Skip to Content

contador gratis para blog

Obradoiro de costura en 2º ESO

Neste ano académico iniciamos esta actividade no 2º curso da ESO. A idea proporcionouna a profesora de tecnoloxía e, sen pensar moito, dado que neste curso os alumnos non teñen plástica, decidín comezar esta aventura sen coñecer que resultado daría e se funcionaría, pois é o grupo máis numeroso que temos hoxe, ademais de moi diverso.

O primeiro foi idear como facelo atractivo, fácil e, á vez, útil para a vida, pois iso de subir un baixo ou coser un botón cómpre en calquera momento, e non é cousa de tirar unha peza de roupa por estes pequenos incidentes que se nos presentan, ás veces no momento máis inoportuno.

Empezamos, pois, por mercar tea de estopa, agullas de la, das que parecen estadullos, e mesmamente la de cores; tamén merquei fío de dalia de cores variadas. Cortei anaquiños de tamaño folio e empezamos a faena, ganduxando a tea para que non esfiañara. Despois marcamos un debuxo e cosémolo con punto de máquina e, voilá, quedou bastante ben; algúns regularciños, pero o segundo xa foi moito mellor. Entón era cuestión de ir afinando algo a tea, encollendo as agullas e o fío e ós máis hábiles irlles cambiando o punto, e agora xa están facendo uns traballos de ole.

Os botóns aínda non os cosemos, porque as primeiras agullas eran tan grandes que non entraban no burato, pero agora xa si e en calquera momento poñémonos a iso.

A miña valoración é moi positiva e a deles, segundo o que me contan, tamén. Mesmo os doutros cursos din: ¡que ben o pasan cosendo!

Deixo tamén a testemuña gráfica do que fan mentres cosen: xúntanse en grupos e falan das súas cousas.

Trini (Titora de 2º de ESO).



story | by Dr. Radut