Skip to Content

II Xornadas "Abril de Historia"

O noso instituto vai acoller as II XORNADAS “ABRIL DE HISTORIA”. Damos continuidade, deste xeito, a un programa educativo-cultural xa iniciado o curso pasado e que resultou de gran éxito, tanto pola calidade das conferencias como polo interese e asistencia de público. Se na edición anterior a temática foi a Prehistoria e a Historia Antiga, con especial referencia aos achádegos e traballos en Porto Maior, os petróglifos de Taboexa ou a cultura castrexa (por exemplo o castro de Altamira) e a romanización, na do presente curso teremos a sorte de contar entre nós con tres persoas moi coñecedoras dos periodos históricos que imos tratar:

- O 3 de abril, mércores, ás 12 da mañá estará no Instituto o profesor Anselmo López Carreira, un dos maiores especialistas na historia medieval de Galicia. El disertará sobre “Inés de Castro, entre Galicia e Portugal”.

- O luns 8 de abril, ás 17 h., será Lucía García Gil, coordinadora deste ciclo, exalumna do Instituto e coa carreira de Historia, que nos falará sobre As Neves na etapa moderna.

- E rematará o luns 29 de abril, tamén ás 17 horas, o historiador Quico Paz Antón, que nos falará sobre a etapa contemporánea.

Estas Xornadas de “Abril de Historia”, coas que se pretende dar a coñecer a nosa historia, e en concreto o pasado máis próximo á nosa contorna, están organizadas polo Concello das Neves e o propio Instituto, e contan coa colaboración da ANPA do IES Pazo da Mercé.

Ademais do profesorado e alumnado correspondente a cada unha das charlas, a asistencia é aberta ao público en xeral, ata completar aforo.

 

 



page | by Dr. Radut