Escolares do CEIP Condesa de Fenosa foron seleccionados para realizar un intercambio con estudantes da Escola Diogo Câo de Vila Real promovido polo Eixo Atlántico e que conta co financiamento do Concello do Barco.
Con este programa foméntase o intercambio entre escolares Valdeorreses e outros provenientes doutros países, promovendo o coñecemento doutras culturas da eurorrexión e a sensibilización sobre a importancia de vivir en municipios integrados no Eixo Atlántico.
O intercambio terá lugar o 10 e 11 de abril en Vila Real, e o 8 e 9 de maio cando os alumnos e alumnas da Escola Diogo Câo de Vila Real viaxarán ao Barco.
Os obxectivos desta iniciativa son, entre outros, os seguintes:
- Promover entre os estudantes e docentes o coñecemento do seu municipio, dos municipios integrantes do Eixo Atlántico e do propio Eixo Atlántico, así como do seu patrimonio (cultural, natural, inmaterial).
- Facilitar o intercambio entre estudantes dos diversos municipios do Eixo Atlántico.
- Concienciar ós estudantes da importancia de vivir nun municipio integrante do Eixo Atlántico e que conforman unha Eurorrexión.
- Promover a realización de experiencias didácticas que potencien o uso do municipio como recurso educador.