Animación á lectura

Clubs das letras

O proxecto co que o noso centro foi admitido no programa de innovación educativa “Club de Letras” leva por título:

STACKS OF JOY AT MANUEL SUEIRO”.

Desenvolvemos este proxecto na área de plástica nos cursos de 1º e 2º EP dentro do plan de sección bilingües. O alumnado de 4º E.P. botaranos unha man nesta tarefa.

No proxecto do curso pasado 2018-2019 adicámonos a coñecer a obra artística de Yayoi Kusama e o seu país, Xapón.

Este curso 2019-2020 buscaremos un punto de vista complementario, a artista londinense Annie Morris, sendo sabedores da admiración que a británica sente pola artista xaponesa. Dúas mulleres unidas polo espírito artístico e diferenza das pola súa idade, Yayoi Kusama pasados os noventa anos e Annie Morris nos inicios dos seus corenta. Unha situación social ben diferenciada, Kusama unha muller coas limitacións da época que lle tocou vivir nun país de férreas tradicións que sen dúbida rompeu, e Morris, unha muller libre de ataduras nunha cidade e país á vangarda de movementos sociais e artísticos.

Visibilizaremos o traballo da artista, muller, nova, multidisciplinar, da súa vida na cidade de Londres, onde naceu e traballa. Sairemos do ámbito puramente artístico para coñecer a cidade de Londres: Leremos, escribiremos e opinaremos sobre a artista, a súa obra e a cidade británica, interrelacionando os aspectos literarios e artísticos, valorando o seu traballo como ilustradora.

Partindo do título dunha das series da artista, “Stack”, compoñemos o nome do proxecto no que o nome do centro, o traballo da artista e o aspecto lúdico quedan de manifesto: “STACKS OF JOY AT MANUEL SUEIRO”.

Verbateca

O 28 de outubro o alumnado de Ed. Infantil e 1º de Ed. Primaria participou no proxecto Verbateca: Laboratorio de palabras no que, a través de xogos, o alumnado traballou aspectos tan importantes coma a memoria, a observación, a expresión oral e corporal, a coordinación, os coñecementos de palabras en lingua galega sobre diferentes temáticas, o traballo en equipo, a identidade cultural e lingüística… etc.

Repasaron palabras relacionadas cos animais, partes do corpo, profesións, cores, natureza,… etc. Deste xeito, todos xuntos/as aprendemos a xogar en lingua galega!

A Bela e a Besta

O 22 de outubro, o alumnado de 5º e 6º de Ed. Primaria presenciou no Auditorio provincial o espectáculo musical A Bela e a Besta, completamente en galego, que representaron de forma maxistral  os alumnos e alumnas do IES Taboada Chivite de Verín, e que previamente prepararon ao longo de dous anos.

"A Bela e a Besta" é unha adaptación en  imaxe real do clásico de Disney "A Bela e a Besta", que  conta a historia de  Bela,  unha moza brillante e enérxica, que soña con aventuras e un mundo que se estende  máis aló dous  confíns do seu  pobo en Francia.

Novos lectores na biblioteca

Un ano máis, no Día das bibliotecas escolares o alumnado colaborador da bilioteca fixo entrega dos carnés de biblioteca ao novo alumnado no centro para que teñan acceso a todos os servizos que se ofertan desde a biblioteca, sendo o máis solicitado o servizo de préstamo para levar fondos da biblioteca para as súas casas.

Xunto co carné, continuamos facendo entrega dunha carpeta na que lles vai un Pase de grandes lectores que deben cubrir das lecturas que fagan e que lle será validada co selo da biblioteca unha vez que devolva o libro. Cando a completan faiselle entrega dun pequeno agasallo en nome de Leo, a nosa mascota.

 

Día da biblioteca 2019

O 24 de outubro celebramos no noso cole o Día das bibliotecas escolares. Como en anos anteriores, aproveitamos esta data para presentar o PDI deste curso á comunidade educativa. Este curso académico o título escollido é "Incrible? Non!... está nas túas mans" co que pretendemos fomentar e favorecer a igualdade e a diversidade desde todo o traballo realizado desde a Biblioteca.

