Skip to Content

Acto co alumnado de 2° BACH, 2°CM E 2° FPB

Nun fermoso acto celebrado o luns 18 de xuño, o salón de Usos Múltiples encheuse de emoción e ledicia. Xunto con profes e familias, o alumnado de 2° bach, 2° CM e 2° FPB xuntabámonos nun marabilloso encontro onde se aliaban a grata conclusión dunha etapa educativa e os retos de futuro. Tanto o director como quen levaron a cabo as distintas titorías destes grupos fixeron explícito o recoñecemento do traballo ben feito deste alumnado, dándolles os merecidos parabéns e animándoos a que afronten un porvir con esperanza e plans. Que sexan os protagonistas das súas decisións e os artífices dos seus horizontes vitais. Aprendemos sempre, e sempre podemos achegar en beneficio da sociedade todo aquilo que nos fai mellores persoas: a solidariedade, a colaboración, a participación.

Tamén foron superfermosas e cheas de sentimento as palabras que dirixiron ao auditorio os/as representantes deste alumnado. Lembranzas, anécdotas, vivencias, inundaron nas distintas intervencións o espazo da sala, sempre con agarimo, agradecemento e satisfacción.

Todo este alumnado foi agasallado cunha fotografía enmarcada do seu grupo, un documento/papiro personalizado cun texto elaborado ex professo polo escritor Manuel Lourenzo González (a quen lle agradecemos moitisimo esta preciosidade literaria), o derradeiro número- o terceiro- deste curso da revista Serodio (unha edición extraordinaria con portada en cor) e, como regalo do Concello das Neves, cuxo Alcalde nos honrou coa súa presenza, cadanseu exemplar dun impactante libro de fotografías e textos sobre os lumes.

O acto rematou compartindo todas e todos un refrixerio. Certamente, a temperatura do día e das emocións merecíao. A isto se uniron apertas, bicos, fotos, e un clima fascinante de compañeirismo e beleza inolvidábel.

Sorte no camiño que ides percorrer! Non foi este un adeus, foi un ata sempre! Saúde e dignidade!

 

 

 

 

 



page | by Dr. Radut