Club "Amigas e amigos de Daniel"

AS IFIGURAS XEOMÉTRICAS : O CÍRCULO . CONTO "CIRCULIÑO NA NEVE"

Hai uns anos eu estaba como profe na escola de Buía, hoxe pechada por falta de matrícula. Nas horas de especialistas e da comida, subía á vivenda. Un día facendo un pouco de limpeza, atopei dous grupos de debuxos secuenciados; un aludía ao CÍRCULO, outro ao CADRADO. Senteime, e no silencio daquela vivenda destartalada,collín os do círculo, quedei mirando para eles e pensando que esas figuras xeométricas cuia aprendizaxe forma parte do curriculum da Educación Infantil, acadarían unha maior calidez e motivación se personificadas como estaban, entraban a formar parte de pequenas historias, de pequenos contos . Fóronseme ocurrindo ideas para cada unha das viñetas e pouco a pouco foi tomando corpo un pequeno conto que tiña como personaxe principal a CIRCULIÑO. Fixen unha marioneta a semellanza do debuxo. Coa introducción das novas tecnoloxías, quen mo diría?, aprendín a escanear e a facer presentacións en Power Point. Gravei o conto para que os nenos e nenas que quixeran, poideran escoitalo en momentos determinados do día, unha vez presentado o personaxe (o móvil) e narrado o conto co apoio das sucesivas viñetas que ampliei , colorei, peguei en cartón e plastifiquei coa conseguinte avaría da plastificadora, pois non admitía o grosor do cartón. Mea culpa !; a tecnoloxía non é o meu. O resultado, a presentación en Power Point do conto, tratarei de envialo en arquivo adxunto. Unha vez contada a historieta, suxírolles que busquen pola aula obxectos coa forma de círculo co fin de facer a marioneta deste personaxe, e levalo para súas casas. Prodúcese un "bule-bule" tremendo, comezan a desprazarse pola aula e atopan moitos obxectos : pratos, potas, tapas, tarros con base circular... e tamén "pelotas". É unha experiencia rica da que aprendemos moito. É necesario buscar dous tamaños de círculo; un maior, para a cabeza e outro menor para as mans e os pés. Cos xoguetes atopados sentan nos seus sitios e comezan as dificultades e os infortunios, dos que se aprende, cando colocan os obxectos sobre os folios e tratan de facer as respectivas siluetas : - Descubrimos que a pelota non se deixa perfilar; roda, e ademáis, por grande que sexa, nos sae un debuxo pequeniño pois o rotulador métese por debaixo. Non debe ser exactamente un círculo, será outra cousa parecida; chamarémoslle "esfera". - A pota, coas asas, non deixa que saia o círculo como é debido. O rotulador tropeza e se desvía. Ademáis, cando intentan facelo eles sós suxeitando cunha man o prato - poñamos por caso -, e coa outra facer o perfil, non o conseguen, non é doado, o prato móvese. Esixe un exercicio de coordinación superior ao que poden ter nestas idades. - Sós non, pero con AXUDA, pódese conseguir. Non teño documentos fotográficos que poñan de relevo o que expoño, porque "cascou" o ordenador e ao formatealo, perdéronse as fotos nas que se vían os esforzos por conseguir siluetear os obxectos co fin de facer a circuliño. Facede un exercicio de imaxinación e veredes situacións do máis divertidas. Dende eiquí quero dar as grazas ao autor ou autora deses debuxos que atopei na vivenda da escola e que me diron pé para facer estes contos que soen gustarlles bastante aos nenos e que dan tanto xogo. Outro día contaréi que recursos utilicei para a elaboración dos contos referidos ao cadrado e ao triángulo. Deste último, como non atopei debuxos, primeiro invento a historia e despois busco imaxes nos libros que podan servir para ilustrar o texto. De todos fago unha presentación para que poda ser escoitada en momentos concretos. Por hoxe nada máis Un saúdo, María

UN ENTROIDO DE CONTOS : O FLAUTISTA DE HAMELIN

ESCOLA DE CRUCEIRO. ENTROIDO 08

" Na escola de Cruceiro  

haiche moito artista :

fixemos vinte ratos,

un alcalde e un flautista "

...

