Club "Amigas e amigos de Daniel"

O SÁBADO COÑECIMOS A ANTONIO GARCÍA TEIJEIRO

A MIN FÍXOME  DÚAS ADICATORIAS: UNHA NO POEMA QUE ILUSTREI E OUTRA NO LIBRO QUE MERQUEI. ANXO

 MARÍA : AS ADICATORIAS FORON MOI BONITAS?

"HOME, COMO EL É ARTÍSTICO, NON MAS VAI A FACER FEAS, VAIMAS FACER CHULAS". ANXO

 

A MIN ESCRIBIUME  NO LIBRO. PEDRO

GRAZAS,GARCÍA TEIJEIRO !!!

" PARA O C.R.A. DE RIANXO,CON MOITO AGARIMO, PORQUE A POESÍA VIVE NAS SÚAS AULAS E FAI FELICES ÓS NENOS E NENAS. BICOS E ALOUMIÑOS." ANTONIO GARCÍA TEIJEIRO

 

CESAR E MAIS EU ESTIVEMOS NA BIBLI0TECA  E  GUSTOUNOS MOITO.Irene

ANTONIO TROUXO O RATO QUE ESTA NAMORADO DA LUA.Lia

CONTOUNOS COUSAS MOI  BONITAS.Tania

DIXENLLE 1 POESIA MOI BONITA E ANTONIO COLLEUME NO COLO.Alex

LEUNOS POEMAS E ESCRIBIUNOS ADICATORIAS NOS NOSOS LIBROS.Eva

ESTE SÁBADO PAPÁS, MAMÁS E NENAS E NENOS DO C.R.A. ACOMPAÑARON A GARCÍA TEIJEIRO NA VISITA QUE REALIZOU A RIANXO. HOXE NA ESCOLA GUSTOUNOS ESCOITAR TODO O QUE NOS CONTARON. E FÍXONOS MOI FELICES LER TÓDALAS ADICATORIAS TAN FERMOSAS QUE NOS ENVIOU O POETA.

ANTONIO, GRAZAS POR DARNOS TANTOS AGARIMOS, ALOUMIÑOS E POR ANIMARNOS A SEGUIR FACENDO POEMAS COS VENTOS!!

LIBRO DO GATO CEGATO

O GATO CEGATO

Libro de poemas

a unha nena

que se chama .....

 

Traballo dos nenos/as de Cruceiro  

Outros libros do C.R.A.

Froriñas dos balados

NÓS TAMÉN FACEMOS POEMAS

    Miña naiciña!, hoxe ao chegar á escola tiñamos unha mesa cheíña de libros de Antonio García Teijeiro. (Xa vos poñerei a foto para que a vexades; hoxe non podo porque me quedou a máquina na escola).

     Sabedes? Había un libro titulado "Aloumiños", que tiña un poema que lle dedicamos a Borja , porque era como unha canción de berce e é que Borja está moi contento porque hai uns días enterouse de que vai ter un irmanciño; tamén llo adicamos a Pedro porque xa a ten, e a todos e a todas nós porque ainda que non teñamos irmáns pequenos tamén  nos gustan os bebés.

"DURME, MENIÑO FERMOSO

QUE TE ESTÁ CHAMANDO O SONO

DURMETE, MEU QUERIDIÑO

PECHA TRANQUILO OS TEUS OLLOS.

DURME, LUCEIRO DA ALBA

QUE O TEU PAI CHEGA DO MAR.

DÚRMETE, MEU QUERIDIÑO.

¡HAILLE QUE DAR DE CEAR!

Había outro libro titulado "Trazos, trozos e retrincos", que tiña trabalinguas moi difíciles de pronunciar. Hai que practicar moito para que saian, pero son moi divertidos.

     En fin, de todos eles limos ao longo destes días alomenos un poema e claro, xa imos tomando carrreiriña e os poemas vánnos saíndo axiña.

     Velaí, collendo prestados os primeiros versos das cinco estrofas  do poema de "AS CATRO ESTACIÓNS" fomos  armando un poema de moita risa.

Aquí o tendes :

TRÚA DÚA TRIPE TRAPO

POLA RÚA

ANDA UN GATO.

TERA PERA SERA LERA

VAI COMENDO

UNHA PERA.

TAN TARANTÁN TARANTÁN

VAI DETRÁS

O CAPITÁN.

TON TORONTÓN TORONTONO

VAI TAMÉN

O TÍO MANOLO.

