Skip to Content

O Profesor Carracedo no noso Instituto: INOLVIDABLE

O pasado martes 22 de xaneiro tivemos o luxo de escoitarmos ao profesor Anxo Carracedo. Este galego de Santa Comba é un dos grandes científicos do noso tempo. A súa paixón, xunto co mar, é a xenética. O seu humanismo e carácter afable, a emoción con que transmite o seu saber, a súa sinxeleza, a súa sensibilidade prenderon de seguida no auditorio que o escoitaba. Admiramos as súas palabras.Agasallounos durante máis dunha hora cos seus coñecementos e as súas vivencias. Servíndolle de pretexto unha charla co título de “pescando xenes”, falounos dos seus soños e esforzos: os desexos de ser fareiro, a pesca, os estudos en Suecia, as constantes viaxes por todo o mundo, moitas peripecias. Contounos das súas investigacións e persoas ás que dirixe en varios grupos de traballo, nacionais e internacionais. Animou a todas e todos á esperanza, aos desexos que cadaquén se marque, fronte a un criticable sistema educativo como o actual. Foi un tempo maravilloso dunha persoa excepcional que lembraremos sempre.

A nosa gratitude máis sentida e profunda ao profesor Carracedo.

Por facermos un breve resumo do seu inmenso curriculum, podemos destacar:

-Licenciado e Doutor en Medicina pola Universidade de Santiago, con premio extraordinario. Director da fundación Pública Galega de Medicina Xenómica , na que é un dos grandes expertos internacionais . Catedrático de Medicina Legal e director do Instituto de Medicina Legal. Director do Centro Nacional de Xenotipado. Membro do CIBER de enfermedades raras (CIBERER). Dirixe moitas entidades e coordina a moitas persoas, médicos, matemáticos, biinformáticos, químicos, físicos, de varios países, homes e mulleres que están a traballar dende a interdisciplinariedade en diversas liñas de investigación. Coordina varias plataformas tecnolóxicas. Os seus traballos son pioneiros en ámbitos como a farmacoxenética, a xenética forense, a xenética comparada e de poboacións humanas, a antropoloxía molecular, as enfermedades psiquiátricas, cancro…

 -Foi elixido en Fukuoka (Xapón) Presidente da Academia Internacional de Medicina Legal. Tamén se poderían citar outras asociación, nacionais e internacionais.

 -Conta con múltiples publicacións (libros e artigos) sobre as citadas liñas de investigación, acollendo as revistas máis prestixiosas (Nature, Science, Nature Genetics, American Journal of Human Genetics…) moitos dos seus centos de traballos.

 -Editor da revista “Forensic Science International: Genetics” e membro do consello editorial de varias revistas internacionais de xenética e medicina forense.

 -Dirección de Teses Doutorais (todas coa máxima cualificación e moitas delas con Premio Extraordinario)

 - Doutor Honoris causa por varias universidades

 -Conta cos máis meritorios galardóns e premios institucionais e científicos: Medalla Castelao, Medalla de Ouro de Galicia, Premi Jaume I d´Investigació Mèdica, Premio Galien, Premio Nacional de Xenética…

 



page | by Dr. Radut