Skip to Content

"MULLERES EN ACCIÓN. VIOLENCIA ZERO" no noso Instituto.

O noso Instituto acolleu o pasado mércores 7 deste mes de febreiro un importante acto do programa "Mulleres en acción. Violencia Zero", deseñado pola Deputación de Pontevedra. Consistiu nunha "acción poética" titulada "Cofre de maquillaxe" a cargo de Olalla Cociña. Esta poeta e xornalista, con esta intervención, amosou claramente que a arte, neste caso a literatura e o audiovisual, é unha ferramenta de sensibilización e concienciación contra a violencia machista. Evidenciou o poder da poesía como berro de denuncia fronte a unha realidade dramática como é o feminicidio e o patriarcado. Cómpre concienciarnos  de que a loita contra o machismo en todas as súas manifestacións é unha base principal para a construcción dunha sociedade máis xusta e igualitaria. En relación con isto, lembramos que hai convocada a xornada reivindicativa de "Mulleres en Folga" para o 8 de marzo, Día Internacional da Muller Traballadora.

Agradecemos ao Concello das Neves que contasen co noso centro para a realización deste acto e á Deputación de Pontevedra, a través do seu Servizo de Igualdade, esta colaboración. Tamén tivemos a ledicia de contarmos, entre as persoas asistentes, xunto ao alumnado e profesorado, a representantes de ambas institucións, coa presenza do alcalde, Xosé Manuel Rodríguez Méndez, e da presidenta do organismo provincial, Carmela Silva.

 



page | by Dr. Radut