TERNO CUTERNO TERNÓN

LEVA POSTO

UN CAMISÓN (ou tamén)

UN MANDILÓN.

    Que vos parece.? Probade vós a facer outra. Seguro que García Teijeiro estará encantado de prestarnos os seus versos para que xoguemos con eles.

     Acordádevos de Frederick?, das cousas que levaba para a súa casiña para cando chegaran os fríos días do inverno?

     Pois Carlota dixo:

   "EU LEVARÍA PARA MIÑA CASIÑA

       O OLOR DAS FLORES BRANQUIÑAS". 

  E noutro momento, facendo un debuxo do conto que hoxe saíu votado "OS TRES PORQUIÑOS", nos enganchamos con esa palabra tan difícil TRES e cando eu estaba dicindo que se en lugar do E levara un A diría    TRAS, e se levara un I, diría TRIS. Entón Carlota, que hoxe se sentía chea de ideas, con moita vivacidade interrompe e di : "XA SEI PROFE, XA SEI FACER OUTRA POESÍA".

- A ver.

- Mira :

TRAS

TRES

TRIS

TROS

TRUS

AZOUTIÑAS

NOS TEUS CUS.

En fin, como vedes, a poesía revoa por todas partes e fai a súa aparición onde menos o esperas.

     Só lamentar que unha vez máis non puidemos ver os traballos e as recomendacións poéticas que nos fan os nenos e nenas de Cruceiro porque na nosa escola seguimos tendo problemas no acceso a Internet, así que as familias que teñan acceso na casa ou posibilidades de acceder na casa dalgún amigo ou familiar facédeo en compañía dos nenos porque é bonito ver os traballos que se fan nas outras escolas así como ler os comentarios que nos fan aos nosos.

     Non vos esquezades de ler moita poesía e de visitar á biblioteca o sábado.

ANTONIO GARCÍA TEIJEIRO VISÍTANOS TODOS OS DÍAS

     Como xa sabedes, estamos no mes das celebracións arredor do LIBRO. Por ese motivo o sábado 19 de abril vai estar na biblioteca de Rianxo, ANTONIO GARCÍA TEIJEIRO, ese gran poeta que tan ben sabe arrolar e aloumiñar as palabras para que unha tras outra, coma formiguiñas que saben ben o camiño, cheguen aos nosos oídos e aos nosos corazóns redondas, sonoras, emocionantes, facéndonos partícipes da súa propia vibración como poeta ante o que ve, percibe e atesoura para máis tarde regalarnos esa riqueza interior en versos, escaleiriñas do poema.

     Aprendemos sen darnos conta que as palabras teñen un valor que vai máis alá do meramente explicativo porque consguen emocionar.

     Fago o símil dos versos como escaleiriñas do poema porque mo suscitou Carlota e o grupo en xeral coa súa actitude na escoita dun poema unha vez conseguido o silencio que non é doado conseguir no meu grupo, pero sí imprescindible porque... "para sentir a poesía aquí dentro , temos que estar en silencio", e xa saíu un versiño utilizado como recurso en momentos posteriores.

     Cando estaba recitando pequenos "Poemas do sol e a lúa", recollidos en "Trazos, trozos e retrincos", editado pola Xunta e lamentablemente esgotado, unha vez lidas as tres primeiras estrofas introductorias que axudan a crear ese clima de escoita, reciteilles o poema que fala das andoriñas.

Ao rematar, sen dicir nada, atopeime con aqueles olliños de caramelo, iluminados, e as mans suspendidas nun amago de aplauso conxelado, como sen atreverse.

Rompín o xeo :

-Gustouche?

- Sí

-Pois aplaude

-Todos aplaudiron.

Ela, e o grupo en xeral, sentiran que as escaleiriñas remataran e chegaramos ao final do poema. Alomenos esa foi a vibración que eu sentín.

Outro día animeilles a ilustrar un poema como fixeran uns alumnos que eu tivera hai uns anos noutra escola; ilustraran un poema que falaba da lúa e García Teijeiro lles fixera unha adicatoria moi bonita. Aproveitando a ocasión de que vai estar na biblioteca de Rianxo poderían levarllo e de paso coñecer ao autor deses libros que día a día van aparecendo na nosa aula como por arte de maxia e que descubrimos ao chegar : "As catro estacións", "Trazos, trozos e retrincos", "Ventos", "Lueiro de papel", "Cantos rodados", ese libro grandísimo que ten poemas musicados e Cacarabín cacarabán. De todos eles xa temos lido algún poema.

