Skip to Content

UN SALTO ADIANTE: PORTUGAL 2019

Despois de moita dedicación para que saíse da mellor maneira posible, fixo acto de presenza a realidade mesma, o día marcado para comprobar que os desexos se ven efectivamente plasmados e se cumpren: un luns, 27 de maio, radiante de sol e ledicias, no que case 200 persoas, entre alumnado e profesorado, nos unimos por unha causa común tan importante e de tanta potencia a todos os niveis (educativo, cultural, económico, social...) como é a lingua portuguesa, o seu estudo e valorización. Temos o privilexio de estarmos nun contexto que presenta as mellores condicións para todo isto, o asunto é saber e querer aproveitalas en beneficio do noso estudantado.

Despois de xuntármonos todas e todos en Melgaço, tivemos unha xenerosa recepción por parte da directora e profesorado do Agrupamento de Escolas desa vila veciña dentro do recinto educativo. Os momentos gratos que compartimos serviunos para comentar varios aspectos da iniciativa e quedarmos en potenciala de cara á vindeira edición. Realmente todas e todos quedamos con moita satisfacción en relación co avance – moi grande- con respecto aos dous cursos anteriores. Supuxo un salto adiante evidente tanto cuantitativo como cualitativo. Pénsese en que confluimos cinco centros educativos de distintas partes de Galicia (As Neves, Tui, Vigo, Rianxo), con todo o que iso supón en organización e dinámicas previas, o cal resulta unha base con gran fortaleza para desenvolverse máis e profundizar nas interrelacións entre participantes.

A xornada, polo demais, contando coa fortuna dun día esplendoroso, serviunos para gozarmos dos encantos da paisaxe de Lamas de Mouro e a Peneda. Unha sorte, ademais, a de deixarnos levar por guías que non aforraron explicacións medioambientais e históricas. Logo a convivencia entre todo o alumnado e profesorado, o intercambio de ideas e propostas...en fin, unha marabilla. Agardemos que se repita!

Parabéns a todas e todos!

 



page | by Dr. Radut