Skip to Content

Procedemento de admisión de alumnado para o curso 2019-2020

Resultado de imagen de aviso

Ábrese o plazo de admisión de alumnado para o curso 2019-2020.

Este proceso só afecta ao alumnado que queira cambiar de centro.

Máis información no seguinte adxunto: proceso admisión

Libre o noso pensamento! Día de Rosalía (24F)

A revista dixital do IES dá conta da celebración do Día de Rosalía de Castro no noso centro cunha fermosa montaxe fotográfica e audiovisual. Dende aquí queremos darlle os nosos parabéns pola iniciativa ao equipo coordinador do Proxecto Falemos, ao EDLG, á Comisión de Igualdade, á Biblioteca e á Dirección e recomendamos vivamente a lectura dos traballos do alumnado no blog mencionado e o desenvolvemento do Proxecto Falemos, un proxecto interdisciplinar que traballa a cultura galega dende unha perspectiva integradora.

Unha das actividades programadas polo Proxecto Falemos é conmemorar o Día de Rosalía de Castro, que se celebra cada 24 de febreiro. Posto que este ano cadra en domingo, celebrámolo o luns 25 de febreiro. Fixemos un Photocall e escribimos versos nos cristais das portas de entrada ao centro. Aproveitamos esta celebración para escoller e dar a coñecer, de entre os versos da autora, aqueles que reivindiquen a figura da muller e fagan denuncia das inxustizas. Os preparativos deste acto comezaron uns días antes coa axuda do alumnado da Comisión de Igualdade, a quen queremos agradecer o seu traballo e dedicación.

Desenvolvemento do Proxecto Roma

01  

O Proxecto Roma estase a desenvolver durante estas semanas como anticipo da nosa viaxe de fin de etapa, que se realizará a finais do mes de marzo.

O alumnado participante no proxecto rematou xa o obradoiro de mosaicos, así como tamén as actividades do club de lectura e cinema, co visionado de A Roma con amor de Woody Allen e a lectura de O armiño dorme de Neira Cruz. Nestes momentos, estamos inmersos na preparación da nosa guía de viaxe, na análise das obras artísticas máis relevantes de Roma e Florencia e tamén na elaboración do glosario de terminoloxía relacionada coa a Antiga Roma, que nos permitirá comprender a visita guiada ao Coliseo e ao Foro Romano.

Seguimos traballando durante estas últimas dúas semanas. Lembrade que as próximas sesións fóra do horario lectivo celebraránse os xoves 28 de febreiro e 7 de marzo, de 15:00 a 17:00. 

Para ter máis información e ver as imaxes do proxecto, podedes acceder á galería ou ao blog da biblioteca, que funciona como caderno de bitácora da actividade.

As linguas clásicas e a terminoloxía científica

O pasado día 22 de febreiro a profesora de grego da USC M.ª Teresa Amado achegouse ata o noso centro para impartir unha conferencia sobre a influencia do grego clásico na terminoloxía científica ao alumnado de Cultura Clásica (3ºA, B e C) e Latín (4ºA e B e 1º Bach B).

A docente comezou a súa exposición falando de Sócrates, a súa sabiduría, e a creación das matemáticas na illa de Mileto da man de Tales despois dunha viaxe a Exipto. A charla continuou cunha análise da etimoloxía de varios termos e a explicación do seu nome mediante a tradución dos seus lexemas en grego, como “esternocleidomastoideo”, que fai referencia a tódolos músculos que conecta. Despois disto, a conferencia deu remate coa relación entre as diferentes características dos planetas do sistema solar e os deuses que lle dan nome.

Aproveitando a visita desta especialista, Marta Mosquera, profesora das materias do Departamento de Linguas Clásicas no noso IES, promoveu durante toda esa semana unha actividade de iniciación do alfabeto grego, na que os alumnos e as alumnas se mostraron moi participativos. Isto fixo que o venres a maioría dos escolares estiveran moi motivados na charla e se animaran a facer algunhas preguntas. Ao rematar, M.ª Teresa Amado foi obsequiada cun fermoso bolígrafo e mais un centro de flores e asinou no noso libro oficial de visitas.

