Prohíbese o uso de teléfonos móbiles e outros dispositivos electrónicos como mecanismo de comunicación durante os períodos lectivos

O DECRETO 8/2015, do 8 de xaneiro, polo que se desenvolve a Lei 4/2011, do 30 de xuño, de convivencia e participación da comunidade educativa en materia de convivencia escolar no punto 4 do artigo 19 sobre Normas de convivencia di “Así mesmo, prohíbese o uso de teléfonos móbiles e outros dispositivos electrónicos como mecanismo de comunicación durante os períodos lectivos. Excepcionalmente, os centros poderán establecer normas para a correcta utilización como ferramenta pedagóxica”

PAUTAS DO USO DO MÓBIL/DISPOSITIVOS ELECTRÓNICOS:

No IES Pazo da Mercé recomendamos a todo o alumnado a asistencia ó centro escolar sen móbil (o centro ten teléfonos a disposición do alumnado en todo momento, para os casos de emerxencia que o precisen. Só teñen que acudir á dirección ou conserxería para poñerse en contacto coa súa familia. Tamén a familia do alumnado, pode chamar en calquera momento ó centro para localizar o seu fillo/a en caso de necesidade)

Debido ó uso indiscriminado que se fai do móbil: o alumnado perde a concentración durante as explicacións, non se relaciona cos compañeiros no recreo, teñen baixo rendemento, hai problemas de convivencia e lembramos tamén que pode provocar casos de adicción.

Se pese a recomendación da asistencia ó centro escolar sen móbil o alumnado decide traelo, na aula e en todo o recinto escolar (tamén durante o recreo) o móbil estará sempre gardado e en silencio, así como fora da vista, salvo solicitude expresa do profesorado.

CONSECUENCIAS DO USO INCORRECTO DO USO DO MÓBIL/DISPOSITIVOS ELECTRÓNICOS:
O profesorado poderá requisar o móbil/dispositivo electrónico ó alumnado se non segue as normas do seu uso.

O dispositivo quedará en custodia en conserxería (previa entrega ó propietario da batería e/ou SIM se así o solicitase o alumnado) nunha bolsa plástica co nome.

O uso indebido do móbil xerará as correccións disciplinarias que correspondan.

Para recuperar o móbil se o alumnado é menor de idade serán os pais/titores legais os que teñan que pasar polo centro escolar a recollelo á hora de saída do centro, se o alumnado é maior de idade poderá recollelo él mesmo á hora de saída do centro.

En caso de que o alumnado se negue a entregarlle o dispositivo electrónico ó profesorado no caso de uso incorrecto, o equipo directivo procederá a facer os trámites para a expulsión do alumnado do centro durante un día lectivo, previa notificación a súa familia.

En ningún caso o instituto se responsabiliza da perda ou roubo de calquera aparato ou obxecto que non sexa preciso para o proceso de aprendizaxe do alumnado, correspondendo ó alumnado a súa garda e custodia.

Profesorado, alumnado e familias están informados/as destas normas.