Cada grupo encargouse de presentar o que van a traballar nas súas aulas ao longo deste ano en relación á temática proposta. 

  • Alumnado de Ed. Infantil. Traballarán a coeducación e a igualdade de xénero a través do conto "Rosa caramelo" no cal a elefanta Margarita reivindica a igualdade de xénero para os nenos e nenas.
  • Alumnado de 1º de Ed. Primaria. Empregarán o conto de "Todo o mundo" para traballar a igualdade, xa que aínda que todos somos diferentes no noso interior podemos afirmar que todos somos iguais.
  • Alumnado de 2º de Ed. primaria. "Mercedes quere ser bombeira" é un conto para nenos e nenas que deben ler os adultos. Ensinaremos e aprenderemos a ser homes e a ser mulleres, a ser iguais e a ser diferentes á vez que transmitimos e configuramos as nosas filias e as nosas fobias. A igualdade entre os xéneros non é só unha postura ética e cívica, senón unha imperiosa necesidade nas nosas vidas e as nosas sociedades, é unha esixencia humana.
  • Alumnado de 3º e 4º de Ed. primaria. Presentaron a súa aportación ao PDI do centro que versará sobre as distintas profesións facendo fincapé nos estereotipos de xénero que a sociedade ten sobre as mesmas.
  • Alumnado de 5º e 6º de Ed. Primaria. Fixeron unha presentación da temática que traballarán "Cidadanía, igualdade e integración" por medio de linguaxe de signos.
  • Alumnado de Inglés. GOLDEN RULES. A participación da área de inglés no PDI do centro será a través das GOLDEN RULES. Eses comportamentos cotiás que fan que a nosa relación cos demais sexa o máis positiva e respectuosa cara aos outros. Saudar, desculparse, dar as grazas, compartir, …, Golden rules para o noso día a día. E o máis importante, … SMILE, PLEASE!

O alumnado de 4º de Ed. Primaria, tamén representou un teatriño de monicreques titulado " A cachiporra máxica" para recordarnos que a celebración do Samaín xa está "aí".

Para rematar, o alumnado de 5º de Ed. Primaria representou unha obra de teatro que eles mesmos elaboraron e titulada "A nosa biblioteca", co fin de iniciar a formación de usuarios do novo alumnado do noso centro aos que lles foi entregado o seu carné de biblioteca.

 

Biblioteca escolar: viveiro de cidadanía.

A Dirección Xeral de Centros e Recursos Humanos, seguindo a súa dinámica de difusión das posibilidades que ofrece a biblioteca escolar ao conxunto da comunidade educativa, dá a coñecer o lema que propón ás bibliotecas escolares galegas para o presente curso 2019/2020: "Biblioteca escolar, viveiro de cidadanía". Nesta ocasión é o ilustrador Óscar Villán quen interpreta o lema e nos ofrece unha imaxe múltiple e evocadora de diversas situacións que unha biblioteca escolar pode facilitar.

Blog de bibliotecas escolares

Encontro coa poetisa Teresa de la Fuente

O día 3 de outubro tivemos o privilexio de contar coa presenza no noso centro da poetisa mexicana Teresa de la Fuente grazas á colaboración do Círculo Poético Ourensán, representado, neste acto, por José Ramón Fdez Morgade e María Glez Méndez, e acompañados de Irma del Ángel que comparte cartel no X Encontro Internacional de Poesía que se celebrará en Ourense entre o 4 e 6 de outubro.

O alumnado do noso centro recibiuna na biblioteca e presentoulle os traballos realizados ao longo da semana nas súas clases: coplas sobre a súa vida e obra, recitaxe de varios dos seus poemas, ilustracións e cartaces dos poemas traballados na Hora de ler... Posteriormente, unha vez rematada a súa presentación, foi “sometida” a unha complicada batería de preguntas polo alumnado e profesorado que a poetisa accedeu a responder amablemente e con moita paciencia.

