AS IFIGURAS XEOMÉTRICAS : O CÍRCULO . CONTO "CIRCULIÑO NA NEVE"

Hai uns anos eu estaba como profe na escola de Buía, hoxe pechada por falta de matrícula. Nas horas de especialistas e da comida, subía á vivenda. Un día facendo un pouco de limpeza, atopei dous grupos de debuxos secuenciados; un aludía ao CÍRCULO, outro ao CADRADO. Senteime, e no silencio daquela vivenda destartalada,collín os do círculo, quedei mirando para eles e pensando que esas figuras xeométricas cuia aprendizaxe forma parte do curriculum da Educación Infantil, acadarían unha maior calidez e motivación se personificadas como estaban, entraban a formar parte de pequenas historias, de pequenos contos . Fóronseme ocurrindo ideas para cada unha das viñetas e pouco a pouco foi tomando corpo un pequeno conto que tiña como personaxe principal a CIRCULIÑO. Fixen unha marioneta a semellanza do debuxo. Coa introducción das novas tecnoloxías, quen mo diría?, aprendín a escanear e a facer presentacións en Power Point. Gravei o conto para que os nenos e nenas que quixeran, poideran escoitalo en momentos determinados do día, unha vez presentado o personaxe (o móvil) e narrado o conto co apoio das sucesivas viñetas que ampliei , colorei, peguei en cartón e plastifiquei coa conseguinte avaría da plastificadora, pois non admitía o grosor do cartón. Mea culpa !; a tecnoloxía non é o meu. O resultado, a presentación en Power Point do conto, tratarei de envialo en arquivo adxunto. Unha vez contada a historieta, suxírolles que busquen pola aula obxectos coa forma de círculo co fin de facer a marioneta deste personaxe, e levalo para súas casas. Prodúcese un "bule-bule" tremendo, comezan a desprazarse pola aula e atopan moitos obxectos : pratos, potas, tapas, tarros con base circular... e tamén "pelotas". É unha experiencia rica da que aprendemos moito. É necesario buscar dous tamaños de círculo; un maior, para a cabeza e outro menor para as mans e os pés. Cos xoguetes atopados sentan nos seus sitios e comezan as dificultades e os infortunios, dos que se aprende, cando colocan os obxectos sobre os folios e tratan de facer as respectivas siluetas : - Descubrimos que a pelota non se deixa perfilar; roda, e ademáis, por grande que sexa, nos sae un debuxo pequeniño pois o rotulador métese por debaixo. Non debe ser exactamente un círculo, será outra cousa parecida; chamarémoslle "esfera". - A pota, coas asas, non deixa que saia o círculo como é debido. O rotulador tropeza e se desvía. Ademáis, cando intentan facelo eles sós suxeitando cunha man o prato - poñamos por caso -, e coa outra facer o perfil, non o conseguen, non é doado, o prato móvese. Esixe un exercicio de coordinación superior ao que poden ter nestas idades. - Sós non, pero con AXUDA, pódese conseguir. Non teño documentos fotográficos que poñan de relevo o que expoño, porque "cascou" o ordenador e ao formatealo, perdéronse as fotos nas que se vían os esforzos por conseguir siluetear os obxectos co fin de facer a circuliño. Facede un exercicio de imaxinación e veredes situacións do máis divertidas. Dende eiquí quero dar as grazas ao autor ou autora deses debuxos que atopei na vivenda da escola e que me diron pé para facer estes contos que soen gustarlles bastante aos nenos e que dan tanto xogo. Outro día contaréi que recursos utilicei para a elaboración dos contos referidos ao cadrado e ao triángulo. Deste último, como non atopei debuxos, primeiro invento a historia e despois busco imaxes nos libros que podan servir para ilustrar o texto. De todos fago unha presentación para que poda ser escoitada en momentos concretos. Por hoxe nada máis Un saúdo, María

AdxuntoTamaño
CIRCULIÑO NA NEVE (PPTminimizer).ppt4.17 MB