Conscientemente provoqueinos : Mirade, este escritor ten un poema cunhas palabras rarísimas e moi divertidas, queredes escoitalo?

-Síiii

-Pois escoitade :

TRÚA DÚA TRIPE TRAPO

AS ESTACIÓNS 

SONCHE CATRO.

 A gargallada foi unánime nesta, e nas sucesivas estrofas que titulamos "As catro estacións" xa que é o poema introductorio do libro do mesmo nome.

Propúxelles ilustralo e facer un libro con cinco follas unha por cada estrofa.

Para ilustrar a primeira foron dicindo elementos caracterísiticos das catro estacións e propúxelles dividir un folio en catro partes e poñer un pequeno detalle en cada un dos cadrados  alusivo a cada unha das estacións.

Ao día seguinte tocaba ilustrar:

TERA PERA SERA LERA

ESTAMOS

NA PRIMAVERA.

Polo calendario sí pero o tempo real máis ben falaba do inverno así que houbérame gustado ofrecerlles "A primavera" de Vivaldi como motivación pero parecíame descontextualizado así que optei por pechar persianas e ver o vídeo de "Árbores e flores", de Walt Disney.

Paréceme un corto excelente tanto polos aspectos que trata como pola forma de abordalos, que a groso modo, sen entrar en detalles serían :

- o acordar da primavera, o aseo das flores e árbores, a ximnasia.

-o namoramento das árbores

-os celos, a loita, a revancha, a solidaridade

- o castigo, a solución ,a volta á calma e

- A catarse : Aplausos risas e griterío Beeen!

 TAN TARANTÁN TARANTÁN 

VÉN CANTANDO

DON VERÁN.

O verán veu suxerido por dúas imaxes potentes : o sol e o mar; ésta seguramente motivada pola visita que fixemos hai uns días ao "Museo do mar" en Rianxo onde viron barcos e lles falaron de traballos relacionados co mar.

TON TORONTÓN TORONTONO

SOPRA FELIZ

DON OUTONO

A ilustración desta estrofa veu da man da propia estrofa pero tamén da lectura do conto titulado "O señor mago e a folla", un deses libros de sabor doce que nos enchen o corpo de tenrura e a mirada de caramelo.

TERNO CUTERNO TERNÓN

CHEGA ESTE INVERNO

ROUCÓN.

A ilustración veu da man de "Frederick" esa gran creación de Leo Lionni, o ratiño poeta que vai facendo acopio de "extrañas"  provisións para os longos e fríos días  de inverno: os raios do sol, as cores das flores e as palabras coas que armar versos e poemas, provisións que nos conforman como seres creativos e nos sustentan espiritualmente.

Con todo isto e moitas cousas máis pasamos o tempo recitando e ilustrando actividades que imos mesturando con outras.

Aquí podedes ver os traballos resultantes e animo ás familias a achegarse cos nenos e nenas a biblioteca  o sábado así como a mercar eses libros que vos recomendamos deste autor.

 

3º DE INFANTIL

     LIBRO DE RAÚL

                                                                                            

   

  

                                                                                                                                                 

 

      

 LIBRO DE BORJA

         

  

     

              

 

 

LIBRO DE ALBA

PORTADA

    

   

 

2º DE INFANTIL

LIBRO DE CARLOTA

PORTADA

   

  

 

LIBRO DE ANXO

    

 

   

   

 

LIBRO DE PEDRO     

  

 

 

1º DE EDUCACIÓN INFANTIL

LIBRO DE MANUEL

  

   

 

O LIBRO DE JORGE

  

 

L

ABRIL, MES DOS LIBROS

O mes de abril caracterízase polas conmemoracións en torno ó libro: o día 2 celebrouse o " Día Internacional do libro Infantíl e Xuvenil " en lembranza do nacemento do escritor danés Hans Christian Andersen ( 1805), autor de máis de 150 contos infantís.

O día 23 de abril celébrase o " Día Internacional do Libro e do dereito de autor ", resolución adoptada pola Organización das Nacións Unidas para a Educación, a Ciencia e a Cultura   ( UNESCO) no ano 1995. A data foi elexida en conmemoración do falecemento de Cervantes, Shakespeare e Gracilaso de la Vega que, coincidentemente, faleceron un 23 de abril de 1616.

Según a UNESCO, o futuro do libro e do dereito de autor é un asunto que nos atinxe a todos. É un tema que incumbe a todos cantos soñamos cun mundo no que os coñecementos se compartan, no que poidan prosperar os valores de tolerancia, diálogo e solidariedade.

