CONMEMORACIÓN DAS LETRAS GALEGAS

 

 

Este xoves, 16 de maio, o noso instituto celebrou o Día das Letras Galegas cun festival  no que se combinou poesía e música, dando a coñecer a figura e obra poética  da  autora homenaxeada este ano, Luisa Villalta . Este acto, que foi organizado entre o Departamento de Galego, Departamento de Música e o Equipo de Dinamización Lingüística,  contou con varias partes: 

  • Presentación da figura e obra de Luísa Villalta  por dous alumos (ESO e BACH)
  •  Presentación dos  catro mellores videopoemas de Luísa Villalta feitos polo noso alumnado.
  •  Entrega dos premios do I concurso de  videopoemas convocado este curso , promocionados polo Departamento de Galego e o Equipo de Normalización Lingüística. As gañadoras foron: Érika Fernández, Lara Meizoso e Sheila Bahamonde.
  • Actuacións musicais: 

O alumnado de 2º da ESO elaborou a letra e a música, sempre coa colaboración da súa profesora de música, dun rap no que se defende o uso da nosa lingua . A posta en escena foi levada a cabo por cinco alumnos de 2º e 3º de ESO.

O coro do profesorado do instituto  interpretou a peza” Lela”  de Os vellos non deben de namorarse.

Pechouse o acto  coa interpretación no escenario do himno galego  por alumnado de 3º de ESO, sendo acompañado polo resto de alumnado presente no salón de actos. .

Mentres non celebremos o próximo Día das Letras Galegas, leamos, escribamos e leamos en galego!!!

 

GRADUACIÓN DA PROMOCIÓN 2023-2024

 

O xoves, 16 de maio, tivo lugar no Alovi o acto de Graduación da promoción 2023-2024 do IES Moncho Valcarce. O devandito acto foi organizado pola ANPA Brixeo. Queremos felicitar a todas/os Graduadas/os e desexarlles moita sorte na nova etapa académica. PARABÉNS!!!

 

                
    

 

     

FESTIVAL DA FRANCOFONÍA

 

 

 

Un total de 51 alumnos de 3º e 4º ESO participaron nunha saída a Vilanova de Arousa (Pontevedra) o 6-7 de maio de 2024. Pernoctouse unha noite no pavillón multiusos desta localidade para asistir a celebración do festival da francofonía o martes 7 demaio de 2024.

O alumnado de  3º ESO interpretou o tema “demain ça ira” de smarty&toofan e 4º ESO interpretou o tema “vois sur ton chemin” remix.

 Outras actividades que se levaron a cabo foron un paseo pola ría de Arousa (visita a unha batea para coñecer este tipo de explotación) e a visita á casa museo de Valle-Inclán (O Cuadrante). Trátase dunha actividade interesante para o alumnado xa que fomenta o seu interese pola lingua e cultura francesas e que favorece a interacción entre varios centros educativos da comunidade. 

  

FINAL DA VII EDICIÓN DO CONCURSO DE VIDEOPOEMAS DE ROSALÍA E MANUEL MARÍA

 

Por primeira vez, o noso instituto participou  na VII EDICIÓN DO CONCURSO DE VIDEOPOEMAS sobre composicións poéticas de Rosalía e Manuel María, convocado pola Casa-Museo Manuel María. Aínda que eramos principiantes, o resultado non puido ser mellor porque o videopema “Cando a luniña aparece” de Rosalía de Castro, musicado por Lara Meizoso e interpretado por Érika Fernández, ambas alumnas de 1º de bacharelato, foi seleccionado como finalista entre máis de 50 traballos presentados por institutos de toda Galicia.  Dende aquí darlles a nosa noraboa e felicitalas polo excelente traballo que fixeron.

CHARLA DE ORIENTACIÓN ACADÉMICA. GRAO DE TERAPIA OCUPACIONAL.

 

O alumnado de 1º de Bacharelato participou na “ Proxecto de Orientación a estudantes e difusión do Grao en Terapia Ocupacional en Centros Educativos de Galicia”. Esta actividade de Innovación docente foi impartido por dúas estudantes da UDC que explicaron o plan de estudos e os proxectos que se desenvolven nos graos universitarios e presentaron un  Proxecto  de Innovación docente e aprendizaxe realizado por elas. Esta  actividade de orientación académico e profesional acerca ao noso alumnado aos estudos universitarios.

 

DIGITAL TRANSFORMATION OF EDUCATION IN LITHUANIA

 

Profesorado do IES MONCHO VALCARCE participou na experiencia do fluxo de mobilidade a Vilna (Lituania), en abril de 2024. Nesta actividade  as persoas participantes puideron coñecer de primeira man a realidade educativa lituana, profundar na competencia dixital docente, dos centros educativos e do alumnado así como en temáticas de interese para aplicar nas aulas como a inclusión, o liderazgo, a intelixencia artificial e a realidade virtual. Ademais, visitaron o centro educativo de primaria “Sietuvos” e de secundaria “S. Nėries gimnazija”. Neles realizaron observación docente entre iguais, obradoiros e participaron en charlas coas direccións sobre o sistema educativo lituano e a organización escolar. Podedes coñecer máis detalles e ver fotos nalgunha das publicacións das nosas redes sociais.

 

II CONCURSO ESCAPARATE LITERARIO. DÍA DO LIBRO

 

Con motivo do Día do Libro, os Departamentos de LCL e LGL realizan un concurso literario que pretende achegar a lectura a todos os membros da comunidade escolar.

O alumnado participante mostrou a súa creatividade a través dos escaparates literarios. Desexamos que o próximo curso sexan cada vez máis os que participen nesta iniciativa.

 

PERCORRIDO TRAMO DO CAMIÑO FRANCÉS DE SANTIAGO. ETAPA PALAS DE REI-MELIDE

 

 

 O pasado 29 de abril de 2024, organizado polo departamento de Relixión, o alumnado de Segundo de Educación Secundaria percorreu o tramo do Camiño Francés de Santiago comprendido entre as localidades de Palas de Rei e Melide. Durante unha soleada xornada puideron visitar a Igrexa románica de San Xulián do Campo, a Igrexa gótica de Santa María de Leboreiro, a ponte medieval e a Igrexa de San Xoán de Furelos. A nosa peregrinación rematou repoñendo forzas cunha comida na vila de Melide. O vindeiro ano, máis e mellor!!!

 

25 ABRIL: DÍA MUNDIAL DO ADN

 

Co motivo da celebración do Día Mundial do ADN (25ABR), o alumnado de 1ºBACH de Anatomía Aplicada realizou unha serie de investigacións breves sobre a orixe da vida e as principais figuras científicas relacionadas cos experimentos e teorías máis relevantes neste eido. Ademais, o alumnado de 4ºESO de Bioloxía e Xeoloxía colaborou coa construción de maquetas da célula eucariota e da molécula de ADN, nas que se poden apreciar os seus principais compoñentes. Para concluír a semana do ADN, realizaranse no Club de Ciencias extraccións do ADN dos amorodos e dos kiwis.

 

TÁBOA PERIÓDICA LITERARIA. DÍA DO LIBRO

 

O 24 de abril celébrase o Día do Libro, unha data que serve para achegarse aos distintos escritores e escritoras tanto do panorama nacional como do internacional. O noso alumnado realizou un proxecto interdisciplinar na materia de LCL e F&Q realizando unha táboa periódica literaria. Os símbolos dos elementos da táboa periódica serviron para xogar cos nomes de distintos escritores e escritoras e achegarse a eles buscando información. Convidámosvos a botarlle un ollo!

 

Distribuir contido