David Alján (4º ESO B)

Onte puidemos gozar dunha magnifica e marabillosa charla sobre as ciencias na antigüedade e  como repercuten na actualidade, a etimoloxía das palabras... por Teresa Amado, unha catedrática en filoloxía grega. A charla foi entretida porque M.ª Teresa Amado nos explicou a procedencia das palabras cun exemplo que me gustou moito: "desde que nacemos xa sabemos latín, desde que somos un embrión, brote en latín, neste caso de vida, ata que nos imos ao cemiterio, que en latín sería o dormitorio de mortos".

Comentounos tamén as cusas polas que Grecia foi o berce da medicina, a ciencia e a filosofía. Sorprendeunos dicindo que a diferenza dos babilonios e dos exipcios, os gregos accedían todos á escritura, xa que a súa linguaxe era sinxela (24 signos), mentres que para os outros pobos era máis complicado e só accedian uns cantos á escrita. Tamén influíu o tipo de sociedade que tiñan: os babilonios e os exipcios presentan unha sociedade moi estamental; en cambio os gregos eran máis liberais no marco dunha sociedade estamental.

Respecto á lingua, Teresa Amado lembrounos que case todas as palabras ou case todas proveñne do latín ou do grego antigo, unha lingua con grande vantaxe sobre outras linguas clásicas porque era máis preciso e presentaba unha grande facilidade para crear palabras relacionando conceptos e construír palabras con catro grafías dunha parte e catro doutra. No campo da medicina, os gregos non se complicaban, é dicir, formaban a palabra describíndoa e a asemellaban a outros conceptos.

Na miña opinión, e e podo dicir que tamén na da clase, a charla foi interesante e agradable, a relatora mostrou de modo ameno estes temas, que fai atractivos de modo lúdico e intelixente.

Álvaro Domínguez (3º ESO C)

Esta charla ensinoume moito sobre o o grego e a ciencia, debido a que este último necesita do outro para poder nomear o mundo que nos rodea, cousa bastante curiosa tendo en conta como ás veces desprezamos esta lingua supostamente morta. A charla foi amena e interesante, xa que non fai falla ir a palabras moi técnicas para nos decatar de que o grego vive escondido entre nós.

Laura Orge (1º BACH B)

Visita a Nefab

O pasado 26 de febreiro os rapaces e rapazas de 2º da ESO visitaron Nefab, factoria de Pontecaldelas destinada á fabricación de taboleiros de contrachapado. Durante a visita puideron ver todo o proceso produtivo, desde a chegada da madeira á planta ata o produto final. Tamén puidemos observar como a empresa aproveita todos os refugallos producidos no seu proceso produtivo, tanto para a súa venda a outras empresas do sector como coma combustible dos seus propios secadeiros, o que a fai así unha empresa rendible medioambientalmente.

O Proxecto Roma dá comezo na biblioteca

No día de hoxe demos comezo ao Proxecto Roma cun obradoiro de mosaicos. Con taboleiros de madeira, cola e goma eva, o alumnado participante traballou a reo para comprender a técnica empregada en moitos dos monumentos que visitaremos durante a excursión. O resultado: mosaicos de inspiración romana e moi bo ambiente de traballo. Vémonos a próxima semana (martes, de 15:00 a 16:30) e xoves (de 15:00 a 17:00). 
 
 
Para ver máis imaxes do obradoiro premede aquí.
 

Visita aos campus da USC do alumnado de 1º de Bacharelato

As alumnas e alumnos de 1º de Bacharelato visitaron o martes 12 de febreiro os campus da Universidade de Santiago de Compostela e o Pórtico da Gloria, na Catedral de Santiago.

A visita durou toda a xornada.  

Na sesión de mañán distribuíronse por grupos, dependendo dos seus intereses académicos, e tras unirse a outros futuros estudantes da USC nas residencias do “Burgo das Nacións” e o “Monte da Condesa”, visitaron as distintas facultades:

Percorridos:

 Filoloxía e Ciencias da Comunicación

 Ciencias Económicas e Empresariais

 Ciencias da Educación (Mestres) e Traballo Social

 Medicina e Enfermaría

 Odontoloxía e Enfermaría

 Xeografía e Historia e Filosofía

 Dereito, Relacións Laborais e Ciencias Políticas e Sociais

 Química e Enxeñaría Química

 Bioloxía e Farmacia

 Enxeñaría Informática e Matemáticas

 Física e Matemáticas

 Física e Química

 Óptica e Optometría

 Psicoloxía e Ciencias da Educación

Tras o  xantar no comedor universitario do “Monte da Condesa”, ás 16:00, na sesión de tarde, visitaron o “Pórtico da Gloria”, obra cume do Maestro Mateo, recuperada tras máis de 50.000 horas de traballo dos equipos de restauración, e acompañados por unha guía, descubriron os segredos dos policromados da obra.

