asentarse e a ofrecer uns traballos moi interesantes e creativos. Para o xurado foi ben difícil unha vez máis seleccionar os traballos premiados, o que dá boa conta da calidade destas "verbas" que expresan, denuncian, senten, xogan, ensinan, reinvindican, fantasean... en lingua galega.

Esta é a resolución do xurado en relación ao IES de Soutomaior:

Texto - Categoría A (12-14 anos)

  • 2º premio: Cómic, de Sabela Magariños (1º ESO A).
  • 4º premio: Morrendo na marea, de Clara Bernárdez (1º ESO B).

Texto - Categoría B (15-18 anos)

  • 2º premio: Estrela polar, de Laura Orge (1º BAC B).
  • 4º premio: Odio, de Marta Reguera (1º BAC B).

Audiovisual - Categoría A  (12-14 anos). Individual

Audiovisual - Categoría A  (12-14 anos). Grupal

  • 1º premio: A nosa lingua (Lucía Castrillo e Marta Bernárdez).
  • Accésit: Non ao racismo  (Ilyas Zitoun El Ouararii, Fiz Garrido Escudero, David Cernadas Montero).

Audiovisual - Categoría B (15-18 anos). Grupal

  • 1º premio: Mashica (Rime el Bahi, Yasmin Aboufaris e Ania Amoedo).
  • 3º premio: Denunciar é salvar (David Alján, Martín Otero e Andrés González).

Galería de Imaxes: as primeiras 22 fotografías son da autoría de Roi para o Concello.

"Soutomaior premia os seus novos escritores", nova no Faro de Vigo (15-05-2019).

A Panadaría e Mercedes Peón, dúas citas coa cultura galega máis transgresora e aclamada da actualidade

O martes 14 de maio o Proxecto Falemos de ti e min fixo posible que o alumnado do noso IES coñecese de preto dúas das propostas artísticas máis innovadoras, recoñecidas e internacionais da cultura galega actual. Dúas propostas que falan dunha cultura moderna, ecléctica, viva e rompedora, transmisoras ademais dunha mensaxe de compromiso coa igualdade, a diversidade sexual, a lingua e a tradición, principios nucleares deste proxecto integrado que se desenvolveu nos últimos meses no noso centro.

Pola mañá, o alumnado de 4º da ESO e de 1º de BAC desprazouse á Casa da Cultura Regina Míguez Doval para deleitarse coa representación da multipremiada obra de teatro Elisa e Marcela, realizada a cargo da compañía A Panadaría. Ao remate do acto, abriuse unha interesante sesión de coloquio coas actrices. Con elas puidemos coñecer con maior profundidade as persoas que forman A Panadaría. Tamén tivemos ocasión de intercambiar impresións sobre a obra representada e os valores que se transmiten.

Xa pola tarde, tivemos a visita de Mercedes Peón no noso centro. Baixo a presentación das alumnas Xiana, Cecilia e Judith, o alumnado de 1º de BAC puido recibir unha auténtica lección maxistral dunha das artistas máis importantes e recoñecidas do panorama musical galego actual. A sesión comezou cunha breve exposición realizada polas presentadoras, quen repasaron a traxectoria de Mercedes Peón. Logo, abriuse unha entrevista que rematou nun cómodo diálogo entre a artista e o público, quen puido coñecela de primeira man.

As crónicas e os álbums fotográficos destas dúas actividades están dispoñibles no blogue do Proxecto Falemos e na galería de imaxes da nosa páxina web:

Proxecto Falemos: exposicións e instalacións artísticas

Maruxa Mallo

Na mañá do luns 13 as exposicións e instalacións artísticas vinculadas ao Proxecto Falemos de ti e min tomaron os corredores e os espazos comúns do instituto para saír ao encontro da comunidade educativa e mostrar o resultado do traballo desenvolvido ao longo destes meses en diferentes cursos e materias.

Na páxina web de Falemos podedes achegarvos a estes proxectos cooperativos e transversais que, máis alá do carácter temporal do Programa da Semana das Letras Galegas, quedarán expostos de maneira permanente en versión dixital, impresa ou nas propias paredes do centro como fonte de coñecemento e futuras iniciativas e como mostra do bo facer investigador e artístico do alumnado e o profesorado participante. Moitos parabéns a todos/as eles/elas!

Distribuir contido


by Dr. Radut