O libro pode converterse nun elemento considerable de benestar material e constitúe un instrumento excepcional para a expresión das identidades culturais.

Como sabedes, na biblioteca municipal de Rianxo " Daniel Rodríguez Castelao " estes días estanse levando a cabo diversas actividades de animación á lectura. O próximo día 19 será visitada polo escritor Antonio García Teijeiro, un dos escritores máis importantes de literatura infantíl e xuveníl de Galicia. Nas nosas escolas traballarase tamén algún poema do devandito autor. Por isto, comprácenos ofrecer a toda a comunidade escolar tanto a súa biografía coma os libros que ten publicado por se vos apetece mercar algún e aproveitar a visita de García Teijeiro para que , o mesmo tempo que volo adica, os nenos e nenas poidan coñecer o autor dos libros de poemas que traballamos nas aulas .

Toda esta información sobre o escritor estará a vosa disposicíon en tódalas aulas do C.R.A. de Rianxo.

EQUIPO DE BIBLIOTECA

AS FIGURAS XEOMÉTRICAS : O CADRADO. CONTO : "AZULÍN, O CADRADO AZUL"

O prometido é débeda. Para crear o conto de "AZULÍN, O CADRADO AZUL", apoieime en distintos recursos : a observación das actividades dos nenos e nenas no patio, o conto "Xan o distraído" de Giani Rodari, o xogo "unha zapatillas por detrás, tris tras", e algunha expresiòn empregada na aula en relación ao vento do outono.

Quen só queira escoitar o conto non ten máis que clicar en arquivo adxunto e deixar de ler toda esta leria.

Quen teña interese por saber como se me foron ocurrindo as ideas que dan corpo ao conto, que siga lendo.

Na escola de Buía, o patio de recreo, se é que se podía chamar así a aquela especie de galiñeiro cuia construcción custou tantos esforzos e sufrimento, era tan reducido e tan estreito que non podía albergar ningún tipo de mobiliario de xogo agás un pequeno cabalo de madeira balancín e unha pequena pasarela, tamén de madeira. Alí, a imaxinación suplía as carencias e coas cordas de cores de sicomotricidade, nenos e nenas facían os seus columbios atando os extremos as varandas da pasarela. Os cordóns dos zapatos non saberían atalos pero aqueles nós cuia seguridade verificaban con tino, sentándose coidadosamete ata ter a firmeza de que resistirían os seus pesos, non se desfacían nin de broma. Comprobaban que se poñían unha sóa corda, era incómodo , cortáballes o cuíño ao sentarse, mais se colocaban varias xuntas o acomodo era mellor. Tamén comprobaban as distintas alturas e se ao sentarse baixaba moito a corda, entón en lugar do cú o que acomodaban eran os pés e comezaban a randearse agarrándose as varandas para darse pulo.

A pesares de ter aquel exiguo patio, Fina, a miña compañeira, a quen boto tantísimo de menos e eu, organizabamos moitísimos xogos para que aquel cotroso lugar se convertira nun aula aberta de socialización onde o alumnado de Infantil e Primaria o facían da mellor forma posible, aprendendo innumerables xogos que as persoas que xa imos tendo unha idade gardamos na memoria como auténticos tesouros : cantadelas de botar a sortes, de formar equipos, xogos de roda, de corda, de goma, de chapas, de mariolas, de relevos, etc. etc., mesmo adaptabamos pequenos poemas para saltar á corda. Quen diría que todo isto e máis, se facía naquel "patio" pero facíase porque poñíamoslle entusiasmo e disfrutabamos facéndoo ainda que acabáramos rendidas.

Ai, a riqueza de manter as escolas rurais abertas con dúas aulas, Infantil e Primaria!. Se a Consellería de Educación tivera a máis mínima idea da riqueza que poden xerar, non pensarían nelas en termos de rendibilidade económica e non as pecharían aínda que entre as dúas aulas non computaran máis que doce ou trece nenos, pero os despachos son os espacios dos números, e están moi lonxe das boas vibracións que poden xurdir nas escolas, non só no patio de recreo , que non deixa de ser unha aula máis, senón tamén nas interiores. Cantas clases conxuntas se poden levar a cabo cun aproveitamento excelente para ambos ciclos. Coma sempre que empezo a tirar do fío das lembranzas "enrróllome" coma unha persiana. Podería seguir pero xa se vai facendo algo longo.