... E o día de correr o entroido a escola encheuse de  mamás, papás, avoas e amigos que non podían ser outros que os habitantes da fermosa cidade de Hamelin.  ... E  con tódolos personaxes do conto reunidos  pasou o que tiña que pasar: unha vez máis a historia cobrou vida e todos nós poidemos escoitar: a voz do narrador; a alegría ,os lamentos e o enfado  das xentes da vila; a avaricia do alcalde; o son da flauta máxica...      A representación foi un éxito ! ... E a festa que disque houbo en Hamelin despois de recuperar ós seus meniños foi pouca cousa se a comparamos coa que houbo na escola : música, xogos, cantigas, baile, foguetes. E filloas e orellas , que xa o dí a cantadela :

" Os ratos e o flautista 

saen  a  pasear.

O flautista vai de diante

e os ratiños van detrás.

O flautista vai tocando

Fla,fla,fla, fla,fla, fla

e os ratos van bailando  l

lara, lara, lara, la.

O avaro do alcalde

non  quere pagar.

Se non lle da os cartos,

o flautista vaise enfadar.

Os nenos desta vila

todos  han de marchar

e a historia do flautista

vai axiña rematar.

Os contos, meus amigos,

alimentan o corazón,

pero hai que acompañalos

de filloas e lacón.

Rosquillas e orellas

tampouco veñen mal

que estamos no entroido,

outros din o carnaval."

.

UN ENTROIDO DE CONTOS : "O RELOXO DOS SETE CABRITOS"

¡Ola familias! ¡Escoitade con atención! : TIC, TOC, TIC, TOC, TIC, TOC ...É o tempo do Entroido; chegou cedo, xa o temos aquí e este ano ímolo marcar nós xa que logo converterémonos en eloxos que co seu latexar darán conta dese tempo de tolería, bromas e fartura, tempo de ledicia que levaremos á Capela xunto coas escolas de Pazo, Outeiro e Cruceiro.

Xa que estamos inmersos nese proceso de animación á lectura do que xa falamos con vós, este ano decidiuse que despois de saborear conto tras conto nas nosas aulas, estaría ben que cada escola elixira un deses contos celebrados polos nenos e nenas para disfrazarse dos seus personaxes ou obxectos relevantes e disfrutar con eles no pasarrúas que se levará a cabo pola aldea de Capela o vindeiro 1 de febreiro se o tempo o permite. De non ser así fariámolo na aula, e se houbera unha escampadiña, sairíamos pola aldea de Cuvide como fixemos o ano pasado.

 O conto escollido na nosa escola é "OS SETE CABRITOS", un conto entre acedo e picante; acedo porque o lobo sempre é o lobo e impón un pouco de respecto e picante, porque iso de vencer ao lobo sempre é divertido e fai coxeguiñas na barriga ¿non si?. E...como o reloxo de parede tivo moito que ver no desenlace do conto, decidimos disfrazarnos dese obxecto tan importante.

O título da nosa comparsa será :

"O RELOXO DOS SETE CABRITOS"

e a cantadela é a seguinte :

A escola de Cuvide

imos á Capela

a correr o Entroido

cunha cantadela .

Tran la lera, lerá, lerá la lera

Tran la lera, lerá, lerá la la

O cabuxo pequeniño

 nun reloxo se agachou

nun reloxo se agachou

e do lobo se librou.

A mamá cabra con tanta preocupación, esqueceuse de dar corda ao reloxo e o reloxo moi enfadado, protestou :

TIC, TOC, TIC, TOC

EU SON UN "RELÓ"

DASME CORDA

E NON ME PARO

SE TE ESQUECES

 ¡EU ME ENFADO!

TIC, TOC, TIC, TOC

 EU SON UN "RELÓ"

O cabuxo pequeniño

 nun reloxo se agachou,

nun reloxo se agachou ,

e do lobo se librou.

Familias : TIC, TOC, TIC, TOC...¡que non se paren os vosos reloxos! .Dádelles corda co voso entusiasmo e participación sendo con nós os reloxos do Entroido.

 Avisade das persoas interesadas en vir para comprar o material con que facer os disfraces e darvos unha fotocopia coas cancións de tódolos anos a aquelas persoas que por calquera circunstancia non as teñan.

Un saúdo,

                 María

Distribuir contido