Skip to Content

CONCLÚEN AS XORNADAS “ABRIL DE HISTORIA DAS NEVES”

Con grande éxito remataron este luns 7 de maio as Primeiras Xornadas de “Abril de Historia das Neves”. Concluíron, cun salón de actos de Usos Múltiples repleto de público (alumnado, profes, familias, veciñas e veciños), coa conferencia do arqueólogo e historiador Xosé Lois Vilar sobre os petróglifos da Coutada en Taboexa. Foi unha charla moi entretida e chea de interese na que, acompañada de fermosas imaxes, douse descrición e explicación da nosa arte rupestre en xeral, do seu valor, así como, en particular, da fermosura e importancia da  escena representada no achádego das Neves, a raíz dos lumes de fins do verán pasado. Unha escena de caza na que destacan as imaxes de équidos, cans e homes, fundamentalmente. Os trazos, características e conservación destes petróglifos fan que sexan un dos achádegos máis impactantes das últimas décadas no campo da arqueoloxía. Faise preciso poñelos en valor, dalos a coñecer e contribuír a que todas e todos sexamos conscientes da nosa propia historia. Un pobo con historia é un pobo con futuro! Coñezámola e apreciémola!
Anteriormente pasaron polo Instituto o arqueólogo Eduardo Méndez, quen nos falou do xacemento paleolítico de Porto Maior, e o tamén arqueólogo, antropólogo e historiador Francisco Calo Lourido, quen nos disertou sobre a época castrexa e a romanización.
Se atendemos aos comentarios da moita xente que asistiu, hai práctica unanimidade no eloxio polas Xornadas, polo nivel das mesmas, polos conferenciantes, polo atractivo dos temas. Pena que o tempo sexa limitado! Moitas persoas botaron en falta que non houbese máis minutos para seguir con cada conferencia. Tal foi o interese suscitado. De feito, na última, na de Xosé Lois Vilar, continuouse case media hora máis do previsto...
Polo tanto, non podemos máis que congratulármonos de todo isto. Agradecer o Concello e a Anpa a colaboración  neste suceso e felicitar ao alumnado asistente pola mostra do seu interese e atención mantidos. Parabéns que estendemos tamén ao profesorado implicado.
Que as Segundas Xornadas sexan, polo menos, tan óptimas!

 

 



page | by Dr. Radut