Sinteticemos . "CADRADIÑO AZUL" bebe de :

- Os debuxos atopados na vivenda da escola.

- Das observacións dos xogos do alumnado no patio.

- Do conto "Xan o distraído" de Giani Rodari.

- Do xogo "Unha zapatilla por detrás, tris tras".

- Dunha cantadela do vento toleión, titulada "xaac, Xaac, xaac" e do entusiamo con que traballabamos.

Vai por ti Fina e por todos os momentos tan bos que compartimos. Un biquiño, María

 

 

 

 

 

 

 

 

 

AS IFIGURAS XEOMÉTRICAS : O CÍRCULO . CONTO "CIRCULIÑO NA NEVE"

Hai uns anos eu estaba como profe na escola de Buía, hoxe pechada por falta de matrícula. Nas horas de especialistas e da comida, subía á vivenda. Un día facendo un pouco de limpeza, atopei dous grupos de debuxos secuenciados; un aludía ao CÍRCULO, outro ao CADRADO. Senteime, e no silencio daquela vivenda destartalada,collín os do círculo, quedei mirando para eles e pensando que esas figuras xeométricas cuia aprendizaxe forma parte do curriculum da Educación Infantil, acadarían unha maior calidez e motivación se personificadas como estaban, entraban a formar parte de pequenas historias, de pequenos contos . Fóronseme ocurrindo ideas para cada unha das viñetas e pouco a pouco foi tomando corpo un pequeno conto que tiña como personaxe principal a CIRCULIÑO. Fixen unha marioneta a semellanza do debuxo. Coa introducción das novas tecnoloxías, quen mo diría?, aprendín a escanear e a facer presentacións en Power Point. Gravei o conto para que os nenos e nenas que quixeran, poideran escoitalo en momentos determinados do día, unha vez presentado o personaxe (o móvil) e narrado o conto co apoio das sucesivas viñetas que ampliei , colorei, peguei en cartón e plastifiquei coa conseguinte avaría da plastificadora, pois non admitía o grosor do cartón. Mea culpa !; a tecnoloxía non é o meu. O resultado, a presentación en Power Point do conto, tratarei de envialo en arquivo adxunto. Unha vez contada a historieta, suxírolles que busquen pola aula obxectos coa forma de círculo co fin de facer a marioneta deste personaxe, e levalo para súas casas. Prodúcese un "bule-bule" tremendo, comezan a desprazarse pola aula e atopan moitos obxectos : pratos, potas, tapas, tarros con base circular... e tamén "pelotas". É unha experiencia rica da que aprendemos moito. É necesario buscar dous tamaños de círculo; un maior, para a cabeza e outro menor para as mans e os pés. Cos xoguetes atopados sentan nos seus sitios e comezan as dificultades e os infortunios, dos que se aprende, cando colocan os obxectos sobre os folios e tratan de facer as respectivas siluetas : - Descubrimos que a pelota non se deixa perfilar; roda, e ademáis, por grande que sexa, nos sae un debuxo pequeniño pois o rotulador métese por debaixo. Non debe ser exactamente un círculo, será outra cousa parecida; chamarémoslle "esfera". - A pota, coas asas, non deixa que saia o círculo como é debido. O rotulador tropeza e se desvía. Ademáis, cando intentan facelo eles sós suxeitando cunha man o prato - poñamos por caso -, e coa outra facer o perfil, non o conseguen, non é doado, o prato móvese. Esixe un exercicio de coordinación superior ao que poden ter nestas idades. - Sós non, pero con AXUDA, pódese conseguir. Non teño documentos fotográficos que poñan de relevo o que expoño, porque "cascou" o ordenador e ao formatealo, perdéronse as fotos nas que se vían os esforzos por conseguir siluetear os obxectos co fin de facer a circuliño. Facede un exercicio de imaxinación e veredes situacións do máis divertidas. Dende eiquí quero dar as grazas ao autor ou autora deses debuxos que atopei na vivenda da escola e que me diron pé para facer estes contos que soen gustarlles bastante aos nenos e que dan tanto xogo. Outro día contaréi que recursos utilicei para a elaboración dos contos referidos ao cadrado e ao triángulo. Deste último, como non atopei debuxos, primeiro invento a historia e despois busco imaxes nos libros que podan servir para ilustrar o texto. De todos fago unha presentación para que poda ser escoitada en momentos concretos. Por hoxe nada máis Un saúdo, María

UN ENTROIDO DE CONTOS : O FLAUTISTA DE HAMELIN

ESCOLA DE CRUCEIRO. ENTROIDO 08

" Na escola de Cruceiro  

haiche moito artista :

fixemos vinte ratos,

un alcalde e un flautista "

...

