Skip to Content

Resumo das actividades do departamento de economía na 3a avaliación


O departamento de economía organizou varias actividades complementarias durante a terceira avaliación, todas elas ao abeiro dos programas educativos do plan eduemprende.

O 30 de marzo, no Pazo Provincial da deputación de Pontevedra, tivo lugar e entrega dos premios Demo-Day, aos proxectos presentados a través do proxecto educativo Depoemprende. Polo IES Pazo da Mercé acudiron a defender o seu proxecto empresarial “Itavia”, Nadine Alén, Isaac Patiño e Joel Pita. O seu proxecto consistía en reducir a fenda dixital que sufren os maiores, a través de clases de alfabetización dixital por toda Galicia. Desafortunadamente non obtiveron o único premio que se outorgaba na súa categoría, pero aprenderon da experiencia única de poder mostrar un proxecto diante dun auditorio.

Posteriormente, a finais de marzo tivemos a visita ao centro de Verónica Rodríguez Ruzo socia fundadora da consultora Promove. Verónica acudiu dentro do programa actúa, e estivo co alumnado de 1o dos ciclos formativos, tanto de medio coma de superior, dándolle consellos para realizar unha exitosa procura de emprego no futuro. A exposición de Verónica foi dinámica e moi participativa, cunha moi boa acollida dentro do alumnado.

No mes de abril recibimos no centro a Ramón Conde, director da oficina do Banco Santander de Ponteareas. Ramón acudiu ao centro dentro do programa Finanzas para mortais, que trata de acercar ao alumnado de 4o da ESO os conceptos relacionados coa economía persoal. Ramón deu a súa visión relacionada coa experiencia do seu traballo diario, e fixo especial fincapé nas estafas a través de internet.

Tamén en abril acudiu ao noso instituto, á aula de 1o de bacharelato Carlota Sánchez – Montaña, da fundación Abanca. Carlota era a relatora do programa Preparados para o salto, que trata de ofrecer ao alumnado unha visión acerca do salto futuro ao mercado laboral. Durante os 50 minutos que durou a presentación, Carlota mostrounos unha visión futura do mundo, para que o alumnado teña claro cara donde van as grandes tendencias en materia de emprego.

Por último, e dentro do programa edutecemprende, o alumnado do ciclo superior de desenvolvemento de aplicacións web realizou unha visita ao Centro de supercomputación de Galicia. (CESGA). Fernando Bouzas ensinoulles todos os rincóns do edificio, con especial atención ás entrañas do superordenador Finisterrae II.



page | by Dr. Radut