Taboleiro

XOVES 8, COMEZAMOS!!!

 

Ola alumnado e familias. Xa temos todo preparado para recibiros este xoves 8 de setembro. Se facedes clic na imaxe teredes a posibilidade de consultar unha circular informativa sobre o novo procedemento para as entradas e saídas. Volvemos cunha situación prácticamente similar a que tiñamos antes da pandemia. As familias podedes acceder con normalidade ao recinto para acompañar ao alumnado ata a porta de entrada correspondente, e nas saídas tamén podedes entrar un pouquiño antes para recollelos-as diante da porta ou no patio. 

A única medida, dos protocolos COVID, que deberemos manter será a obrigatoriedade de utilizar mascarilla no transporte escolar, ou sexa, cando teñamos algunha saída. O resto de medidas que tanto amolaron: uso de xel, mascarilla, grupos burbulla, confinamentos, zonas acotadas, limitacións de aforos e acceso, etc, etc, deixan de estar en vigor. Agardamos poder levar a cabo un curso similar aos anteriores á pandemia e sabemos que contamos co voso apoio e xa pedimos a vosa colaboración e comprensión, especialmente para estes primeiros días que están sempre cheos de intensidade emocional, de moita información, algún desaxuste,..., pero entre todos e todas sacarémolo adiante. 

MOITAS GRAZAS E QUE TEÑAMOS UN FANTÁSTICO E MÁXICO CURSO!!! Guiño

 

Listaxes de material

A continuación podedes acceder ás diferentes listaxes de material solicitadas polo profesorado de nivel, pinchando na liña correspondente;

NON HABERÁ ENTREGA PREVIA DO MATERIAL. O ALUMNADO DEBERÁ TRAELO O PRIMEIRO DÍA DE CLASE.

Graduacións

O pasado luns 20 de xuño foi a quenda dos peques de 5 anos, que acompañados polas familias e as súas mestras disfrutaros dun bonito acto a súa despedida de infantil. E xa o mércores 22 pola tarde foi o acto de graduación do alumnado de 6ºEP, que despois de nove anos deixan o cole. Foron momentos moi especiais con videos moi emotivos do seu paso polo cole ata a súa excursión de final de curso, e como guinda un flashmob sorpresa co que deixaron abraiados ás súas familias. Desexámoslles moita sorte no seu camiño pola secundaria a esta promoción 2013-2022, a máis numerosa dos 30 anos de historia do cole. Moita sorte!!

Curso 21-22; punto final

Así acabamos o curso, cunha tradicional actividade, a festa de xogos, recuperada tras dous anos interrumpida pola pandemia. Todos e todas xogando xuntos. Compartimos as imaxes e desexámosvos unhas boas e merecidas vacacións.

 

Que ben nos quedou!

Escaleiras cheas de valores. Hoxe mostrámosvos o resultado final doutra das iniciativas que se realizaron no colexio para promover valores no noso alumnado. Decoramos as escaleiras con frases feitas polo alumnado e seleccionadas polo profesorado con motivo do Día da Paz e do Día da Muller. Aproveitamos tamén para cambiarlle a cara á entrada da biblioteca, a porta do ximnasio e as portas da entrada pola AV. da Concordia con diferentes fotos, debuxos e traballos realizados no colexio.

Xubilación de Carmen e Lola

Hoxe venres 19 de febreiro do 2021 xubilouse a nosa compañeira Lola, mestra especialista de audición e linguaxe, que formou ata hoxe parte do Departamento de Orientación do colexio

Despois de 38 anos na docencia e 11 no noso centro, chegou o momento de descansar e disfrutar desta nova etapa na súa vida, na que lle desexamos moita saúde e sorte. 

Carmen López xubilouse ao final do curso pasado, e de xeito imperdonable, non fixemos unha reseña da súa despedida ata hoxe ("mea culpa" Pablo).

Igual que Lola, case 40 anos na docencia, dos que os 14 últimos foron no Fdez Latorre, sempre como titora de 5º-6º de Primaria. Desexámoslle tamén moita saúde para disfrutar dun montón de anos cheos de bonitas experiencias.

 En nome de toda a comunidade educativa moitas grazas a ambas polo voso traballo e compromiso.

Conmemoramos o Día da Paz

Coas limitacións pola pandemia, nesta ocasión apostamos pola realización dun vídeo no que cada aula traballou sobre diferentes homes e mulleres que fixeron importantes esforzos por facer un mundo mellor.

Iniciamos o segundo trimestre

Estimadas familias, este venres 8 de xaneiro iniciamos as clases deste segundo trimestre con normalidade, tal e como estaba previsto no calendario escolar. Quero pediros a máxima prudencia e colaboración para continuar aplicando, incluso reforzando dada a situación actual, as principais medidas de prevención contra o coronavirus: distancia, hixiene de manos, uso da máscara e facer diariamente unha autoavaliación de sintomatoloxía Covid antes de acudir ao colexio. Estou seguro de contar unha vez máis coa vosa colaboración, e así conseguir entre todas e todos que o curso continúe e termine presencialmente e cos mínimos contaxios posibles. Será un éxito de toda a comunidade educativa.

Aproveito tamén para informar do inicio das actividades extraescolares na vindeira semana. Lóxicamente estarán asuxeitas á normativa autonómica sobre o Covid e contarán cun protocolo específico para o seu desenvolvemento. O cadro de actividades e horarios o tedes neste enlace da web.

Feliz Ano e moita saúde para todos-a.

Powered by Drupal - Design by artinet