... E o día de correr o entroido a escola encheuse de  mamás, papás, avoas e amigos que non podían ser outros que os habitantes da fermosa cidade de Hamelin.  ... E  con tódolos personaxes do conto reunidos  pasou o que tiña que pasar: unha vez máis a historia cobrou vida e todos nós poidemos escoitar: a voz do narrador; a alegría ,os lamentos e o enfado  das xentes da vila; a avaricia do alcalde; o son da flauta máxica...      A representación foi un éxito ! ... E a festa que disque houbo en Hamelin despois de recuperar ós seus meniños foi pouca cousa se a comparamos coa que houbo na escola : música, xogos, cantigas, baile, foguetes. E filloas e orellas , que xa o dí a cantadela :

" Os ratos e o flautista 

saen  a  pasear.

O flautista vai de diante

e os ratiños van detrás.

O flautista vai tocando

Fla,fla,fla, fla,fla, fla

e os ratos van bailando  l

lara, lara, lara, la.

O avaro do alcalde

non  quere pagar.

Se non lle da os cartos,

o flautista vaise enfadar.

Os nenos desta vila

todos  han de marchar

e a historia do flautista

vai axiña rematar.

Os contos, meus amigos,

alimentan o corazón,

pero hai que acompañalos

de filloas e lacón.

Rosquillas e orellas

tampouco veñen mal

que estamos no entroido,

outros din o carnaval."

.

UN ENTROIDO DE CONTOS : "O RELOXO DOS SETE CABRITOS"

¡Ola familias! ¡Escoitade con atención! : TIC, TOC, TIC, TOC, TIC, TOC ...É o tempo do Entroido; chegou cedo, xa o temos aquí e este ano ímolo marcar nós xa que logo converterémonos en eloxos que co seu latexar darán conta dese tempo de tolería, bromas e fartura, tempo de ledicia que levaremos á Capela xunto coas escolas de Pazo, Outeiro e Cruceiro.

Xa que estamos inmersos nese proceso de animación á lectura do que xa falamos con vós, este ano decidiuse que despois de saborear conto tras conto nas nosas aulas, estaría ben que cada escola elixira un deses contos celebrados polos nenos e nenas para disfrazarse dos seus personaxes ou obxectos relevantes e disfrutar con eles no pasarrúas que se levará a cabo pola aldea de Capela o vindeiro 1 de febreiro se o tempo o permite. De non ser así fariámolo na aula, e se houbera unha escampadiña, sairíamos pola aldea de Cuvide como fixemos o ano pasado.

 O conto escollido na nosa escola é "OS SETE CABRITOS", un conto entre acedo e picante; acedo porque o lobo sempre é o lobo e impón un pouco de respecto e picante, porque iso de vencer ao lobo sempre é divertido e fai coxeguiñas na barriga ¿non si?. E...como o reloxo de parede tivo moito que ver no desenlace do conto, decidimos disfrazarnos dese obxecto tan importante.

O título da nosa comparsa será :

"O RELOXO DOS SETE CABRITOS"

e a cantadela é a seguinte :

A escola de Cuvide

imos á Capela

a correr o Entroido

cunha cantadela .

Tran la lera, lerá, lerá la lera

Tran la lera, lerá, lerá la la

O cabuxo pequeniño

 nun reloxo se agachou

nun reloxo se agachou

e do lobo se librou.

A mamá cabra con tanta preocupación, esqueceuse de dar corda ao reloxo e o reloxo moi enfadado, protestou :

TIC, TOC, TIC, TOC

EU SON UN "RELÓ"

DASME CORDA

E NON ME PARO

SE TE ESQUECES

 ¡EU ME ENFADO!

TIC, TOC, TIC, TOC

 EU SON UN "RELÓ"

O cabuxo pequeniño

 nun reloxo se agachou,

nun reloxo se agachou ,

e do lobo se librou.

Familias : TIC, TOC, TIC, TOC...¡que non se paren os vosos reloxos! .Dádelles corda co voso entusiasmo e participación sendo con nós os reloxos do Entroido.

 Avisade das persoas interesadas en vir para comprar o material con que facer os disfraces e darvos unha fotocopia coas cancións de tódolos anos a aquelas persoas que por calquera circunstancia non as teñan.

Un saúdo,

                 María

Distribuir contido