Para rematar o acto, Teresa de la Fuente, recitounos varios dos seus poemas recollidos no poemario “Entre metáforas e café” do que é coautora.

Despediuse de nós moi emocionada e agradecendo o recibimento outorgado.

Na seguinte galería de imaxes podedes observar os mellores momentos do encontro:

Mª Teresa de la Fuente

Teresa de la Fuente é orixinaria de Río Grande, estado de Zacatecas, aínda que vive en San Luis de Potosí. Desde hai anos desenvólvese como poeta e narradora. Durante a súa traxectoria foi galardoada no terreo da poesía, e é autora de poemarios inéditos como o titulado “Dualidad a esta hora neutra”.

Esta muller, esposa, nai demostra que cando se ten vocación para escribir non hai muros, límites, nin xustificacións, e que a entrega ao traballo literario é incondicional, cunha vocación a forza de constancia, disciplina e oficio. Caracterízase por ter unha precisión moi discreta e sensible na construción dos seus versos e que resultan moi intimistas, coma se asomaran ao mundo en forma de curiosidades e asombros que entran nos nosos radares psicolóxicos a modo de brisa e néboa que nos van humedecendo e, cando menos esperamos, xa nos empaparon de maneira moi refrescante o espírito e a conciencia.

Traballou para a Industria na área de Recursos Humanos por máis de dez anos, e no terreo da arte estudou dicción co recoñecido dramaturgo Carlos Olmos na Capital do país, e tomou cursos de literatura con doutóraa Gloria Prado Garduño a través da UASLP.

Ten participado en talleres literarios e, é promotora cultural independente da poesía en feiras do libro, maratóns de lectura, casas de cultura e na radio, e é coautora do libro “ Tríada” xunto cos poetas Irma do Anxo e Anxo Colado.
Vale citar que a poesía desta creadora é lixeira, sensitiva e sinxela; sosegada e profunda, e atende ao mundo dentro dunha sensibilidade que non admite especulacións.

A súa obra transcorre pola estética da súa creación, sabedora de que o tempo é fráxil e en calquera instante crébanos e é por iso que a esperanza e a espera, radican en facerlle homenaxes constantes a cada pouco, coa bela sublimación que nos permita un pouco de eternidade que, neste mundo tamén é moi improbable; pero aí están os marabillosos sentimentos para facer desta existencia un lugar máis benéfico. E que mellor que a poesía que nos esperta e esperta o mellor de nós?


Fontes:


 

Primeiro día de clase

Hoxe comezaron as clases en todos os centros de Ed. Primaria e Infantil de Galicia, e no noso cole, para non ser menos que ninguén, comezamos tamén.

A maioría chegamos ao cole con moita alegría e gañas de ver aos nosos amigos e amigas, aínda que algúns non o pasamos tan ben, xa que deixamos ás nosas familias na entrada do cole para pasar a convivir cuns seres estraños, algúns grandes, que non facían máis que dar ordes e instrucións...

...pero a verdade é que a mañá pasouse moi rápido e enseguida chegou a hora de ir a comer.

Mañá, máis e mellor, XA VEREDES!!!

 O mércores, 18 de setembro, publicouse unha reportaxe gráfica do comezo de curso no Xornal escolar de "La Región":

Vídeoconferencia con Franza

COÑECÉMONOS!

Durante este curso o alumnado de 5º e 6º de primaria estivo a coñecer ao alumnado do CEIP Santiago Apóstolo de Franza, Mugardos.

O alumnado de ambolosdous centros escribironse diferentes cartas, nas que se presentaban e contaban as súas inquietudes, gustos e desexos.

Para rematar con esta bonita relación epistemolar, coñecémonos en persoa.

Fixemos unha conexión vía videoconferencia, desde a nosa biblioteca, para así selar a nosa amizade.

Foi un momento moi especial, o alumnado de Franza recitou dous interesantes contos, e o do colexio recitou tres poemas moi representativos da nosa lingua.

Foi todo un fin de festa!

Esperamos seguir relacionándonos para o próximo curso.

Distribuir contido