FORMACIÓN DE CAPACITACIÓN DIXITAL PARA PERSOAS ADULTAS

FORMACIÓN DE CAPACITACIÓN DIXITAL PARA PERSOAS ADULTAS

(Información sobre curso gratuíto de 30 horas)

 

           

Co obxectivo de formar a calquera cidadán nas competencias dixitais transversais máis básicas que lles permitan desenvolverse nunha sociedade en dixitalización crecente, o I.E.S. Lama das Quendas de Chantada foi designado como Centro de Capacitación Dixital para persoas adultas no marco do compoñente 19 do Plan de Recuperación, Transformación e Resiliencia (PRTR) financiado pola Unión Europea-Next Generation EU, incluído dentro do Plan Nacional de Competencias Dixitais (Dixital skills).

 

O centro pasará a ter a consideración de centro pertencente á Rede Nacional de Centros de Capacitación Dixital, sen prexuízo da súa condición xurídica, titularidade e funcións.

 

A creación dunha Rede de Centros de Capacitación Dixital enténdese como unha medida para achegar a oferta formativa a toda a cidadanía a través daqueles centros que permitan, pola súa proximidade e facilidade de acceso, facer unha oferta atractiva de capacitación dixital, con especial atención aos sectores de poboación máis vulnerable. 

 

O I.E.S. Lama das Quendas ofrecerá formación gratuíta aos cidadáns para axudarlles no uso das tecnoloxías na súa vida cotiá, así como nas relacións telemáticas coas administracións ou co centro de saúde, o manexo online de contas bancarias, a prevención de fraude online como o phishing ou a realización de videoconferencias. Con esta capacitación dixital tamén se busca abrir novas oportunidades de formación permanente e de aprendizaxe.

 

A modo de resume, os contidos serían os seguintes:

 

  • Atopar información en contornas dixitais. Buscar e identificar recursos dixitais para ampliar coñecementos. Utilización do buscador de Google.
  • Conectar e colaborar con outras persoas a través de ferramentas dixitais (correo electrónico, Teams, Skype, Slack, etc
  • Participar en redes sociais: Facebook, Instagram, Youtube.
  • Utilización de blogues e de wikis para creación de contido en liña.
  •  Crear contidos dixitais propios (textos, follas de cálculo e elaboración de presentacións) coñecendo as licenzas de uso de materiais de terceiros, e aplicando os dereitos de propiedade intelectual.
  • Protexer a información e os datos persoais de ameazas e riscos en contornas dixitais.

 

 

            Todo isto supón que se organizarán cursos de formación de capacitación dixital para persoas adultas, totalmente gratuítos, cunha duración de 30 horas, nos que poderán matricularse calquera persoa adulta que necesite este tipo de formación. Se algunha persoa está interesada nesta formación, pode solicitalo no centro achegando un impreso de reserva correspondente.