Coñecendo os minerais e as rochas

Minerais

Este martes 12 de febreiro, así como o alumnado de 2º ESO B participaba nun Obradoiro de Electromagnetismo, os alumnos e alumnas de 1º ESO asistimos a unha exposición de minerais na Sala de Usos Múltiples do instituto. A actividade foi organizada polo Departamento de Bioloxía e o Concello de Soutomaior dentro do programa da I Semana da Ciencia.

O primeiro que fixemos foi dividirnos en dous grupos: un con Suso e o outro con Adrián. A exposición estaba moi ben preparada, con moitos minerais e rochas para ver. Ambos grupos puidemos observar diversos minerais e rochas e mesmo comprobar algunha das súas propiedades como que a pedra pómez ou pumita é moi lixeira e frota na auga, aínda que ten a mesma densidade ca ela. Tamén observamos como brillaba unha pedra radioactiva de maneira fluorescente ao pasarlle un láser por riba. Outra cousa ben estraña é que había unha perla na cuncha dunha vieira e o experto explicounos como saía a perla, pero dixo que era unha ostra.

Ao final quedamos con gañas de tocar as rochas e algúns alumnos e alumnas desexábamos probar a halita, a rocha de onde se extrae o sal común, a ver se sabía salgada.

Sabela Magariños Pereira (1º ESO A)

Para ver as fotografías do Obradoiro premede aquí.

Os experimentos científicos soreprenden os escolares. Noticia no Faro de Vigo (13-02-2019)

A escritora Carmen Quinteiro visitou o noso club de poesía

quinteiro

O pasado martes día 5 de febreiro, Carmen Quinteiro, autora de Caleidoscopio, fíxonos unha visita moi agradable para compartir con nós a posta en común da obra. Na lectura deste libro marabilloso podemos atopar unha combinación perfecta entre microrrelatos e poesía e fainos reflexionar en cada unha das súas páxinas.

Carmen foi en todo momento moi cercana a nós e no encontro falamos sobre o significado dalgúns dos seus textos, sobre todo daqueles que nos custara máis entender ou que provocaran máis dúbidas e interpretacións.

Cando ela lía os poemas e microrrelatos era como se chegasen doutra forma a nós, como se nos transportara a outros textos. O que máis me impactou foi “La amenaza”, a súa lectura é complexa, pero fixome pensar.

La amenaza

Con el pijama puesto y a la luz de la linterna, Javi pasa revista: de frente, sobre la alfombra de la puerta de la entrada, ha colocado el coche negro de policía; ante la puerta del baño, ha dejado el barco pirata; entre la puerta de la cocina y la del salón ha sentado al tigre de peluche y haciendo guardia en la puerta de la habitación de su madre, ha alineado el avión de combate, el jefe indio con toda la tribu, el tiranosaurio rex y el muñeco de la capa azul con superpoderes. 

Por si vuelve.

Paula Canosa (4º ESO A)

 Imaxes do Encontro con Carmen Quinteiro.

Excursión de 3º ESO a Manzaneda

neve

Entre os días 6 e 8 de febreiro, o alumnado de 3º de ESO participou na excursión a Manzaneda, organizada polo Departamento de Educación Física co obxectivo de achegarse aos deportes de inverno e realizar unha convivencia que redundase na cohesión do grupo.

Así, un total de 39 rapaces e rapazas gozaron da neve, moitos deles por vez primeira, polo que non puideron resistir a tentación de iniciar a súa estadía na estación con batallas improvisadas de bolas de neve e xogando cos trineos de pala. Xa cos monitores especialistas, puideron escoller entre o esquí e o snowboard, conseguindo con éxito o certificado de nivel D ao finalizar o curso. Podedes ver todas as imaxes na nosa galería.

Distribuir contido


by Dr. Radut